Manuel Mondelo: O primeiro produtor de aceite de oliva 100% galego

Manuel Mondelo cultiva na aldea de Bendollo, no concello de Quiroga, unhas 2.000 oliveiras, coas que elabora Aceiroga, un aceite de oliva único que se chega a pagar a 20 euros o litro. Cóntanos a súa historia

Publicidade
Manuel Mondelo: O primeiro produtor de aceite de oliva 100% galego

Manuel Mondelo coas súas oliveiras en Bendollo

Manuel Mondelo Rodríguez é o primeiro “olivareiro” de Galicia en canto a volume de produción e un dos poucos que logrou facer deste cultivo en expansión a súa forma de vida. Das súas 2,5 hectáreas de oliveiras, situadas na aldea de Bendollo, no concello lugués de Quiroga, sairán este ano uns 2.000 litros de Aceiroga, un aceite de oliva único polas súas propiedades, elaborado 100% con oliva propia, e que se chega a vender a 20 euros o litro.

E é que as ribeiras do Sil e do Bibei son un entorno único en Galicia polo seu microclima, que fai posible unha agricultura mediterránea na que se combinan o cultivo do viñedo, coa oliveira e os castiñeiros.

A aldea de Bendollo, debruzada sobre o Sil e dende a que se divisan as neves de Manzaneda, ofrece unhas condicións óptimas para o cultivo da oliveira. De feito, ao seu carón, en Bendillo, consérvase a única almazara tradicional de Galicia, na que este domingo, día 20, celébrase a tradicional Mostra do Aceite de Oliva de Quiroga.

Manuel Mondelo viu claro as posibilidades que ofrecía recuperar a tradición do aceite de oliva da zona. “Aínda que os Reis Católicos no século XVI mandaron cortar as oliveiras de Galicia, nas ribeiras do Sil e do Bibei mantivéronse. De feito, nesta aldea está documentado que lle trocábamos aos maragatos o noso aceite de oliva por touciño. Sen embargo, coa emigración dos anos 50 e 60 foise perdendo este cultivo”, explica.

Ten 2,5 hectáreas de oliveiras, a maioría de variedades galegas

No ano 1993 Manuel decidiu, xunto con algúns outros veciños, recuperar o tradicional aceite de oliva de Quiroga, pero con métodos modernos. Así, foi adquirindo fincas e facendo plantacións, sobre todo a partir de fillos das oliveiras autóctonas centenarias que quedaban na aldea. Hoxe conta con 2,5 hectáreas cunhas 2000 oliveiras, cun 50% de variedades autóctonas -brava e mansa-, un 30% da variedade picual, un 10% de redondeta, un 3% de arbequina e o resto variedades doutros países, como gregas ou portuguesas, coas que decidiu facer un pequeno campo de ensaio para ver como se adaptan ao terreo de Quiroga.

Dos 18.000 kilos de aceituna que recolleu o pasado ano elaborou uns 2.000 litros de aceite de oliva baixo a marca Aceiroga, unha produción que prevé ir incrementando, “xa que a oliveira empeza a entrar en plena produción a partir dos 25 anos”.

O seu aceite é un produto gourmet moi buscado, que se vende en tendas especializadas de Galicia, por internet, e tamén directamente na súa almazara. Incluso ten enviado botellas a Suíza.

“Hai empresas que venden aceite como galego cando non o é”

Manuel defíneo como “un aceite aromático, de cor verdosa, con aromas a herba verde, a améndoa, grazas ás variedades autóctonas e á picual, que permiten elaborar un aceite de mellor calidade”. Así, na escuridade e a unha temperatura estable consérvase en boas condicións durante 2 ou 3 anos. O prezo final, 20 euros o litro, non disuade ao consumidor porque, tal e como destaca, “é un aceite para un cliente que sabe valorar a calidade e os produtos únicos”.

Iso si, Manuel alerta dos “listos” que intentan vender aceite de oliva galego que moitas veces nin procede de olivas cultivadas en Galicia nin tan sequera é elaborado na comunidade. “No caso dos olivareiros de Quiroga o concello ten rexistrada a marca marca Aceite de Quiroga (Aceiroga), de forma que se encarga de controlar a produción e a orixe para evitar fraudes. Un selo do concello avala o aceite elaborado aquí”, explica.

Aceite Aceiroga

Coidados da oliveira

Os coidados da oliveira son sinxelos, sobre todo en comparación coa viña. De feito, Manuel aínda cultiva no val de Quiroga 5 hectáreas de viñedo da variedade Mencía, fundamentalmente para a venda de uva. Sen embargo, ve máis futuro na oliva: “Hai moita menos competencia que no sector do viño e é un cultivo máis fácil”, subliña.

Así, as plantacións realízaas nun marco de 6×6 metros. Os coidados básicos son a poda, que realiza nos meses de novembro e de decembro, e que serve para airear a árbore e que non medre en madeira cara arriba. Só aplica ao ano dous tratamentos fitosanitarios con caldo bordelés: un cara o mes de setembro, e outro despois de recoller a aceituna.

Rozar a herba na primavera e facer regadíos puntuais no verán completan as faenas agrícolas deste olivareiro. Destaca o beneficio que lle aporta a rega a este cultivo: “Mellora a calidade do aceite e nesta zona, na que chegamos aos 40 graos en verán, é moi beneficiosa. Fago un regadío puntual en xullo, dous ou tres en agosto e outro, en función do ano, en setembro”. A rega permítelle tamén ter unha produción máis estable, que non oscila tanto segundo a variedade de oliveira, como segundo o marco de plantación.

Proceso de elaboración

A colleita da aceituna é un momento clave para a calidade do aceite. Nas oliveiras de Manuel recollen a oliva no envero; é dicir, cando está entre negra e verde. Fano cunha vareadora eléctrica, o que facilita moito o traballo. “Antes collíase a oliva cando estaba negra, e tamén se collían as do chan, e agardábase moito tempo ata que se moían. Agora as aceitunas que se collen móense no día”, destaca.

No ano 2003 mercou un moderno muíño de aceite que mellorou notablemente a calidade do produto. Así, destaca que “co muíño romano tradicional chegábase a acideces do 2%, con esta máquina a oliva vai limpa e nun estado óptimo. O prensado prodúcese con moi pouco osíxeno, co cal non hai case oxidación e o aceite ten unha acidez de tan só entre 0,2 e 0,4”. Os rendementos veñen sendo de 1 litro de aceite por cada 6 kilogramos de olivas.

Extrae 1 litro de aceite por cada 6 kilos de olivas

Por suposto, a extracción é en frío e exclusivamente por procedementos mecánicos, xa que a partir dos 35 graos altéranse as propiedades do aceite de oliva.

Ademais de para a produción propia, Manuel Mondelo tamén aluga o seu muíño de aceite a outros produtores de Galicia e da zona. En total, calcula que no concello de Quiroga prodúcense neste momento uns 4.000 litros de aceite de oliva e uns 15.000 litros en todas as ribeiras do Sil e do Bibei, tanto para autoconsumo como para a venda.

Retos de futuro: agricultura ecolóxica e seguir ampliando as plantacións

Como retos de futuro, Manuel Mondelo prevé seguir ampliando as plantacións con oliveiras autóctonas do concello de Quiroga e certificarse en agricultura ecolóxica, “xa que -destaca- tería que cambiar moi pouco a forma de cultivo que fago”.

Está convencido de que a produción de aceite de oliva en Galicia ten gran futuro, “sempre e cando apostemos por un produto diferenciado, elaborado a partir de variedades autóctonas, e a ser posible en ecolóxico”.

Manuel tamén considera positiva a creación dunha Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida para o aceite de oliva e a aceituna de Galicia. Iso si, matiza que “sempre e cando se distingan subzonas, porque Quiroga é a zona na que sempre houbo aceite de oliva e destaca pola calidade do mesmo, e nas outras zonas aínda hai que comprobar como sae o aceite”.

Por último, e para controlar a produción e evitar fraudes, defende a necesidade de que se rexistren en Catastro as plantacións de oliveiras, algo que “ata o momento non é posible porque o Ministerio non recoñece cultivos de oliveiras en Galicia, e tes que rexistralos como terreo de árbores froiteiras”.

Mostra do aceite de Quiroga

Este domingo, a partir das 11:30 horas, celébrase na aldea de Bendillo a Mostra Tradicional do Aceite de Quiroga, con demostracións ao vivo de como funciona un muíño de aceite tradicional, actuacións de grupos de música e danza gallega e, como non, exposición e catas comentadas dos aceites de oliva de Quiroga.

Consulta aquí o programa completo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información