‘María Tola’, un proxecto de conservas silvícolas e de horta no Xurés

María del Carmen Jiménez impulsa unha pequena empresa en Bande que se adicará á comercialización de produtos singulares, como ortigas, mirabeis ou froitos do érbedo, ademais de procesar vexetais de tempada

Publicidade
‘María Tola’, un proxecto de conservas silvícolas e de horta no Xurés

María del Carmen Jiménez, promotora de Conservas Xurés.

“En Galicia, parece que no rural o único recurso é abrir un bar e non é certo, hai moitas posibilidades”. Quen así fala é María del Carmen Jiménez, unha almeriense afincada desde hai anos en Galicia que está a impulsar unha pequena empresa de conservas vexetais en Bande (Ourense), no territorio do parque natural do Xurés. A súa iniciativa, que se inaugurará en agosto, oriéntase a procesar produtos singulares, como as ortigas, e a conservas de froitos e vexeitais de tempada, como castañas, cabazas ou cogomelos.

O xerme do proxecto vén da asociación cultural A Ortiga (Celanova, Ourense), desde a que María del Carmen tenta desde hai anos promocionar as posibilidades gastronómicas da ortiga. “É un produto que en toda a conca do Mediterráneo ten un uso gastronómico tradicional e que presenta unha gran potencialidade”, defende.

Desde a asociación A Ortiga xa teñen feito conservas en colaboración con outras empresas, como Champivil, unha firma lucense coa que tamén lanzaron unha cervexa de ortiga. Agora María del Carmen quere desenvolver o seu propio proxecto de elaboración de conservas vexetais, unha iniciativa na que traballará con ortigas e con outros produtos do monte, coma cogomelos, castañas ou o érbedo, unha pequena árbore que dá un froito vermello e doce.

A empresa levará por nome Conservas Xurés e usará a marca ‘María Tola’, que mistura o nome da impulsora do proxecto coa palabra ‘Tola’, no sentido de “quen fai cousas xeniais que se apartan do habitual”, precisan os promotores.

Elaboración de conservas de ortiga.

Elaboración de conservas de ortiga.

Conservas Xurés, ademais de recolectar produtos do monte, tamén traballará con vexetais e froitas da horta de tempada, como cabaza, feixóns ou couve. A idea é comercializar tanto conservas como produtos elaborados, tipo marmelada, cremas ou alimentos cociñados, coma potaxes.

Público vexetariano
As elaboracións da empresa terán como consumidores principais persoas vexetarianas ou veganas, segundo as expectativas de María del Carmen Jiménez. “Hai alimentos como as ortigas que son moi interesantes para persoas vexetarianas polos altos niveis de proteína que teñen” -explica-. “Queremos distinguirnos polo coidado do produto, procesando só produtos frescos, como faría unha persoa na súa casa, e mantendo ó máximo as propiedades organolépticas do alimento”.

O obxectivo de Conservas Xurés é ter distribución en tendas gourmet, bio e de consumo responsable, nas posibilidades que teña a súa produción. “Estivemos xa facendo contactos en feiras como Alimentaria e temos claro que hai unha demanda para este tipo de produtos”, valoran.

Para nutrirse de materia prima, a empresa prevé colaborar con pequenos produtores da zona, ós que tamén lles ofrecerá servizo no caso de que queiran elaborar as súas propias conservas con rexistro sanitario. Durante a parte forte da campaña, alomenos seis meses ó ano, María del Carmen ten prevista tamén a contratación dunha persoa para traballar na parte de transformación.

O proxecto comezará a procesar pequenos volumes de froitas e verduras, pero conta con ir medrando de xeito progresivo. Os residuos vexetais que se xeren na produción serán compostados, de cara a evitar impactos ambientais.

Mercado Xurés
Conservas Xurés, que conta co apoio do Concello de Bande, ubicarase no baixo da antiga praza de abastos de Bande, onde tamén se ubica o Mercado Xurés, unha iniciativa que se celebra un domingo ó mes na que teñen cabida alimentos tradicionais e servizos que se ofrecen no territorio do Parque Natural, como mel e embutidos na parte alimentaria ou actividades de deporte de aventura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información