O allo: consellos de cultivo

Nas próximas dúas semanas podemos aproveitar para plantar este cultivo, tan utilizado na cociña e tamén na medicina tradicional galega. Velaquí algúns consellos.

Publicidade

O refraneiro popular galego indícanos claramente a época na que plantar este cultivo de gran valor culinario e medicinal: “O que queira bo allal que semente no mes de Nadal” ou “O que queira bo alleiro que semente no mes de xaneiro”.

Trátase dun produto moi utilizado na nosa cociña e con múltiples propiedades beneficiosas para o noso organismo. É unha planta que prefire os solos ben drenados e sen exceso de humidade. Por iso, durante as próximas dúas semanas, coincidindo coa lúa chea e minguante, e sempre que o tempo o permita, poderemos realizar a súa plantación.

Consellos para o cultivo do allo

-En primeiro lugar, recoméndase a plantación de semente de allo seleccionada, libre de enfermidades.

-Aproveitaremos para plantar soamente os dentes externos da cabeza de allo, desbotando a parte interna xa que os dentes interiores son moito menos produtivos. Estes últimos poderemos utilizalos para consumo ou plantalos para conseguir alletes, moi aprezados tamén na cociña.

-O allo prefire as terras lixeiras e non lle sentan ben as terras pesadas e demasiado húmidas.

-En canto ao abonado, é un planta que medra ben aproveitando os restos de cultivos precedentes. Iso si, melloraremos o tamaño da colleita se engadimos un pouco de esterco ou compost ben maduro. A cinza de madeira, polo seu alto contido en potasio, tamén axuda a que os allos medren sans e dean unha boa colleita.

-En canto ao marco de plantación, recoméndase plantalo en filas deixando entre 6 e 10 centímetros entre allo e allo, aproximadamente un palmo. Entre fila e fila deixaremos uns 15 centímetros, xa que a separación entre as mesmas axudará a que circule mellor o aire e a que non se propaguen as enfermidades.

-Á hora de plantar os dentes de allo, non convén enterralos moito. É recomendable que a punta do dente quede ao descoberto.

-Non convén acolchar con palla os allos. Trátase dun cultivo que resiste moi ben as xeadas e o cultivo en terra desnuda.

Outro día falaremos das múltiples propiedades que ten o allo, tanto na medicina tradicional como en agricultura empregado como insecticida natural.

Aquí vos deixamos un vídeo da SAT Labregos de Lugo, que está a apostar polo cultivo do allo galego:

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información