Os prezos dos fertilizantes apuntan á estabilidade e mesmo á baixa en 2015

A depreciación do euro fronte ao dólar provocou unha importante suba dos fertilizantes nos últimos meses

Publicidade
Os prezos dos fertilizantes apuntan á estabilidade e mesmo á baixa en 2015

O prezo dos fertilizantes tenderá á estabilidade durante o 2015.

O prezo dos fertilizantes minerais manterase estable e mesmo baixará ao longo do 2015. Esta é a previsión que fan tanto dende a Asociación Comercial Española de Fertilizantes (ACEFER), como dende o Banco Mundial.

A suba do prezo dos fertilizantes foi motivo de polémica nas últimas semanas despois de que COAG fixese público un informe no que denunciaba que a baixada no prezo dos hidrocarburos ao longo dos últimos meses non se estaba a trasladar ao prezo dos fertilizantes.

En concreto, COAG denunciaba nun informe que mentres que no último semestre de 2014 o prezo do barril de petróleo baixou un 46,3% e o gas natural un 25,5% , “sen embargo o prezo dos principais fertilizantes utilizados en España, cuxos custos de fabricación están íntimamente ligados ao prezo do gas e do petróleo, experimentaron unha clara tendencia á alza”.

prezos_fertilzantes_COAG_01

Acusan á industria dos fertilizantes de ser “un oligopolio con afán especulativo”

Isto levou ao secretario xeral de COAG, Miguel Blanco a cualificar de “intolerable que o afán especulativo da industria dos fertilizantes impida que agricultores e gandeiros se podan beneficiar das baixadas nos prezos das materias primas a escala mundial”.

Situación en Galicia: cada explotación gasta de media uns 1.200 euros anuais en fertilizantes minerais

Dende Galicia tamén se protesta contra esta situación. O secretario de Gandeiría de Unións Agrarias, Javier Iglesias asegura que “podería ser non discutible a suba nos fosfatos ou dos abonos potásicos, pero si nos abonos nitroxenados -nitrato amónico-, os máis utilizados en Galicia tanto para forraxes como para froito”.

Nos adubos nitroxenados o prezo da enerxía é clave, o cal debería ter provocado unha baixada dos prezos dos fertilizantes, pero non só non ocorre iso senón que hai un repunte”, denuncia o responsable de UUAA. Neste sentido, anuncia a presentación dun recurso ante a Agencia de Información e Control Alimentarios do Ministerio de Agricultura.

O certo é que en Galicia, dada a abundancia de abono de orixe animal, o peso dos fertilizantes minerais nos custos dunha explotación media son secundarios. Así, segundo un estudo elaborado no CIAM a partir de 163 explotacións galegas de leite, o gasto en fertilizantes, expresado en €/100 kg de leite situábase en 2011 en 0,5, lixeiramente por riba da media estatal e cunha tendencia á baixa dende o ano 2008. Para unha explotación media cunha cota de 225.000 kg o gasto anual en fertilizantes sería de 1.200 euros.

En Francia tamén subiu o prezo dos fertilizantes

Sen embargo, a situación de España non é diferente á doutros países europeos. Así por exemplo, malia que en liñas xerais os prezos dos fertilizantes en España son máis elevados que en Francia, o noso veciño tamén experimentou unha suba no último trimestre do ano, e aínda máis ao longo do mes de xaneiro.

Segundo o portal de información agraria terre-net.fr as cotizacións nos últimos meses, expresadas en €/100kg, evolucionaron do seguinte xeito:

Xullo

Decembro

Febreiro (día 3)

Urea

27,5

32,2

34,6

DAP (Fosfato diamónico)

40,1

43,1

47,1

Nitrato amónico 27%

22,1

25

25,9

Posición da industria: a depreciación do euro fronte ao dólar é a principal causa da suba

Deste xeito, dende a patronal española dos fertilizantes subliñan que “os prezos en España están aliñados cos prezos internacionais e son moi parecidos ao resto de países europeos, que están sufrindo a mesma volatilidade”.

En declaracións a Campo Galego, dende ACEFER replican a COAG que “o prezo do petróleo non ten nada que ver co custo dos fertilizantes, senón é pola súa influencia sobre os custos da enerxía eléctrica ou o transporte, pero si en cambio o gas natural, pola vía do amoníaco que é a materia prima dos nitroxenados”.

Neste sentido, atribúen a suba dos fertilizantes nos últimos meses “fundamentalmente á depreciación do euro fronte ao dólar, a moeda na que cotizan os fertilizantes internacionalmente e na que se pagan as materia primas que se importan doutros países para a súa elaboración.

O cambio dólar USA vs. Euro cambiou dramáticamente nos últimos dous meses”, afirman dende ACEFER. Así, explican que en decembro 1 TM de urea granular(en España non se fabrica) importábase a un prezo de 400 $/TM CIF e o cambio $/€ estaba a 1,27; é dicir, valía 315 Euros por TM. Hoxe vale 395 $/TM, mesmo baixou 5 $/TM, pero el cambio $/€ está a 1,125; é dicir, que agora vale 350 EUROS por TM, en posición CIF. En resumo, 35 Euros por TM máis só polo ambio del valor $/€.

Outro exemplo que aportan dende a patronal dos fertilizantes é o DAP -que tampouco se fabrica en España. En decembro custaba 550 $/TM CIF o 433 Euros/TM. Hoxe o DAP véndeno os fabricantes a 560 $/TM CIF debido a que estamos en campaña e hai máis demanda; e se ben é certo que o fosfato non ten nada que ver co petróleo, a día de hoxe cotízase ao cambio a 498 €/TM, 65 euros/TM más que en decembro, dos cales 56 €/TM son polo efecto cambio euro-dólar.

Previsións para este ano: estabilidade nos prezos e mesmo descenso

En canto ás previsións para este ano, dende ACEFER aseguran que “os prezos estarán estables durante o primeiro trimestre”. Engaden que “a partir do segundo trimestre os prezos dos adubos nitroxenados terán tendencia á baixa, polo desfase entre a oferta e a demanda”.

Para os fosfatados e a potasa ACEFER prevé “prezos máis estables durante todo o 2015, coas habituais oscilacións debidas á maior demanda nas campañas de consumo”.

A mesma tendencia de estabilidade nos prezos dos fertilizantes e mesmo baixada faina o Banco Mundial nun informe de xaneiro deste ano sobre as predicións de prezos até o 2025.

prezos_fertilzantes_BANCO_MUNDIAL_01

Recomendacións para lograr un mellor prezo nos fertilizantes

En todo caso, o que recomendan os expertos para obter mellores prezos é comprar os fertilizantes fora de campaña, cando a demanda é menor, fundamentalmente nos meses de verán.

Dende Asociación Comercial Española de Fertilizantes (ACEFER) afirman que “se a compra se fai de forma programada e en períodos fora das campañas no hemisferio norte, favorece que os agricultores compren os fertilizantes a prezos máis estables”.

Así o fan os agricultores máis profesionais en Francia ou en Estados Unidos, mentres que en España compran o fertilizante o día antes de aplicalo, cando hai máis demanda”, conclúen.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información