O IV Foro Labrego de Agroecoloxía abordará os retos da emerxencia climática para a agricultura

Organizado pola Asociación Herbamoura, co apoio do Sindicato Labrego Galego, terá lugar esta fin de semana en Herbón e abordará por primeira vez a relación entre a agricultura e o cambio climático

Foro Agroecoloxía SLG1

Henrique Outes e Pura Seoane na presentación das xornadas

O Foro Labrego de Agroecoloxía abordará esta fin de semana a relación entre cambio climático e agricultura. O encontro, que chega á súa cuarta edición, terá lugar o sábado e o domingo no Convento Franciscano de Herbón. Baixo o título Soberanía climática, emerxencia alimentaria, contará con diversas palestras e obradoiros que xirarán ao redor da crise climática.

O Sindicato Labrego Galego volve colaborar na organización desta cita, que foi presentada hoxe por Henrique Outes, vicerresponsable da Dirección de Horta do SLG, e Pura Seoane Alvela, labrega ecolóxica, que explicou que son precisamente os labregos e labregas os que están vivindo de cheo o cambio climático na súa profesión, con alteracións nos ciclos de choivas e secas e coa aparición de pragas e enfermidades fóra de época, uns feitos que se traducen nun fondo sentimento de incerteza e impotencia.

Por iso, para Pura Seoane son necesarios foros como este de agroecoloxía que se vai celebrar esta fin de semana, xa que dixo, “como labrega, síntome coa responsabilidade de trasladar ese berro da terra á sociedade e de poñelo en común con outras persoas que loitan ou están dispostas a loitar contra o cambio climático”.

Enfoque multidisciplinar

Máis centrado no programa, Henrique Outes destacou a ambición do Foro Labrego de Agroecoloxía neste 2019, xa que aborda por primeira vez a crise de emerxencia climática desde o punto de vista da agricultura. “Probablemente, non se fixo un evento centrado en agricultura e cambio climático cun programa tan completo coma este nin no Estado nin a nivel europeo”, destacou.

O Foro contará con especialistas como Xosé Veiras, en cambio climático, Xan Xosé Neira en recursos hídricos aplicados á agricultura, Xoán Doldán ou Begoña de Bernardo en cuestións relacionadas co decrecemento económico, Pablo Meira na percepción da sociedade respecto da emerxencia climática ou Lidia Senra nas políticas europeas que se están a desenvolver ao respecto.

No encontro participarán o sábado cinco labregos e labregas convidadas que, a través do seu exemplo, explicarán as alternativas labregas de loita contra o cambio climático. Neste caso, Santi Rodríguez Cid falará de tracción animal, Antonio Carral e Alejandra González de agricultura rexenerativa, Belén Fervenza de horticultura e sementes e Bernardo Estévez de viticultura biodinámica.

O papel dos consumidores no quecemento global do planeta

O domingo estará máis centrado no papel dos consumidores e consumidoras á hora de loitar contra o cambio climático. Iván Rodríguez Lombardero, coordinador do SLG na Mariña e xeólogo ambiental membro da Rede de Decrecemento Eo-Navia, falará de consumo enerxético; Xoán Doldán, decano da facultade de Económicas da USC e vicepresidente de Véspera de Nada, do consumo tecnolóxico e a depredación de recursos que implica; Xan Xosé Neira Seijo, profesor da Escola Politécnica de Lugo, do consumo agrario de auga segundo o modelo produtivo utilizado; mentres que María R. Lafuente, de Adega, explicará como é a xestión de residuos no Concello de Allariz.

A asociación Herbamoura e o Sindicato Labrego Galego agardan que esta nova cita do Foro Labrego de Agroecoloxía sirva para achegar novas ideas para construir “un modelo agrícola e alimentario alternativo e baseado en premisas como o respecto ao medio ambiente”. Destacan finalmente que “a agricultura, a gandería e os sistemas alimentarios poden e deben ser parte da solución ao problema do quecemento global, e non unha das súas principais causas, tal e como acontece agora”.

PROGRAMA COMPLETO: 

Programa IV Foro LD

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información