Meira celebra o día 18 a súa Festa da Malla, que cumpre xa 28 anos

A recreación deste traballo agrícola, na que colaboran veciños e visitantes, foi a primeira que se comezou a celebrar en Galicia. O programa complétase con música, gastronomía e exposición de maquinaria antiga e artesanía

malla meira3 A localidade de Meira revivirá un ano máis o vindeiro domingo 18 unha auténtica xornada de tradición e de lecer arredor dun dos traballos agrícolas de máis arraigo durante décadas en Galicia. O balbordo atronador da máquina de mallar volverá escoitarse no centro da vila, onde a organización, que corre a cargo da asociación Amigos da Malla, reproduce un labor tradicional de forte peso no agro galego que aínda pervive na memoria das xeracións de maior idade.

Declarada de interese turístico galego, a Festa da Malla de Meira foi a primeira iniciativa de recuperación en toda Galicia en torno a esta temática, servindo de modelo para outras moitas que agora se desenvolven por toda a xeografía galega, que contribuen a manter esta tradición, despoxada hoxe dos seus fins produtivos.

malla-meira-apaisado-1A xornada, que ten un fin festivo e didáctico, comezará ben cedo coa chegada á praza do trigo nun tractor antigo tras ser recollido días atrás noutra xornada de sega e almacenado na propia finca en forma de medeiros. Logo, unha parte dos 80 colaboradores e colaboradoras comezan coa malla tanto á man (ao malle ou cunha escabezadora) coma á máquina (tanto de motor coma accionada pola forza humana grazas a máquinas sen motor de comezos do século XX). Comezarán traballando a man e irán incluíndo ferramentas ata a chegada da malladora, facendo un percorrido polas distintas técnicas e a súa evolución no tempo, na medida en que ían evolucionando os apeiros e a ferramenta empregada. O proceso continúa despois co paso do gran pola limpadora; mentres se constrúe tamén o palleiro.

A malla prolóngase ao longo de todo o día e todos os traballos realízanse á vista do público, para que todo aquel que así o queira poida mesmo participar. O obxectivo é, segundo os organizadores, ter unha xornada de convivencia recordando tempos pasados nos que a malla era un deses momentos de traballos agrarios comunitarios, onde os veciños se axudaban os uns aos outros.

malla meira apaisado 2

Na malla de Meira empréganse distintos tipos de máquinas de mallar

Labran 3.000 metros cadrados de trigo

A Asociación planta unha finca de 3.000 metros de trigo para facer a malla

A Asociación planta unha finca de 3.000 metros de trigo para facer a malla

A Asociación de Amigos da Malla de Meira, que preside Manuel Pardo, encárgase de todos os preparativos para esta celebración, entre os que están os traballos de sementado e sega do trigo. Para a realización da malla seméntanse 3.000 metros cadrados de trigo, que son segados e atados en mollos, como se facía antes. A xornada de sega, que tivo lugar a primeira fin de semana de agosto, reúne todos os anos a veciños e voluntarios.

A actividade da asociación prolóngase durante todo o ano, con tarefas como o mantemento da maquinaria ou a organización de outras actividades. Para a malla de Meira emprégase maquinaria antiga. As persoas que se acheguen até Meira o 18 poderán ver tamén na Praza do Concello unha mostra de maquinaria agrícola antiga que amosa a evolución dos traballos no campo. Outras asociacións e colectivos doutros lugares de Galicia onde tamén se fan mallas contribúen a enriquecer a festa achegando distintas máquinas e técnicas.

Música e gastronomía para completar o programa

malla meira9

Momento da sega previa á malla

Coma todos os anos os organizadores contan cun cartel cheo de actividades que comezan dende a mañán cedo ata ben entrada a noite. Por todo o centro da vila atópanse as exposicións de artesanía e maquinaria antiga. Nos 40 postos de venta pódese atopar antigüidades, artesanía e produtos de alimentación de toda a provincia de Lugo.

A xornada complétase cunha degustación gratuíta de buñuelos e viño á unha do mediodía, imitando as costumes das antigas mallas, e quen o desexe pode tomar á hora do xantar un cocido típico da malla a prezos populares nunha carpa habilitada polos organizadores, que servirán arredor de 800 racións do tradicional cocido galego que se ofrecía aos traballadores e traballadoras da malla. Á noite celebrarase unha queimada de balde como peche a esta xornada de lembranza.

Durante todo o día a festa estará amenizada por distintas formacións musicais. Haberá até 9 grupos, entre bandas de música até agrupacións de música tradicional. Pola tarde haberá tamén xogos para nenos e nenas.

A orixe da festa

Participantes na anterior malla.

Participantes nunha edición anterior da malla.

Os veciños de Meira souberon sacar partido ao trigo sementado por uns cazadores para atraer as perdices hai xa 28 anos. Cos excedentes decidiron facer unha malla tradicional e organizar unha festa para todos os veciños. A cita foi a primeira das mallas que se celebraron como festa etnográfica e de recuperación da tradición en Galicia.

Ao ano seguinte, coa colaboración da cuadrilla de cazadores, a malla trasladábase ao centro da vila onde se mallara cun equipo que adquirira o Concello. Posteriormente a propia asociación, xa constituída, fíxose con desgranadoras e limpadoras. Así, contan na actualidade cunha desgranadora con motor de gasoil refrixerado por auga e unha malladora que se engancha a un motor, tamén coñecida pola súa marca, Campeva.

Desde que aquel grupo de amigos apostara por recuperar esta tradición, e en vista do éxito da convocatoria despertando un gran interese dos veciños e veciñas que se achegaban á malla guiados polo son das máquinas, foron sumando actividades ata chegar este ano á XXVIII edición.

Referencia na provincia

malla meira estandarA Festa da Malla de Meira é a primeira cita destas características que xurdíu en Galicia, xa hai 28 anos, dando paso a outras convocatorias na comunidade e acadando a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional no 2006. A malla de Meira segue a ser referencia deste tipo de celebracións na provincia de Lugo, onde se celebran tamén outras citas deste tipo en lugares como Vilapena (Trabada), Castro de Rei, A Pontenova ou Orbazai (Lugo). Noutros concellos, sen embargo, foron desaparecendo nos últimos anos este tipo de recreacións tanto pola falta de trigo coma tamén pola falta de man de obra para realizar a propia malla e os traballos que conleva. É o caso das que se celebraban Samos ou O Corgo e que se deixaron de facer.

A Festa da Malla de Meira conta con apoio tanto da Deputación coma do Concello de Meira. Manuel Pardo destaca a importancia da colaboración institucional neste tipo de citas, que axudan a facer historia colectiva, amosando ás novas xeracións como eran os traballos dos nosos antepasados.

Compaxinar tradición con momentos lúdicos

Tradicionalmente as mallas eran momentos de apuro e de traballo duro, pero tamén de festa. Ese mesmo espíritu é o que conxuga a Festa da Malla de Meira, cun programa que une a historia e tradición etnográfica galega con momentos lúdicos, unha combinación que se converte nun claro dinamizador da economía da zona, servindo de reclamo turístico para visitantes e veciños.

Todos os anos son moitos os turistas que se achegan á vila para coñecer esta tradición da malla e, ao mesmo tempo, descubrir os numerosos recursos patrimoniais, culturais e paisaxísticos de Meira, como por exemplo, a igrexa mosteiral de Santa María, de estilo románico, consagrada en 1258 e Declarada Monumento Nacional en 1931, así como as rutas de sendeirismo da vila, como as que van dar ao nacimento do Miño no Pedregal de Irimia, nunha impresionante morrena glaciar de cuarcita.

cartel Malla Meira 2019-1cartel Malla Meira 2019-2

 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información