“O cultivo en hidropónico de leituga é máis rendible que en terra”

Entrevista a Rubén Rodríguez Gómez, un mozo agricultor de Piñeira Seca, na comarca ourensá da Limia, que está a apostar polo cultivo en hidropónico

“O cultivo en hidropónico de leituga é máis rendible que en terra”

Rubén Rodríguez Gómez ten 800 metros cadrados do seu invernadoiro adicados a cultivo de leituga en hidropónico

Rubén Rodríguez Gómez é un mozo agricultor de Piñeira Seca, no concello ourensán de Xinzo de Limia que decidiu continuar coa tradición agrícola familiar. Xunto aos seus pais, Gumersindo e María Sara, leva unha explotación agrícola na que cultivan pataca, cereal e horta, tanto ao aire libre, como baixo invernadoiro, así como en sistema hidropónico.

¿De onde che ven a túa paixón pola horta?
Na miña casa sempre houbo tradición agrícola e os meus pais, Gumersindo e María Sara, decidiron no seu día dar o salto e profesionalizarse. A min dende pequeno sempre me gustou o campo e con 9 anos xa andaba montado nun tractor. O meu plan de vida era seguir coa explotación agrícola familiar, máxime con todo o investimento que fixeron os meus pais para traballar de forma profesional.

Por iso, fixen un ciclo superior de agricultura e gandería na EFA Fonteboa e hai dous anos e medio incorporeime á agricultura, apostando pola horta, tanto ao aire libre como baixo invernadoiro, en terreos cedidos polos meus pais. Ademais, estou cursando estudos de enxeñería agraria no Campus de Ourense, compatibilizándoo co traballo na horta.

¿Que cultivos tedes nesta explotación agrícola?
Eu traballo cos meus pais, aínda que a explotación de horta está ao meu nome e eles son titulares da produción de pataca e de cereal. Cultivamos algo máis de 25 hectáreas, das que 12 destinámolas o pasado ano a pataca, aínda que este ano botaremos menos, unhas 6, principalmente de variedades Agria e cada vez máis de Kennebec, que é a que nos piden as froiterías e tendas ás que lle vendemos directamente.

Tamén cultivamos trigo, centeo e colza para grao, que lle vendemos a un almacenista para a elaboración de pensos. Ademais, sementamos veza, que segamos en verde na primavera para consumo animal como forraxe.

En canto á horta, cultivo unhas 3 hectáreas ao aire libre e teño 1.600 metros cadrados de invernadoiro, dos que 800 son en cultivo hidropónico con leituga, aínda que este ano vou empezar tamén con tomate e pemento.

Non é moi común apostar de forma profesional pola horta nesta comarca da Limia. ¿Por que optaches por este sector?
O paso de patacas a hortalizas foi dende que estiven estudando na EFA Fonteboa. Realicei prácticas en varias empresas de hortalizas e fixen unha estadía de prácticas en Irlanda e alí vin que podía ser moi rendible, pois unha familia con 4 hectáreas de hortalizas podía vivir moi ben. Ao regreso, realicei prácticas tamén no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro da Limia, un centro do INORDE en Xinzo, e en Agrícola Pose.

En horta empecei hai dous anos con cebola e repolo, e a partir de aí ampliei a tomate, pemento, porro, acelga, berenxena, leituga e outros cultivos.

Es un dos poucos en Galicia que está a cultivar en sistema hidropónico, sen terra, alimentando as plantas a través da auga. ¿Por que te decidiches por esta forma de cultivo?
Xurdiu o interese dunha viaxe que fixemos a Murcia cando estaba estudando en Fonteboa e de alí fun collendo ideas. Comecei probando na casa con tres tubos de PVC e unha bomba dunha peceira, e vin que era rendible. Por iso, cando montei o invernadoiro hai dous anos reservei para hidropónico 100 metros e hoxe xa temos 800 metros cadrados.

Ao comezares e ser un pouco pioneiro tamén cometes erros. Así, empezamos con tubos normais de PVC, pero non son os óptimos, polo que tiven que ir a Portugal para mercar tubos específicos para hidropónico, cunha cor branca que deixa pasar algo de luz e, sobre todo, un illante térmico que permite que a auga con nutrientes que circula polo interior non baixe moito de temperatura no inverno nin suba demais no verán.

 “En hidropónico cultivo leituga e este ano empezarei con tomate e pemento”

Polo demais, unha vez construída a instalación e depositadas as plantas nos buratos dos tubos, o traballo principal é mesturar os nutrientes que merco coa auga e vixiar todos os días que haxa unha condutividade e un PH adecuado para producir, segundo a temperatura ambiental.

Ademais de leituga, en hidropónico probei a cultivar nabiza, perexil e tamén con algún pé de repolo, brócoli e coliflor, pero ao non ter a fórmula específica para este cultivo tarda máis tempo en criarse, pero en hidrópónico dáse de todo. O máis rendible de momento é a leituga, pois con este sistema podo cultivar durante todo o ano.

No resto do invernadoiro cultivo tomate e pemento no verán e en cultivos de inverno fago brócoli, couveflor e algunha acelga.

¿É rendible este sistema?
O prezo dos produtos cultivados en hidropónico para o consumidor é parecido aos dos feitos en terra. É certo que o custo da instalación é máis alto, pero logo a amortizas, pois en leituga ao final do ano quitas 2 ou 3 colleitas máis en hidropónico que en terra.

E é que este sistema permite acurtar os ciclos da colleita das plantas con respecto ao tradicional cultivo en terra. Así, en leituga en inverno podes adiantar a colleita un mes respecto a terra e no verán podes reducir 10 días, pasando dun mes a 20 días. Ademais, en hidropónico o cultivo require menos tratamentos e presenta maior limpeza que a leituga cultivada en terra.

Outra vantaxe é que en hidropónico, ao non haber terra non tes que facer rotacións, co que podes seguir cultivando a mesma especie ininterrompidamente.

¿Nótase diferenza entre as leitugas cultivadas en terra e en hidropónico?
Esta leituga ten un sabor e unha textura moito máis tenra, é moito máis atractiva ao padal.

Rubén nos cultivos de horta que ten en exterior

Rubén nos cultivos de horta que ten en exterior

Contas ademais con cultivos de horta en exterior. ¿Como se comportan estes cultivos na Limia?
En horta fóra conto cunhas tres hectáreas nas que planto repolo, nabiza e algún brócoli e en verán cultivo tomate e pemento. Nestes dous anos os resultados foron bos pero este ano está a ser moi complicado porque a plantación das brásicas atrasouse polas xeadas que houbo en agosto e cando choveu anegou as parcelas, dificultando que as plantas medren e completen o ciclo.

Na Limia inflúe moito o clima nos cultivos e é algo co que temos que contar.

Apostaches dende o primeiro momento pola venda directa. ¿Por que motivo?
Estiven ao principio traballando con intermediarios que lle vendían o produto a Gadis e a Froiz, pero agora vendo directamente a tendas de barrio e froiterías de Ourense e do Carballiño. Vou organizándome ben para producir e facer o reparto e de momento o balance é positivo, tendo en conta que é unha empresa na que estou empezando. Procuro ter os menos intermediarios posibles, porque senón levan todo o rendemento e acabas vendendo case a prezo de custo, e moitas veces a perdas.

“Apostei pola venda directa a tendas e froiterías e o cliente valora que o produto sexa fresco e de cercanía”

Por outra parte, para o produtor é clave coñecer os gustos do cliente para adaptarse ao que pide, e iso vese favorecido coa venda directa. E ao ser un cultivo de proximidade ofrezo un produto fresco, con sabor e que se cultiva de forma totalmente natural.

Ademais, no propio invernadoiro tamén facemos venda directa de leituga, planta…etc.  Aquelas que queiran contactar comigo poden chamarme ao 672 465 474.

¿Que cambios che gustaría facer de cara ao futuro?
Seguir ampliando e pasar da terra ao hidropónico porque creo que é moito máis rendible. Tes uns ciclos máis curtos, das menos tratamentos e iso son menos gastos que compensan de sobra os maiores investimentos. A miña idea é cultivar en hidropónico leituga, tomate e pemento e en terra repolo, brócoli e grelo.

hidroponico_4

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información