OLIVEIRAS_QUIROGA_4

Investigadores do CSIC catalogan 13 variedades de oliveiras autóctonas en Galicia

Unha investigación do CSIC descobre trece tipoloxías de oliveiras autóctonas, nun traballo aínda por concluír. O achado abre a porta a unha produción de aceite galego diferenciado e de calidade en base a estas variedades

Unha recente investigación, aínda en proceso, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), catalogou xa máis dunha ducia de variedades de oliveiras autóctonas. Aínda que nas plantacións recentes de oliveiras en Galicia as variedades foráneas como a Arbequina ou a Picual, propias de Cataluña e Xaén respectivamente, son as predominantes, este estudo abre a porta a optar por variedades autóctonas na produción de aceite na comunidade. Ademais, os primeiros resultados do traballo revelan unha baixa incidencia de afeccións sanitarias nas oliveiras galegas e gran calidade e orixinalidade do aceite destas variedades.

O ano pasado, dúas variedades de oliveira autóctonas de Galicia, a “Brava galega” e a “Mansa Galega”, obtiveron por primeira vez o recoñecemento oficial e legal mediante unha resolución da Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios. Un primeiro paso que agora complementa o descubrimento e catalogación de trece variedades diferenciadas de oliveiras autóctonas. Un número que aínda pode incrementarse xa que os traballos de investigación que leva a cabo o grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Pontevedra do CSIC aínda non concluíron.

“Até o momento non existía ningún grupo de investigación nin había dato algún sobre o posible carácter autóctono das variedades”, lembra Carmen Martínez, directora do grupo. Foi en 2012 cando se abriu unha primeira liña de investigación respecto diso, que se complementaría co actual proxecto financiado pola Fundación Juana de Vega iniciado en 2017 e cuxos resultados comezan a verse agora.

Oliveira autóctona en Quiroga

Oliveira autóctona en Quiroga

Máis de 270 variedades autóctonas en España

España é o primeiro país produtor mundial de aceite de oliva ademais do primeiro en superficie olivareira. Contabilízanse un total de 272 variedades autóctonas de oliveira no país, das 1.200 variedades de orixe europea rexistradas, cuxa procedencia é a zona do Mediterráneo.

Os estudos realizados até o momento e que contabilizan estes rexistros céntranse na zona sur-este da península, e Galicia quedou excluída sistematicamente a pesar de que a produción de aceite, aínda que anecdótica, foi un cultivo histórico en determinadas zonas galegas. Por iso é polo que, como sinala a experta apenas se atoparon con referencias á produción ou ás oliveiras en Galicia.

13 tipoloxías de oliveiras galegas

Polo momento, a investigación permitiu xa a catalogación de 13 variedades diferenciadas e autóctonas de Galicia. Unha conclusión que leva parello un traballo tanto de documentación como de análise de campo no que o grupo percorreu o territorio galego nunha fase de mostraxe dos exemplares centenarios. “Realizamos entrevistas cos agricultores de máis idade que nos puidesen reportar información sobre as oliveiras máis antigas. Logo eles tamén nos acompañaron na localización destes exemplares”, detalla Martínez.

Localizaron os exemplares coa colaboración de agricultores que lles achegaron información sobre as oliveiras máis antigas

Unha vez localizados as oliveiras, o grupo realizou estudos botánicos e agronómicos durante varios anos para lograr resultados contrastados xa que as condicións climáticas inflúen nas características do froito e o aceite cada ano, polo que é preciso repetir o estudo durante varias campañas para lograr datos fiables das características xerais, dos froitos e os aceites. Tamén analizaron o ADN da planta neste proceso de identificación. “Traballamos con 16 microsatélites, unha cifra moi elevada para este tipo de investigacións e que implicou un gran traballo”, detalla a científica.

Na fase de identificación, o grupo tamén realizou unha descrición botánica dos exemplares e variedades nas que detallaron a flor, a folla ou as olivas. Esta etapa do proceso foi clave para poder comparalos con outras variedades de distintos países e doutras zonas de España. Tamén fixeron unha comparación coa bibliografía científica con tipoloxías doutras rexións europeas. “É un proceso laborioso pero permítenos concretar que realmente son variedades autóctonas”, explica Martínez.

Aceite de calidade

O estudo pormenorizado dos exemplares de oliveiras en Galicia tamén permitiu constatar que apenas están afectados por patoloxías sanitarias que se están estendendo a gran velocidade noutras zonas da Península Ibérica. “Detectamos un moi baixo porcentaxe de oliveiras infectadas por virus”, concreta a experta.

Os primeiros resultados do estudo revelan unha baixa incidencia de afeccións sanitarias nas oliveiras galegas

A investigación tamén incluíu a elaboración, a pequena escala, do aceite destas variedades e os primeiros resultados arroxan que se trata de aceites de gran calidade ademais de orixinais.

Comercialización destas variedades

O proxecto puxo tamén o foco noutro dos aspectos claves: a conservación das especies localizadas. Por este motivo, desde o propio centro están a levar a cabo labores para conseguir o enraizamiento de gallos destes exemplares para asegurar a conservación das variedades descritas. En concreto, realizarán unha plantación nunha parcela do CSIC con este fin.

Agardan proporcionar as primeiras plantas estándar ao sector este mesmo ano

Esta plantación permitirá, ademais, a transferencia de planta ao sector produtivo. “O noso obxectivo é que as plantas cheguen aos viveiros dunha forma legal e ordenada”, apunta Martínez. De feito, xa están a constatar unha importante demanda tanto por parte dos viveiros como de produtores interesados en contar con variedades autóctonas. Desde o centro de investigación agardan dispor de planta estándar incluso xa este ano de maneira que poidan comezar a distribuír as primeiras estaquillas aos viveiros. Aínda que a planta certificada tardará aínda varios anos, dado o proceso legal que debe seguir.

Martínez tamén matiza que sería interesante abordar tamén outros aspectos claves como a definición dun marco de plantación axustado a estas tipoloxías antes de que comece a comercializarse para a produción profesional de oliva en Galicia.

120 oliveiras centenarias

Nesta investigación, o grupo localizou un total de 120 oliveiras centenarias repartidos por toda Galicia. Este estudo dos exemplares máis antigos permitiulles non só descubrir estas variedades autóctonas senón profundar no coñecemento e evolución da oliveira nesta rexión. Precisamente, ao identificar estas variedades autóctonas constataron tamén que, a pesar de que os agricultores teñen certa facilidade para diferenciar algunhas características dunhas e outras, realmente chámanlle do mesmo xeito a plantas que claramente son variedades diferentes. Non existe unha nomenclatura concreta para este abanico de variedades distintas, polo que “a diferenza do que ocorreu, por exemplo, no proceso de recuperación das variedades autóctonas de vide, cuxo cultivo case desaparecera en moitas zonas, pero coñecíanse aínda os nomes que os viticultores utilizaban para referirse a elas e diferenciar unhas doutras (Albariño, Godello, Treixadura, Caíño), neste caso teremos que bautizar as distintas variedades”, comentaba Martínez, quen tamén se encargou ao longo dos últimos 30 anos da recuperación das variedades vinícolas en Galicia e que observa grandes similitudes entre ámbolos procesos.

Terán que bautizar as variedades localizadas xa que non existen nomes específicos para os distintos tipos

Entre os exemplares máis antigos, os expertos tamén localizaron oliveiras de variedades foráneas, sobre todo de Arbequina e Picual. Aínda que, ao comezo da investigación esperaban tamén localizar plantas de variedades oriúndas de Portugal, apenas contabilizaron 4 oliveiras deste tipo. O mesmo ocorreu coa variedade coñecida como Galega, moi estendida en Portugal, e a pesar do que inicialmente podían agardar non detectaron de momento ningún exemplar desta tipoloxía.

A pesar dos resultados iniciais deste proxecto, a investigadora apunta á necesidade de realizar un estudo amplo sobre as olivas en Galicia para poder fomentar a recuperación destas variedades e ofrecer un produto diferenciado. Martínez incide tamén en que as oliveiras autóctonas poden ser unha alternativa máis adaptada ás condicións de Galicia fronte a outras variedades como a Arbequina, a máis popular nas grandes plantacións galegas, que ten dificultades para axustarse ao clima galego.