“O solo agrícola é escaso, fráxil e non renovable”

Entrevista a Montserrat Díaz Raviña, presidenta da Delegación Territorial de Galicia da Sociedade Española da Ciencia do Solo, e investigadora do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia do CSIC.

“O solo agrícola é escaso, fráxil e non renovable”

Montserrat Díaz Raviña.

O 2015 foi declarado pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) como o Ano Internacional dos Solos coa finalidade de concienciar a toda a sociedade sobre a importancia de este recurso natural non renovable a escala humana, que, entre outras funcións, é o sustento da alimentación da humanidade.

Hoxe en día este recurso está seriamente ameazado, en boa medida, por malas prácticas agrícolas e silvícolas. Falamos con Montserrat Díaz Raviña, presidenta da Delegación Territorial de Galicia da Sociedade Española da Ciencia do Solo, e investigadora do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, dependente do CSIC.

Cal é o estado xeral de saúde dos solos en Galicia?
En xeral, o que podemos dicir é que debido a unha mala xestión do uso do solo, á expansión demográfica (ocupación do solo por casas, industrias e estradas) e a malas prácticas agrícolas e silvícolas, a saúde dos solos ten empeorado moito nas últimas décadas incrementándose considerablemente o número de solos degradados.

“Nas últimas décadas aumentou a cantidade de solos degradados en Galicia”

Neste sentido, debemos prestar especial atención á prevención dos incendios forestais, aos cambios no uso do solo e ás prácticas de manexo inadecuado do solo agrícola e forestal que conducen á perda de materia orgánica e á contaminación dos solos (por exemplo, zonas de cultivo intensivo como A Limia).

En definitiva, temos que diminuír o impacto das actividades humanas sobre este recurso; é dicir, protexer e conservar a calidade do solo a medio e longo prazo con boas prácticas agrícolas e silvícolas que garantan a produción de alimentos sans e materias primas para as vindeiras xeracións.

Son os solos de Galicia de gran fertilidade?
Non. Só un 20% dos solos son realmente axeitados para o cultivo; un 18% teñen problemas de fertilidades porque son pouco fondos, ou teñen demasiada pendente ou moitas rochas e pedras. Así, pouco máis do 30% dos solos teñen uso agrícola e outro 30% é monte madeirable.

 “Só o 20% dos solos de Galicia son realmente axeitados para o cultivo”

Ademais, en xeral, os solos de Galicia teñen un PH ácido, textura areosa e un contido de materia orgánica elevado. Sen embargo, a dispoñibilidade de nutrientes para as plantas é baixa, debido tanto á lenta taxa de mineralización da materia orgánica como ao PH ácido do solo.

En canto á dispoñibilidade de agua, debido a textura areosa, ven determinada fundamentalmente polo réxime de choivas.

Cales son as principais problemáticas dos solos agrícolas e forestais na nosa Comunidade?
Nos solos agrícolas a degradación prodúcese debido fundamentalmente ao cultivo intensivo, á labra non axeitada e á utilización masiva e incontrolada tanto de fertilizantes inorgánicos e orgánicos e produtos fitosanitarios.

Isto conduce á erosión do solo, á compactación e perda de materia orgánica e á contaminación química do solo e das aguas superficiais e subterráneas.

Nos solos forestais a degradación prodúcese debido aos incendios forestais, cambios do uso do solo (forestal a cultivo e pradeira) e manexo inadecuado do bosque (talas salvaxes, clareos excesivos, malas prácticas de instalación de bosques cultivados, etc.).

Que perigos pode supor unha incorrecta achega de nitróxeno aos solos agrícolas?
A contaminación dos solos é o desequilibrio de nutrientes por aporte excesivo de N amoniacal e nitratos á solución do solo. Estes nitratos non poden ser retidos no solo e, polo tanto, ou son absorbidos polas plantas, afectando á calidade dos alimentos producidos (elevado contido en Nitróxeno), ou pasan directamente a contaminar as augas superficiais e subterráneas, e repercutindo negativamente na calidade da auga (eutrofización) e na saúde das persoas (metahemoglobinemia).

encalando_CALFENSA_01_STANDAR

Encalando unha finca.

Os agricultores solen encalar cada ano para garantir unha boa colleita. Realmente é necesario?
Os solos en Galicia teñen un pH ácido. Así, dado que a maioría das plantas que se cultivan crecen mellor a pH próximo á neutralidade e que a dispoñibilidade de nutrientes aumenta co pH, é necesario encalar.

As necesidades de cal van vir determinadas polo tipo de solo e a planta que se cultiva, por iso é fundamental elixir o cultivo que mellor se adapte o solo, para non ter que levar a cabo un plan encalado de fondo moi drástico no solo, que se fai progresivamente durante varios anos para tratar de acercar o PH do solo ao pH óptimo de crecemento da planta.

“O encalado debería facerse en función do tipo de solo, da planta que se cultiva e do clima”

Logo, tamén hai que facer un encalado de mantemento porque debido ao réxime de choivas pérdense nutrientes, e a súa periodicidade depende do sistema agrícola (solo/clima/planta). No programa de encalado, que é específico para cada sistema agrícola, débese seleccionar o encalante mais adecuado e tamén hai que ter en conta a dose, forma e a época de aplicación.

Nas últimas décadas substituíuse o aporte de materia orgánica ás leiras en forma de esterco por xurro e fertilizantes químicos. Que cambios provocou no solo esta transición?
O esterco tradicional era un fertilizante moi bo porque combinaba os residuos gandeiros e vexetais, aportando ao solo materia orgánica. Normalmente o residuo vexetal era o toxo, que ao ser unha leguminosa, aporta moito N, que é o nutriente más limitante na produción das colleitas.

O esterco era un residuo equilibrado en nutrientes e pouco contaminante, xa que se produce una liberación lenta de nutrientes que se van poñendo a disposición da planta a medida que se vai descompoñendo pola acción dos microorganismos do solo.

 “O xurro é menos equilibrado en nutrientes e máis contaminante que o esterco”

O xurro é un abono menos equilibrado en nutrientes e con máis poder contaminante que o esterco debido á composición da fracción líquida (amonio, nitratos, metais pesados, antibióticos, etc.). Os abonos orgánicos deben ser tratados antes da súa aplicación ao solo para reducir o poder contaminante, e o solo non pode ser un vertedoiro non controlado dos mesmos.

Esparexendo esterco.

Esparexendo esterco.

En canto aos fertilizantes químicos, só aportan nutrientes (N, P, K) que van parar directamente á solución do solo e, se non son absorbidos polas plantas, pasan a contaminar as aguas superficiais e subterráneas (nitratos, fosfatos, etc.).

Sen embargo non aportan materia orgánica ao solo, que é tan necesaria para manter a fertilidade do mesmo porque mellora moitas das súas propiedades físicas, químicas e biolóxicas. O que sempre hai que ter en conta é que a fertilización inorgánica e orgánica se complementan e que a súa aplicación ao solo débese facer de forma racional e controlada.

-Os grupos conservacionistas critican o uso de pesticidas e herbicidas na agricultura, mentres os agricultores argumentan que son necesarios para reducir custos e poder ofertar alimentos a prezos asequibles. Realmente son tan prexudiciais para a saúde do solo?
Non cabe dúbida que o mellor sería non ter que usalos porque son produtos orgánicos que poden persistir no solo durante un tempo, e tanto o produto orixinal como os metabolitos secundarios poden ser prexudiciais para os organismos do solo que viven nel, sobre todo se se usan incontroladamente e sen ter en conta a doses, época de aplicación, etc..

Tamén poden acumularse residualmente nas plantas que se cultivan e contaminar as aguas.

“Unha planta ben alimentada nun solo san é menos susceptible ás enfermidades”

Sen embargo, se queremos garantir e rendibilizar a produción hai que usalos, pero con precaución. Hai uns produtos máis prexudiciais que outros e ademais tamén poden afectar ás plantas que se cultivan (acumulación en órganos vexetativos) e aos acuíferos (contaminación).

Por iso, ao igual que no caso dos fertilizantes químicos, hai que reducir e racionalizar o seu uso, utilizar produtos de baixo impacto ambiental e incluso tratar de compatibilizalos co control biolóxico.

Outra cousa a ter en conta é a prevención e fomentar as boas prácticas agrícolas, porque unha planta ben alimentada nun solo san é menos susceptible ás enfermidades.

Que actividades ten previstas este ano en Galicia a Sociedade Española de Ciencias do Solo?
Apoiamos e organizamos o itinerario en Galicia da exposición “Solos e biodiversidade forestal”. A exposición, que consta de 13 paneis con fotografías que mostran a riqueza e o patrimonio edafolóxico nacional, recorrerá toda a comunidade ao longo do ano.

Tamén se promoveron dúas actividades: un cómic e unha exposición de cadros, que teñen como finalidade chamar a atención sobre o solo dunha forma pouco convencional e atractiva, nun ámbito moi diferente ao científico; é dicir, entre os máis novos e os visitantes dos museos. O cómic, que se presentou este mes, tanto en formato electrónico como en formato papel, xa se está utilizando como recurso didáctico nos centros educativos de Galicia.

“O solo é un recurso non renovable e a súa conservación implica a toda a sociedade”

En canto á exposición “SoloArte: pintando con solo”, constará de 36 cadros do pintor José Caballo realizados directamente con mostras de solo de diferente cor e textura. A sede da exposición será o Museo de Historia Natural da USC e a duración de 6 meses (abril-setembro).

Por outra parte, a principios do mes de Xullo están previstas unhas xornadas científicas de campo na Ribeira Sacra, que teñen como finalidade analizar os recursos naturais da zona, prestando atención ao solo e ás paisaxes ás que da lugar, que constitúen un bo exemplo de boas prácticas de conservación de solo e de construción da paisaxe. O segundo obxectivo é apoiar a candidatura da “Ribeira Sacra patrimonio da Humanidade”. As actividades do segundo semestre do ano aínda están sen concretar.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información