Medio Rural concreta as medidas para erradicar a couza da pataca

Deste xeito, desenvólvese o real decreto do Ministerio, especificando as accións prohibidas e as actuacións a levar a cabo tanto por particulares como comerciais. A consellería está elaborando un calendario para a recollida das patacas xa plantadas, así como aquelas listas para sementar

Medio Rural concreta as medidas para erradicar a couza da pataca

Leira de patacas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha nova resolución da Consellería do Medio Rural ao respecto da couza guatemalteca da pataca a través da cal se desenvolve o real decreto do Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente. A través deste documento concrétanse todas as accións prohibidas e as actuacións a levar a cabo para erradicar esta praga de forma urxente.

Establécese como zona infestada os 31 concellos galegos onde foi detectada a couza e unha zona tampón nos terreos comprendidos nunha franxa de 5 quilómetros en torno á demarcada, moi por riba do 1 quilómetro que fixa como mínimo o Real Decreto do Ministerio. Así, inclúense por completo os municipios das Somozas, Moeche, Cerdido, Cedeira e Cariño. Nestes cinco concellos deberán aplicarse as medidas de vixilancia intensiva previstas no real decreto estatal e establécese a obriga da comunicación, inmediatamente despois da sementeira, de todas as parcelas plantadas nestas zonas.

A Consellería está elaborando un calendario para retirar a pataca das parcelas nos 31 concellos afectados

Para as zonas infestadas, a resolución autonómica insiste na prohibición do cultivo de pataca durante dous anos, así como o levantamento e destrución das patacas xa plantadas tanto neste ano coma en anteriores. Ademais, será preciso levar a cabo un tratamento fitosanitario nas parcelas de cultivo.

Neste sentido, a Consellería do Medio Rural está elaborando un calendario para a recollida das patacas en cada concello e parroquia. Así, será a Xunta de Galicia a que asuma este traballo de transporte (en camións estanco) e a destrución dos tubérculos.

Si se poderá permitir de forma excepcional o cultivo dentro das zonas infestadas con fins científicos e de ensaio para o control da praga. En todo caso, estas parcelas serán previamente autorizadas e controladas polos servizos oficiais.

Medidas que se deben tomar nos lugares de almacenamento das patacas

No caso dos almacéns, a resolución diferenza entre aqueles de autoconsumo e comerciais. En ambos casos deberán entregar as patacas e sementes almacenadas, desinfectar e desinsectar axeitadamente os locais, instalar trampas específicas de feromonas e destruír os sacos e caixas que estiveran en contacto coas patacas infectadas ou simplemente na mesma estancia.

Os almacéns comerciais deberán ademais colocar mallas tupidas en ocos, así como un sistema específico nas portas e ventás para evitar a entrada da praga , así como levar un rexistro de todas as entradas e saídas deste tubérculo do almacén así como a súa orixe e destino.

Nos 31 concellos afectados prohíbese a entrada e venda de patacas de semente

En xeral, prohíbese a entrada e comercialización dentro das zonas infestadas de patacas de semente ata novo aviso. De cara ao resto de operadores, só poderán comercializar patacas para o consumo directo e terán que ir envasadas e preparadas para o consumidor final.

Non está permitida, polo tanto, a comercialización a granel e, en ningún caso, serán patacas producidas dentro das zonas infestadas. É dicir só está autorizada a pataca procedente de zonas libres da praga.

Concellos afectados pola couza guatemalteca: 

Autor: La Voz de Galicia

Autor: La Voz de Galicia

Medidas obrigatorias para o transporte de patacas

De feito, a resolución contempla tamén restricións e control de movementos de pataca dentro dos 31 concellos afectados, a máis relevante, a prohibición do tránsito de tubérculos (salvo que se realice baixo control oficial como traslado aos vertedoiros autorizados).

Insiste o documento en que a entrada de pataca nestes municipios será só para consumo directo e irán preparadas e envasadas para o comprador final. En todo caso, estas xa nunca poderán saír da área demarcada, unha vez fosen almacenadas en instalacións localizadas neste entorno. Por iso, recoméndase non comprar grandes cantidades de pataca para evitar excedentes.

Estas entradas e saídas dos almacéns realizaranse baixo medidas que eviten a expansión da praga e sempre en vehículos específicos protexidos para evitar a contaminación.

Da zona demarcada non poderá saír pataca e a que entre terá que estar envasada para o consumidor final

Ademais, deseñaranse rutas de reparto seguras nas que as últimas descargas se realicen sempre nos almacéns destes concellos, de forma que o vehículo empregado saia baleiro do entorno. Preténdese evitar, así mesmo, o tránsito por esta zona no transporte de patacas de consumo se non vai a facer ningunha descarga dentro da mesma.

No caso de ser imprescindible, o camión deberá ir totalmente pechado cunha estrutura que impida calquera contacto dos tubérculos co exterior e os vehículos non deberán estacionar máis que o tempo necesario para os descansos obrigatorios do transportista e deberán abandonar esta área o máis axiña posible a fin de evitar o risco de contaminación

No caso de que si descarguen nas parroquias afectadas, levaranse a cabo unha serie de medidas de hixiene nos vehículos que aseguren a limpeza e a eliminación da terra residual, de tal xeito que se garanta que a praga non se poida establecer nin propagar fóra das zonas infestadas.

Compensacións o obriga de declarar as parcelas plantadas

Respecto ás indemnizacións, a Consellería do Medio Rural publicarás nos vindeiros días unha orde que recollerá as compensacións para aqueles produtores que tivesen que destruír pataca. As contías cerraranse en negociacións con Ministerio e o Goberno de Asturias para igualar as mesmas.

Neste sentido, cómpre destacar que a resolución que se publica hoxe no DOG marca un prazo de 15 días hábiles para comunicar as parcelas plantadas antes da entrada en vigor do Real decreto, como se establecía na Resolución do 9 de febreiro de 2017 para todas aquelas parcelas incluídas dentro das zonas infestadas.

Pódese consultar a resolución no seguinte enlace

Máis información:

Cales son os 31 concellos declarados zonas infestada? 

Narón, Neda, Valdoviño, San Sadurniño, A Capela, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Ortigueira, Mañón e As Pontes de García Rodríguez, na provincia de A Coruña, e os concellos de O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Ourol, Abadín, A Pastoriza, Riotorto e A Pontenova,  na provincia de Lugo.

A que concellos afecta a zona tampón? 

Esta franxa de control e vixilancia intensiva abarcará cinco quilómetros ao redor do límite dos concellos con praga, en Pontedeume, Monfero, Xermade, Muras, Vilalba, Cospeito, Castro de Rei, Pol, Meira, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, As Somozas, Moeche, Cerdido, Cedeira e Cariño. En cinco destes concellos, os das Somozas, Moeche, Cerdido, Cedeira e Cariño, ao abranguer esta franxa o 95 % da súa superficie, establécese como zona tampón todo o territorio.

-Lugares onde declarar as parcelas plantadas nos 31 concellos afectados e na zona tampón.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información