Menos pataca na Limia e máis tardía pero con previsión de mellores prezos

A recollida da pataca na comarca ourensá este ano vai con retraso debido a unha sementeira tamén tardía. Prevén xa unha redución da produción de entre o 25 e o 40% dependendo das variedades. Os prezos neste inicio de campaña están á alza

Menos pataca na Limia e máis tardía pero con previsión de mellores prezos

A campaña de recollida da pataca na Limia virá marcada este ano polas consecuencias do atraso na sementeira o que provocará, segundo apuntan dende o sector, non só que comece máis tarde ca outros anos senón tamén unha redución da produción. Aínda que polo de agora só comezaron a arrincarse algunhas fincas, as primeiras estimacións apuntan a que a produción se reducirá entre un 25 ou un 40% dependendo das variedades.

A maior parte das patacas sementáronse no mes de xuño e algunhas a finais dese mes ou en xullo. Esta campaña moi poucos agricultores puideron sementalas en marzo ou abril, os meses habituais para plantalas, debido ás intensas chuvias. Pese a iso, a superficie de patacas plantadas sitúase de novo en torno ás 3.500 hectáreas de cultivo profesional, e alcanza as 4.000 totais nesta comarca ourensá. Aínda que se contaba que ó retrasarse a sementeira tamén diminuíran as plantacións, os agricultores xa mercaran as patacas para a semente e optaron por plantalas polo que a superficie non se viu reducida.

A recolleita da pataca prevese máis tardía e gradual debido a que a sementeira se retrasou máis de mes e medio

Así, prevese que a maior parte dos agricultores comezarán a recollida a finais deste mes e en outubro e que se prolongará ata novembro, se as choivas do outono non obrigan a recollelas antes. “Á pataca aínda lle queda practicamente un mes para se formar e para ter produción”, explica Servando Álvarez, director do Centro Agrogandeiro do Inorde, en Xinzo. Con el coincide tamén o presidente da Asociación de Produtores de Pataca da Limia, Amador Díaz, que destaca o retraso na recollida xa que “hai moitas fincas con patacas coa planta moi verde”. Ademais, as elevadas temperaturas que se están rexistrando favorecen que se demore a recolleita para evitar problemas posteriores na conservación da pataca.

Redución dun 25% na produción de Kennebec

Polo de agora estanse recollendo aquelas patacas que se sementaron máis cedo e as de zonas máis temperás, sobre todo nas que se plantou pataca branca, da variedade Kennebec, amparada polo Consello Regulador. Isto permite obter xa as primeiras estimacións. Servando Díaz apunta que “apréciase que a planta ten uns tubérculos de calibre comercial, sen ser moi grandes, pero hai unha redución do número de patacas por planta. A Kennebec xa non é de dar moitos tubérculos por pé pero adoita estar nos 10 ou 12 por planta e este ano está entre os 5 ou 6”.

En parcelas de regadío, onde sementada en tempo se podían superar os 40.000 quilos por hectárea, este ano sitúase en torno ós 30.000, o que deixa unha redución da produción de preto do 25%. A redución é máis acusada nas fincas de secaño, onde supera ese 25% xa que as chuvias de xuño e xullo non foron suficientes para atender as necesidades hídricas da pataca.

No resto das variedades, as máis industriais como Agria ou Fontán, Servando Álvarez explica que “é moi pronto xa que só se están facendo pequenas catas para ver como está o cultivo. Falta por ver como se comporta a pataca neste último mes”. Porén, o experto apunta a que haxa unha redución da produción aínda máis importante, en torno a un 30 ou 40% menos ca outros anos.

As chuvias e o mildeu reducen a produción

O retraso na sementeira é unha das principais causas que apuntan como causante na redución da produción. “As condicións non foron as mellores cando se plantaron e tampouco axudou o frío e as chuvias de despois”, sinala Amador Díaz, que é tamén produtor nesta zona. “As chuvias de tormenta nos meses de xuño e xullo producíronse xusto no momento de xerminación das patacas e á planta non lle sentaron ben”, matiza Álvarez.

Ademais das chuvias, os ataques de mildeu tamén condicionaron a produción, xa que pararon o crecemento do cultivo no momento máis delicado, en plena formación dos tubérculos, como apuntan dende o Centro Agrogandeiro do Inorde. “A planta tenta frear ese ataque de mildeu e corta o proceso de formación de tubérculos para defenderse do fungo”, detalla Servando Álvarez.

Os agricultores incrementaron os custos da produción do cultivo ó tentar atallar a incidencia de mildeu, como explica Daniel Joga, produtor e almacenista en San Pedro de Laroá, en Xinzo de Limia. “Primeiro moitas das fincas estaban encharcadas e a sementeira retrasouse e logo tivemos que gastar máis para intentar frear os ataques de mildeu”, apunta o produtor. Daniel tampouco prevé comezar a recolleita ata outubro pero tamén estima unha redución da colleita.

Prezos á alza no comezo da tempada

Polo do momento, o prezo está á alza e hai un aumento moi substancial con respecto á mesma época do ano pasado, se ben a campaña pasada acusara unha baixada dos prezos. Porén agora mesmo sitúase moi por encima dos 24 céntimos por quilo que se acadaran de media no 2016. “Agora a Kennebec está tendo un bo prezo, xa que hai pouca e está moi buscada”, explica Amador Díaz.

Nesta liña as primeiras cotizacións na lonxa de León ratifican esta tendencia e a pataca comezou a cotizarse a un prezo medio de entre 210 e 280 euros por tonelada, cando fai un ano nestas mesmas datas os prezos oscilaban entre os 40 e os 90 euros por tonelada. Ademais, o descenso de produción tamén parece darse noutros países como Francia, onde os prezos se sitúan entre os 100 e os 150 euros a tonelada, ou en Bélxica, Alemaña ou Holanda onde se estima que unha caída de más dun 25% na produción.

Cotizacións de pataca na Lonxa de León

Cotizacións de pataca na Lonxa de León

O punto clave para o prezo pode producirse cando comece a chegar a pataca procedente do centro de España. Hai que ter en conta que o retraso na plantación non só foi en Galicia, senón que vai con atraso tamén en zonas como Salamanca ou Burgos. No momento en que comece a chegar esa pataca pode darse un boom no mercado que faga baixar o prezo, como apuntan dende o sector.

“Pode ser un bo ano para almacenar as patacas e acadar prezos altos vendéndoas a comezos do ano que vén”

“Este ano vén moi bo de prezos pero falta ver como se comporta o mercado cando entre a pataca procedente das zonas do interior de España e como se comporta ante a pataca foránea”, apunta Servando Álvarez. O experto tamén indica que “parece lóxico que este ano, aquel agricultor que conte cunhas instalacións suficientes e perfectamente preparadas para un almacenaxe para mantelas ata xaneiro ou febreiro acade uns prezos altos”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información