horta mondoñedo selo

Novo vídeo promocional dos produtores de horta de Mondoñedo

A Xunta autorizou no pasado mes de febreiro a marca Horta de Mondoñedo como garantía de calidade para os produtos hortícolas cultivados neste concello da Mariña

A iniciativa conxunta posta en marcha polos produtores, o Concello e os hosteleiros para poñer en valor desde o punto de vista comercial e turístico os cultivos locais baixo a marca de calidade Horta de Mondoñedo segue dando os seus froitos. A última iniciativa é un vídeo promocional que fai fincapé no prestixio das producións de cedo deste municipio da Mariña e na garantía ao consumidor que supón este bo facer dos agricultores locais.

O AGACAL aprobou o pasado mes de febreiro o regulamento de uso para a marca de garantía Horta de Mondoñedo mediante unha resolución que permite usar esta marca, con logotipo propio, para distinguir no mercado a calidade dos produtos de horta cultivados en Mondoñedo.

O Concello de Mondoñedo presentara a proposta á Consellería do Medio Rural no pasado mes de novembro e en febreiro pasado o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria da Xunta de Galicia, Manuel Rodríguez Vázquez, informaba favorablemente a solicitude. Trátase dunha indicación de procedencia xeográfica que, de acordo co artigo 69.3 da Lei 17/2001 prevé que calquera produtor de horta cuxos cultivos sexan producidos dentro do territorio do termo municipal de Mondoñedo poida usar este distintivo sempre que cumpra cunha serie de condicións prescritas fixadas no regulamento aprobado.

Permítese o uso da marca de garantía e calidade local a produtores con explotacións en calquera das parroquias do municipio

A marca protexerá os produtos de horta procedentes do municipio de Mondoñedo, e pretende recoller o prestixio que xa tradicionalmente teñen os produtos mindonienses entre os consumidores, como produtos cun elevado nivel de calidade e que adoitan chegar cedo ó mercado.

Permítese o uso da marca aos produtores con explotacións en calquera das parroquias do municipio mindoniense. As aplicacións previstas inicialmente son para identificar o produto, a rotulación de vehículos de transporte e a de postos de venda pero xa está a dar pasos máis aló, como en materia de hostalaría, restauración e promoción turística.

Iniciativa pioneira no sector da horta en Galicia

Produtos da horta de Mondoñedo

Produtos da horta de Mondoñedo

Trátase dunha iniciativa pioneira no sector da horta en Galicia, sobre todo porque une produtores, comercializadores, restauradores e administración traballando na mesma liña. O titular da marca é o Concello de Mondoñedo pero o seu uso está aberto a distintos sectores.

Baixo a marca Horta de Mondoñedo, os produtores locais poderán comercializar os distintos cultivos producidos no municipio, que conta cun deseño e un logo rexistrados que poderá figurar en caixas e embalaxes, así como na etiquetaxe dos propios produtos, polo que servirá de marca comercial para aqueles produtores que non contan cunha marca e un distintivo propio.

Mondoñedo é un lugar de tradición hortícola que nos últimos anos viviu un renacemento da produción, que conta hoxe con importantes explotacións, como é o caso da de Xulio RodríguezHortas de Galicia, ou Murias Maseda, e que viu como se producía a incorporación ao sector de xente moza que pon en marcha de novos proxectos que se consolidan e aumentan de tamaño,

Mondoñedo é un lugar de tradición hortícola que nos últimos anos viviu un renacemento da produción con novas explotacións e o crecimento das xa existentes

No concello existen varias explotacións de tamaño importante e que xa teñen unha estrutura comercial propia, que se sumaron xa a esta iniciativa, na que conviven con pequenos produtores ou outros de tamaño medio e que terán nesta marca unha imaxe conxunta.

A iniciativa, que comezou a callar o verán pasado, pretende recoller a tradición hortícola deste municipio e o prestixio que teñen os produtos da localidade nos principais mercados tanto da comarca da Mariña como doutros puntos da provincia de Lugo e plasmalo nunha marca de futuro a partir da que realizar accións de promoción en apoio ao sector hortícola local.

Garantía para o consumidor e reclamo turístico

Imaxe dun mercado local en Mondoñedo

Imaxe dun mercado local en Mondoñedo

Ademais de recoller unha realidade xa existente, búscase aproveitar o prestixio dos produtos de horta de Mondoñedo, aportando ademais seguridade e confianza aos consumidores, xa que facilitará a identificación e procedencia cos produtos comprados baixo este selo. A demanda e a identificación do produto por parte dos consumidores é cada vez maior e os produtos de cercanía gañan mercado en base ao coñecimento da súa orixe, así que a marca Horta de Mondoñedo pretende aproveitar ese prestixio xa existente nos produtos procedentes deste municipio dándolle forma e creándolle unha imaxe promocional conxunta.

Os cultivos de horta de Mondoñedo son produtos de cedo, que chegan ao mercado antes que os de outras zonas polas especiais características climáticas, con temperaturas suaves e humidade constante tamén durante épocas de seca como o verán, e a calidade do chan deste val, moi produtivo.

Os produtos da horta de Mondoñedo son produtos de cedo, que chegan ao mercado antes que os de outras zonas

O Concello de Mondoñedo está tentando dinamizar os mercados semanais dos xoves e colabora coa asociación local de comerciantes (ACIAM) no Mercado das Carmiñas, que se celebra en xullo na Praza da Catedral e recrea os mercados tradicionais nunha localidade onde as feiras, como as das San Lucas ou As Quendas, seguen sendo un sinal de identidade.

Ademais de prestixiar e promocionar os cultivos de Mondoñedo como produtos de proximidade nos mercados locais, e nos de outros lugares da Mariña ou da provincia de Lugo, tamén pode servir para o desenvolvemento local e apoio a outras iniciativas de tipo comercial, turístico ou gastronómico que xurdan en Mondoñedo, aproveitando o tirón turístico que está a ter tamén a vila neste eido.

Papel central na oferta gastronómica da comarca da Mariña

A asociación de cociñeiros da Mariña promocionando os produtos de Mondoñedo

A asociación de cociñeiros da Mariña promocionando os produtos de Mondoñedo

Os produtos da horta de Mondoñedo serán tamén os protagonistas na oferta gastronómica coa que a Mariña recibe aos visitantes que se achegan a esta comarca nos meses de xullo e agosto. A marca de calidade centrará toda unha serie de accións de promoción co obxectivo de introducir os produtos de horta deste municipio na oferta gastronómica da comarca da Mariña e axudar deste xeito aos produtores na comercialización.

Para iso, vén de constituirse a Asociación de Cociñeiros da Mariña, da que forman parte varios mozos de Mondoñedo. O grupo, integrado por seis cociñeiros e un panadeiro, apostará polo produto local, o da Horta de Mondoñedo, e polo consumo de auga km0. Os chefs lucirán ademais nos seus uniformes o distintivo dos produtos da Horta de Mondoñedo, que transcenden tamén as fronteiras da comarca a través da cadea de restauración Galipizza, que aposta polos produtos galegos nas súas elaboracións e vén de incorporar os produtos da Horta de Mondoñedo aos seus pratos.

O pan, as empanadas, as tartas e os produtos da horta son os emblemas da gastronomía de Mondoñedo

A nova fornada de restauradores da Mariña está a facer da gastronomía un atractivo turístico máis dunha comarca que nos últimos anos está a lograr un repunte importante no número de turistas, un sector que non para de medrar e no que Mondoñedo aporta aos visitantes moitos alicientes tanto desde o punto de vista histórico, patrimonial ou natural, coma desde o gastronómico, co seu pan e empanadas, a súa tarta ou os produtos da súa horta como principais reclamos, con restaurantes como A horta da Paula ou O Valeco, panadarías coma Rubal ou Bouso ou confiterías como A Alianza ou O Rei das Tartas.