Iníciase a colleita de pataca na Limia con ata un 20% menos de produción e mellores prezos

Esta semana comezaron a cachar as primeiras patacas en Solbeira e Piñeira, en Xinzo de Limia, un traballo que se alongará ata decembro. A seca provoca unha menor produción pero un aumento do prezo.

Iníciase a colleita de pataca na Limia con ata un 20% menos de produción e mellores prezos

Recollendo pataca na Limia para a IXP Pataca de Galicia

Esta semana os agricultores empezaron a apañar as patacas nas parroquias de Solbeira e Piñeira, en Xinzo da Limia, nunha colleita que se prolongará ata o mes de decembro. A principal comarca agrícola de Galicia, cuns 400 agricultores que teñen a pataca como actividade principal e uns 700 como segunda actividade, prevé este ano unha colleita menor en cantidade, pero de mellor calidade e con prezos maiores.

Segundo o responsable do Sindicato Labrego Galego (SLG) na Limia, Anxo Pérez, “as previsións apuntan a unha colleita duns 90 millóns de kilos na comarca da Limia fronte aos 120 millóns que se recolleron o pasado ano, o que suporía sobre un 20% menos”.

Anxo Pérez salienta que “a sanidade das patacas é moi boa porque o tempo foi seco e isto fixo que non afectasen as enfermidades fúnxicas, aínda con pequeno tamaño debido á seca”. E é que malia que o sistema de regadío debería paliar a falta de precipitacións, “sen embargo as noites moi quentes nos meses de maio, xuño e xullo favoreceron o desenvolvemento de rama na planta, pero non o da tuberización, co que hai menos pataca e de menor tamaño”, explica.

A menor colleita de pataca en toda Europa favorece a suba dos prezos

En canto aos prezos, están a ser lixeiramente superiores aos da pasada campaña debido a que a seca tamén provocou unha menor colleita de pataca en Francia e en Alemaña, os principais exportadores de tubérculo ao mercado español. Porén, Anxo Pérez prevé que “ata que a distribución non remate de vender o stock de pataca do Sur de España, onde primeiro as recolleron, e de pataca francesa vella, que venden como nova, os prezos na Limia non repuntarán”, algo que prevé que se produza cara o mes de decembro.

O prezo de saída deste ano é de entre 0,15 e 0,20 €/kg, dependendo da variedade

Así, se a pasada campaña a pataca da Limia pagouse en orixe a unha media de entre 0,12 e 0,15 €/kilo, con contrato, pero con mínimos de ate 0,05 euros, o prezo de saída deste ano é de entre 0,15 e 0,20 €/kg, dependendo da variedade.

Os mellores prezos da pataca virían a compensar un ano desastroso na Limia no relativo á colleita de cereal. E é que se ben o cereal de inverno aínda rendeu algo -unha media de 700 kg por hectárea fronte aos 2.000 kg dun ano normal, “a seca arruinou o cereal de primavera, con parcelas nas que os agricultores tiveron que roturar todo porque non lles compensaba colleitalo”, asegura o responsable do SLG.

A IXP Pataca de Galicia prevé un descenso de ata o 35% no resto de Galicia

Dende a IXP Pataca de Galicia, que ademais da Limia tamén ampara as patacas producidas na Mariña Lucense, na Terra de Lemos e na comarca de Bergantiños, prevén un descenso maior da colleita no conxunto destas zonas ao non contar con sistemas de regadío. “Entre un 30 e un 35% menos que o pasado ano”, segundo José Antonio Chao, técnico da IXP, quen tamén salienta a excelente calidade e o bo estado sanitario dos tubérculos.

En canto ás previsións de comercialización, o técnico de Pataca de Galicia estima que manterán e mesmo aumentarán un pouco os niveis da pasada campaña: sobre 8 millóns de kilos controlados e uns 5 millóns de kilos comercializados da variedade Kennebec, a única autorizada pola IXP ata o de agora.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información