O pemento de Herbón: cultivo e comercialización

Trazos básicos do cultivo e da comercialización do Pemento de Herbón con Denominación de Orixe Protexida. Artigo de Óscar Antón Pérez, asesor de cultivo de SAT A Pementeira.

Publicidade
O pemento de Herbón: cultivo e comercialización

Pemento de Herbón.

Estamos a piques de comezar a campaña do pemento de Herbón (Capsicum anuum L) do ano 2015. Desde un punto de vista agronómico baixo esta denominación agrúpanse varios ecotipos da variedade Padrón, cultivados ao abeiro da Denominación de Orixe Protexida “Pemento de Herbón”. Son múltiples os condicionantes biolóxicos, ambientais pero tamén históricos os que explican a proliferación deste pemento. A tradición, presente aínda en múltiples aspectos do cultivo, representa un papel fundamental para determinar o que a día de hoxe se converteu nun produto de elevada calidade e con sinalado impacto comercial.

O cultivo do pemento de Herbón

O cultivo comeza coa selección dos exemplares das plantas e froitos entre os mellor conformados respectando os criterios morfolóxicos recomendados pola D.O.P. A selección realízase entre exemplares que presentan froitos con 3 ou 4 lóculos no estremo, co ápice afundido, de sección trapezoidal, lixeiro engrosamento da parede e a pel lisa, sen avultamentos nin imperfeccións.

O pemento sigue o seu ciclo normal na planta até a maduración, momento no que, previa proba de sabor en cru dalgúns exemplares seleccionados ao chou, escóllense os de menor sabor picante. Posteriormente as sementes son desprendidas da matriz en auga e secadas a continuación.

A sementeira tradicional e maioritariamente efectúase entre outubro e decembro en tallóns, un tipo de horto de semente con substrato moi rico en materia orgánica. De forma rectangular cóbrense con plástico en arco que contribúe a elevar a temperatura e preservar a humidade, estimulando o agromo da semente e o amparo posterior da plántula. Nos meses de inverno o plástico de abrigo retírase do arco durante o día permitindo a ventilación do interior, estratexia coa que se frean as enfermidades e endurecen a planta ao mesmo tempo.

Pemento de Herbón.

Pemento de Herbón.

A fins de febreiro transplántase no invernadoiro, onde se desenvolven até o 31 de outubro. A primeiros de maio o transplante faise nas leiras de exterior onde os rendementos e o ciclo de cultivo son máis curtos. A plantación realízase en liñas, cunha separación entre plantas de 35 cm e entre liñas de 70 cm. Con estes marcos obtéñense de 2 a 2.5 plantas por metro cadrado.

Se as temperaturas e a humidade son estables e sobrepasan os promedios de entre 17-19º C diúrnos, a floración ten lugar entre os 45 e os 55 días despois do transplante. Pouco antes da fase de floración introdúcese o entitorado mediante colocación de fíos a ambos lados da planta, atados en estacas nos estremos de cada liña. O fío pode ser simple ou duplo e dependendo do porte da planta e a altura oscila entre os 30 e os 70 cm con respecto ao chan.

É fundamental un adubado rico en materias fosfatadas e nitratadas, así como complementado con microelementos

Nesta etapa considérase fundamental un adubado rico en materias fosfatadas e nitratadas, así como complementado con microelementos como boro, molibdeno, magnesio que estimulan a floración e o callado do froito.

A colleita encétase aproximadamente 20 días despois da primeira floración xeral (>50%). A masiva floración acadada por estes ecotipos xunguido a un bo índice de callado da flor, determinan que sexa necesaria a extracción cada 48-72 horas. O froito colleitado mantén así os criterios de calidade establecidos pola D.O.P e tamén o necesario equilibrio organoléptico que lle outorga o sabor característico.

O pemento de Herbón debe pórse a venda cun tamaño comprendido entre os 3.5 e os 5.5 cm de longo, 1.5 cm de diámetro, e un peso que oscila entre 4.5 e 5.5 gramos por unidade. Resulta fundamental nesta fase o aporte de potasio e algúns microelementos como magnesio e ferro para o mantemento do cultivo e o engorde da planta.

Problemas sanitarios

A sanidade convértese nun factor determinante en determinadas etapas: Durante o período de crecemento da plántula no tallón, as baixas temperaturas, o abrigo do plástico e a humidade en exceso elevan os riscos de xeito radical.

O transplante e os días posteriores a el constitúen outro dos momentos complicados do cultivo, pois supón unha compoñente de estrés engadido que aumenta as probabilidades de colapso. Os problemas máis significativos nestas dúas fases son as enfermidades criptogámicas e algunhas parasitarias, nomeadamente os nematodos.

Desaconséllase a repetición do cultivo no mesmo solo

Convén sinalar pemento é unha solanácea. Esta característica fai que os cultivares acumulen certas enfermidades que afectan maioritariamente ao sistema radicular. A repetición do cultivo no mesmo solo aumenta significativamente o risco de desenvolver este tipo de enfermidades.

A Rizoctonia (Rhizoctonia solani) e o Fusarium (Fusarium oxysporum) xunto cos nematodos xuntan de por sí a maioría da problemática sanitaria nas dúas fases anteriormente citadas.

Unha mellora no manexo da semente, con emprego de bandexas e terra estéril na sementeira, xunto cunha racionalización da rega e da ventilación, constituirían un adecuado punto de partida para reducir os problemas da primeira fase.

A rotación con cultivos intermedios entre sucesivas plantacións parcela, evitar os alagamentos, empregar adubos orgánicos esterilizados e reducir a salinización debida a sucesivos adubados minerais, o control da temperatura e unha axeitada ventilación tanto aérea como edáfica, contribuirían positivamente a reducir as perdas na fase de transplante e posterior establecemento do cultivo.

Durante o período vexetativo o control debe manterse, porén as probabilidades de caída derivadas de factores ambientais redúcense. A grande adaptación destes ecotipos de pemento á zona, grazas a un proceso de selección xenética de séculos, permítelle resistir bastante ben infeccións fúnxicas coma o Mildeu e a Botrite.

Evitar os alagamentos, empregando regas curtas durante os períodos de seca

Por outra parte a Seca (Phytophtora capsici) constitúe de por si só un factor de risco ben coñecido; isto permite dotarse de estratexias necesarias para controlalo. Evitar os alagamentos, empregando regas curtas durante os períodos de seca, reducen significativamente a influencia desta enfermidade.

Outra afección habitual durante o período produtivo é o Oidium, porén a súa influencia é relativa, moi condicionada pola temperatura e a humidade ambientais. As estratexias para combatelo deberan incluír algunha alternativa no manexo que permitise recortar os tratamentos de síntese pois, se ben son seguros e con prazos de seguridade curtos, de seguida aparecen resistencias.

O pemento tamén padece pragas. Dentro deste tipo de patóxenos cómpre estar atento ao pulgón, sobre todo ao pulgón verde, que se manifesta en varias etapas no cultivo. Un golpe de calor e o ascenso ocasional da humidade relativa é suficiente para que apareza. Máis frecuente nas etapas intermedias (nos meses de abril, maio e xuño), convén non descoidalo no verán. A metodoloxía de control é dupla. Normalmente recórrese a soltas de xoaniña (Coccinella septempunctata) e se esta non for efectiva, empréganse químicos de baixo residuo.

Nos últimos anos rexistráronse episodios moi frecuentes de trips (Franklinella occidentalis) que teñen ocasionado importantes perdas no cultivo e no froito. Ao deterioro na propia flor e do froito cómpre sumarlle que se trata dun potentísimo vector na propagación do virus do Bronceado (TSWV) que ten provocado o colapso de invernadoiros enteiros. O control do trips efectúase con soltas semanais de Chinches (Orius laevigatus) e ocasionalmente con tratamentos a base de spinosad.

Colleita e comercialización

Pemento de Herbón.

Pemento de Herbón.

A colleita esténdese entre o 15 de maio e o 31 de outubro. A produtividade das parcelas é oscilante porén a D.O.P. establece como topes produtivos para a campaña de 6 kg/m2 no cultivo protexido e 3 kg/m2 para aire libre.

A maior problemática do pemento de Herbón sitúase na comercialización, pois o nome Padrón cadra cunha variedade comercial moi estendida xeograficamente e durante moito tempo empregada de xeito desregulado. Lonxe de constituír unha avantaxe, ten servido para que as tendas e áreas comerciais se vexan saturadas de pemento co cualificativo “tipo Padrón”, procedente de cultivares situados moi lonxe do concello que lles da nome, a prezos moi baixos que non recollen as condicións agronómicas que se establecen como mínimas na Denominación de Orixe.

Esta situación está sometendo as explotacións da zona a unha desigual e severa competencia que se traduce nunha dificultade de visibilización do produto propio. Pementos que nin sequera son ecotipos semellantes e que comparten cor e non sempre tamaño, copan non só areas comerciais senón que son empregados ás veces por establecementos de restauración do arredor co argumento de que se trata dun produto cun prezo moito menor do que trae o pemento da D.O.P.

Os desafíos do futuro pasan por establecer mellores canles de comercialización, deseñar estratexias para a visibilización e establecer criterios de diferenciación que permitan ao consumidor distinguir definitivamente aquel pemento con elevada calidade daqueloutro producido sen elas. Por outra parte cómpre seguir insistindo na venda do produto a partires da calidade e procurar instrumentos que contribúan a aumentar a diferenciación e o valor engadido en aras dun mellor e maior recoñecemento.

Óscar Antón Pérez García

Óscar Antón Pérez García. Enxeñeiro Técnico Agrícola. Asesor técnico agrario de SAT A Pementeira (Herbón-Padrón).
Telf. 606 703 525 oscar.anton.perez@gmail.com Twitter: @oscarantonpg

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información