Mondoñedo celebra o 25 de xullo o Mercado das Carmiñas e os seus produtos da horta ábrense paso en Galicia

Os chefs da Asociación de Cociñeiros da Mariña promocionarán os produtos da Horta de Mondoñedo, que formarán parte tamén dos menús da cadea Galipizza en cidades como A Coruña, Santiago ou Vigo    

Publicidade
Mondoñedo celebra o 25 de xullo o Mercado das Carmiñas e os seus produtos da horta ábrense paso en Galicia

Presentación do Mercado das Carmiñas

Os produtos da horta de Mondoñedo serán os protagonistas na oferta gastronómica coa que a Mariña recibe aos visitantes que se achegan a esta comarca nos meses de xullo e agosto. A marca de calidade Horta de Mondoñedo , que ven de poñer en marcha o Concello mindoniense en colaboración cos produtores locais, centrará toda unha serie de accións de promoción durante co obxectivo de dar a coñecer diante do consumidor final a calidade dos produtos de horta deste municipio e axudar deste xeito aos produtores na comercialización. O selo, o primeiro destas características que se crea en Galicia, garante a calidade dos produtos de cedo que se producen neste concello.

A primeira das citas con protagonismo dos produtos locais será o Mercado das Carmiñas, que se celebrará o vindeiro 25 de xullo na praza da Catedral. Esta iniciativa recrea os mercados tradicionais e pon en valor os produtos hortícolas. O programa inclúe mercado popular, quedada de coches e motos clásicas, música de rúa e xogos para os máis pequenos; ademais da Festa da Ensalada con concurso e degustación de produtos da horta mindoniense.

O Concello de Mondoñedo colabora coa asociación local de comerciantes (ACIAM) na organización desta celebración. O Mercado das Carmiñas será inaugurado ás dez da mañá na praza da Catedral. Souto Xímaro animará as rúas a partir das doce do mediodía para deixar paso á Festa da Ensalada que se desenvolverá a partir das doce e media na rúa da Fonte (Fontevella) e que inclúe un concurso de ensaladas con premios para as tres mellores. Tamén se poderán degustar ensaladas feitas con produtos típicos da horta mindoniense en cuncos elaborados no Alfar de Mondoñedo.

O concurso de ensaladas rematará arredor das tres da tarde e xa ás seis haberá xogos para os máis cativos na mesma praza da Catedral a cargo de Kikinga. De novo ás oito do serán haberá ruada amenizada por Souto Xímaro e, ás nove, rematará o Mercado das Carmiñas 2018 coa entrega de premios da Festa da Ensalada.

A Asociación de Cociñeiros da Mariña promocionará os produtos de Mondoñedo

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, no acto de presentación da Asociación de Cociñeiros da Mariña

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, no acto de presentación da Asociación de Cociñeiros da Mariña

Ven de constituirse tamén a Asociación de Cociñeiros da Mariña, da que forman parte varios mozos de Mondoñedo. O grupo, integrado por seis cociñeiros e un panadeiro, apostará polo produto local, o da Horta de Mondoñedo, e polo consumo de auga km0. Os chefs lucirán ademais nos seus uniformes o distintivo dos produtos da Horta de Mondoñedo.

A través deste proxecto Mondoñedo pon en valor o seu pan, a súa horta e a súa auga. A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, defendeu durante o acto de presentación do novo colectivo que “as institucións deben implicarse coa xente e coas iniciativas que recoñecen e valorizan os produtos locais” e remarcou que “o Concello de Mondoñedo sempre estará apoiando estas iniciativas, apostando polo noso, elaborado pola nosa xente”.

A nova fornada de restauradores da Mariña está a facer da gastronomía un atractivo turístico máis dunha comarca que nos últimos anos está a lograr un repunte importante no número de turistas, un sector que non para de medrar e no que Mondoñedo aporta aos visitantes moitos alicientes tanto desde o punto de vista histórico, patrimonial ou natural, coma desde o gastronómico, co seu pan, a súa tarta ou os produtos da súa horta como principais reclamos.

Entre os integrantes do novo colectivo están algúns dos mellores restauradores da comarca, coma David Rodríguez Moledo (Restaurante A Mirandilla de Rinlo, Ribadeo), Bruno Perna Arnaú (Restaurante A horta da Paula, en Mondoñedo), Jesús Villarino Gavín (Restaurante Asador, en Barreiros), Jorge López (O Pazo de Tovar, Lourenzá), Michel Cociña (Casa Miranda de Burela), Alejandro Arca Uría (Arume Gastrobar de Viveiro) e Waldo Jose González Redondo (Panadaría Rubal, de Mondoñedo).

Acordo coa cadea Galipizza, que cumpre 25 anos

Un dos emblemas da hostalaría da Mariña é sen dúbida a cadea de restauración Galipizza, que acaba de cumprir 25 anos. O proxecto de José Manuel Vázquez, Lema, aposta polos produtos galegos nas súas elaboracións e ven de incorporar os produtos da Horta de Mondoñedo aos seus pratos.

O Concello de Mondoñedo e a cadea nacida en Viveiro chegaron a un acordo de colaboración para incorporar desde o pasado mes de xuño na súa carta, produtos da Horta de Mondoñedo. En concreto, dúas novas referencias con estes produtos incorporados a unha hamburguesa (Galizbur de vaca cachena con produtos da Horta de Mondoñedo) e a unha pizza (pizza de segredo de porco con verduriñas da Horta de Mondoñedo). Nestas elaboracións inclúese berenxena, calabacín, tomate e leituga de produtores de Mondoñedo.

A colaboración estenderase ao longo de todo o ano e Galipizza irá sumando os diferentes produtos da horta segundo a tempada. Tamén se valorará, en función da aceptación desta nova oferta gastronómica, a súa inclusión permanente na carta. Estes produtos poderán degustarse nos restaurantes que a cadea mariñá ten en Viveiro, Ribadeo, Culleredo, Santiago, Vigo e A Coruña.

cartel Mercado das Carmiñas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información