Horta da Lousa: leitugas e tomates con sabor, controlados dende o móbil

Néstor Liñares Pardo é un mozo de 33 anos que no 2010 cambiou o seu traballo de informático na Coruña para incorporarse á horta da súa nai en Cerceda (A Coruña). Cóntanos os cambios que fixo nesta empresa familiar que xa dá traballo a 5 persoas.

Publicidade
Horta da Lousa: leitugas e tomates con sabor, controlados dende o móbil

María, Néstor e José Antonio no seu invernadoiro de tomate.

Cando un chega á Horta da Lousa sorprende ver o mimo e o coidado de todos os campos de cultivo e dos invernadoiros. Unha paisaxe bucólica de ringleiras de leitugas e de tomates perfectamente ordenadas, lindando con pradeiras nas que pacen vacas de raza Rubia Galega, e uns invernadoiros de última xeración que poñen unha nota futurista.

Á fronte desta empresa de horta familiar está Néstor Liñares Pardo, un mozo de 33 anos que no 2010 decidiu cambiar o seu prometedor traballo de informático na Coruña por este sector. Xunto a el, dirixe a empresa a súa nai, María Pardo Barbeito, e ademais dan traballo a tres persoais máis empregadas.

Hoxe dos seus 8.000 metros cadrados de invernadoiros e dos 15.000 metros cadrados de horta ao aire libre saen cada ano unhas 100.000 leitugas e uns 40.000 quilos de tomate, ademais de planta ornamental e de horta, que se distribúen polas comarcas de Ordes, A Coruña, Santiago e Bergantiños.

Unha historia de superación e aposta pola riqueza do rural

Pero os comezos non foron fáciles, pois como recoñece José Antonio Liñares Candal, pai de Néstor, “non estamos no mellor lugar de Galicia para horta, e tivemos que superar adversidades e tamén incomprensión do noso entorno social cando empezamos nun sector totalmente novidoso para esta zona”.

Na busca dunha actividade no sector primario para a súa muller, María Pardo Barbeito, decidiron apostar pola horta no ano 1989, porque tal e como explica José Antonio, “tiñamos pouco terreo, e a horta era rendible nun espazo reducido”. “Ademais -engade- valoramos que tiñamos un mercado cerca, o da vila de Ordes, que estaba sendo abastecido dende A Coruña e que podíamos cubrir nós con produtos de horta máis frescos, de cercanía e incluso a menores custos”.

Foi así como no outono dese ano empezaron cun invernadoiro de 600 metros cadrados. Pero, no mes de Nadal un vendaval levantoulle o plástico e dobrou os arcos da instalación. “Foi un golpe, pero ao día seguinte estábamos reparándoo e para a semana de Reis xa estábamos vendendo leituga en Ordes”, conta con orgullo José Antonio.

A demanda dos seus produtos de horta, sempre dirixidos a pequenos establecementos, foi tal que no ano 1990 construíron outro invernadoiro e no 1992 chegaron a 2.700 metros cadrados cubertos, unha superficie na que se mantiveron estables ata o ano 2010.

Comezaron cultivando leituga e foron ampliando a tomate, repolo e amorodos, pero finalmente centráronse soamente en tomate e leituga, dous produtos que, como destaca José Antonio, “son moi demandados durante todo o ano”. Tamén producen para a venda en tendas agrarias planta ornamental e unhas 100 variedades de planta de horta, para manter a actividade nos meses de inverno.

E chegou o ano 2010 cando a familia plantexouse seguir coa horta ou pechar a explotación. Néstor tiña un bo traballo como informático na Coruña, e María non se sentía con ánimo para seguir soa. Pero o rapaz da casa non lle acababa de gustar o traballo de oficina e botaba de menos “traballar na horta, no que me gusta, estar preto da familia e poder ir comer durante a semana o caldo xunto á avoa”.

“Nuns anos queremos acadar unha produción 100% orgánica”

Para que o soño se correspondese coa realidade botaron contas e fixeron unha planificación. “Fixemos un estudo de mercado e a opción máis rendible para 2 socios e 3 empregados era estar próximos a 1 hectárea de invernadoiro, o que nos permitiría ter horarios flexibles e unha produción estable todo o ano”, explica Néstor.

Despois dun longo proceso administrativo, finalmente no 2013 entraron en funcionamento as novas instalacións, que supuxeron un investimento superior aos 300.000 euros, parte del sufragado coa axuda dun plan de mellora.

Control informático da explotación dende o teléfono móbil

As novas instalacións están totalmente automatizadas, o que mellora a eficiencia no uso de auga, o rendemento dos cultivos e reduce a man de obra. “Instalamos un sistema de control de clima que mide temperatura, intensidade lumínica, presenza de choiva, humidade exterior, dirección e velocidade do vento. Con todos eses parámetros actúan unha serie de fiestras para adecuar a temperatura do invernadoiro á óptima para o cultivo. Ademais, a malla de sombreo esténdese automáticamente cando se sobrepasan 450 vatios de radiación solar por metro cadrado para que o plantel non se queime,e ademais, durante o inverno supón unha axuda térmica para os cultivos”, explica Néstor.

O sistema de rego está controlado dende o móbil, o que lles permite un aforro da auga e un control máis cómodo dende calquera lugar do planeta.

Aposta por unha agricultura respectuosa co medioambiente

E todos estes avances tecnolóxicos permítenlles ter unha horta máis eficiente pero que busca sobre todo manter o sabor e a frescura. Así, por exemplo, os tomates, que producen de xuño a novembro, son colleitados só cando reciben o pedido, de forma que o tomate vai madurando na planta, e iso permite que estea moi compensado entre dureza e sabor.

En canto á leituga, utilizan 4 variedades que cultivan durante todo o ano, en verán ao aire libre e en inverno no invernadoiro. “Unha gran porcentaxe de leituga que comercializamos cortámola a primeira hora do día, de forma que a folla almacena gran cantidade de auga do orballo, e mantén todas as propiedades organolépticas, sen pasar por cámara”, destaca Néstor.

E todo isto, nunha agricultura que intenta ser o máis respectuosa posible co medio ambiente. Así, o abono que utilizan procede principalmente do rabaño de vacas de Rubia Galega que coidan os avós de Ernesto, así como de esterco de explotacións gandeiras da zona. Empregan tamén variedades resistentes, para reducir o uso de fitosanitarios, realizan loita biolóxica e labores culturais para evitar o uso de herbicidas.

“O tipo de agricultura que facemos actualmente é integrada, e tentamos achegarnos o máis posible á ecolóxica. Sabemos que é algo que non nolo valoran como se debera, porque os nosos clientes buscan un equilibrio entre calidade e prezo, pero nuns anos queremos acadar unha produción 100% orgánica ”, aseguran.

O futuro: cultivo en ecolóxico e ensaladas envasadas listas para consumir

Precisamente, a súa estratexia de futuro pasa por unha parte, por estudar a viabilidade de pasar a certificar a súa produción en ecolóxico, e por incorporar novos produtos de inverno como o repolo.

Pero onde ven tamén moi necesario comezar a traballar é en produtos de cuarta gama, como ensaladas xa preparadas e envasadas, listas para consumir. “Hoxe a leituga é a base das ensaladas pero os hábitos de consumo cambian rapidamente e debemos adaptarnos, por exemplo con leitugas máis pequenas e elaborar ensaladas envasadas”, asegura Néstor, consciente de que “a leituga enteira ten os seus clientes e os seus días contados, porque a xente das novas xeracións xa a compra feita en ensaladas”.

“As novas xeracións xa compran as ensaladas feitas. Temos que adaptarnos”

E pasados estes sete anos, unha pregunta que todos nos faríamos é se este mozo se arrepinte de ter deixado o seu traballo de informático na Coruña. Recoñece que “os primeiros anos foron duros porque tiñamos que simultanear a produción coa obra dos novos invernadoiros”. Tamén valora como moi positivo que partía coa gran vantaxe de que a explotación e as canles de comercialización xa as puxeran en marcha os meus pais

Pero non dubida en afirmar que “sen dúbida o cambio foi claramente para mellor”. “Gústame o que fago e onde vivo”, conclúe.

Plantación de leitugas en exterior de Horta da Lousa

As recomendacións de Horta da Lousa para as persoas que queiran incorporarse ao sector da horta:

-”Primeiro, antes de plantar nada, buscar clientes para ter vendida boa parte ou toda a produción”.

-”É clave a formación e o asesoramento. Levamos case 30 anos na horta e seguimos aprendendo”.

-”É básico ter un colchón de aforros, porque vai haber anos bos e anos malos, e hai que compensalos”.

-”Hai que manter a confianza do cliente mantendo uns estándares de calidade. E o produto que non os cumpra debe ir para destrío”.

– E sobre todo, como subliña José Antonio, “que teña paixón por traballar no campo, porque a horta esixe moita constancia para superar os momentos malos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información