O Parlamento acorda deseñar un plan de impulso á horta e á fruticultura

O grupo popular acepta unha proposta de Age para desenvolver un proxecto de apoio ás producións vexetais e á agricultura ecolóxica

O Parlamento acorda deseñar un plan de impulso á horta e á fruticultura

O Parlamento quere poñer en valor a calidade da horta galega.

O conxunto dos grupos do Parlamento galego amosáronse hoxe de acordo na necesidade de deseñar un plan de impulso á horta, á fruticultura e á agricultura ecolóxica de Galicia. “En Galicia temos unhas condicións moi axeitadas para a produción de horta e de froita, pero moitas veces é complicado atopar na gran distribución produtos galegos e tampouco enviamos moitos para fóra. Sería preciso un plan para fomentar a horticultura, a fruticultura e a agricultura ecolóxica”, propuxo hoxe na Comisión de Agricultura do Parlamento o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (Age) Antón Sánchez.

Sánchez precisou que a aposta galega debía centrarse en “produtos de calidade” e en “circuitos curtos de comercialización”, tales como mercados locais, pero “sen desbotar” a gran distribución. A proposta foi ben acollida polo resto dos grupos da oposición e tamén polo grupo popular. “Temos un gran potencial en castes autóctonas que non se poñen en valor e que ademais se están perdendo”, sinalou a deputada do Bng Tareixa Paz.

Os grupos rescatan a idea dunha marca de calidade para a horta galega

Os deputados tamén lembraron que xa no 2008 se proxectara a posta en marcha dunha marca de calidade para a horta galega, aínda que nunca se chegou a implantar. No 2011, a Xunta mesmo anunciara a inminente creación do selo ‘A nosa horta’, que finalmente non viu a luz.

“Hai moito por facer” -concluía Antón Sánchez.- “O máis importante é garantir o acceso á terra e apoiar ós que comezan. Tampouco temos formación específica para a horta e a fruticultura e, en canto á agricultura ecolóxica, é verdade que medra, pero naqueles sectores nos que é máis sinxela a conversión, coma o vacún de carne ou a castaña, pero non na horta nin na froita” -valorou o deputado de Age.- “Hai que facer un debate honesto e esperemos que o acordo de hoxe se traduza nalgo concreto”, rematou.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información