“Hai un potencial enorme na horta galega se traballamos con mentalidade empresarial”

Entrevista a Cristina Bañobre Lomba, unha muller emprendedora de Miño que hai 20 anos decidiu profesionalizar a horta familiar. Hoxe cultiva máis de 50 hectáreas con pataca, cebola e grelo e dá traballo a ata 30 persoas

Publicidade
“Hai un potencial enorme na horta galega se traballamos con mentalidade empresarial”

Cristina Bañobre con dous dos seus podutos estrela: Pataca Kennebec e cebola chata de Miño

“Estou creando riqueza e emprego a partir da horta apostando pola trindade dos galegos: a cebola do país, a pataca e o grelo”. Así resume Cristina Bañobre Lomba o percorrido de Daterra do País, unha empresa que produce horta no concello coruñés de Miño e noutros limítrofes.

O que empezou como unha paixón por seguir coa tradición familiar de cultivo de horta, é hoxe xa unha empresa que nos seus momentos de máis actividade dá traballo a unhas 30 persoas e cultiva máis de 50 hectáreas, a maioría en aluguer, nos concellos de Miño, Cabanas e Monfero.

No 2018 Cristina recibiu o premio AGADER “Loita contra o abandono e en prol do desenvolvemento rural” da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e dende o pasado ano os seus produtos tamén están amparados polo selo de calidade da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

¿Como unha titulada en Química Ambiental remata poñendo en marcha unha das maiores empresas produtoras de horta de Galicia?
A miña familia é de Carantoña, en Miño, e dende moi atrás había tradición de cultivo de horta para a venda, pero a unha escala pequena. Era unha tradición familiar que só mantiña a miña avoa, pero dende pequena sempre me gustou traballar con ela na horta e todo o que tiña que ver coa terra.

Estudei Química Ambiental na Universidade da Coruña pero a min o que me seguía tirando era a horta e tiña claro que a miña intención era crear unha empresa agrícola, crear a miña marca, traballar de xeito profesional con maquinaria e contratar xente. O meu modelo eran as empresas vitivinícolas da Denominación de Orixe Rías Baixas. Xa durante a carreira facía ensaios de cultivos con crucíferas, con cebola ou con allo para ver como mellorar os rendementos.

Ao rematar a carreira decidiches incorporarte. ¿Que nos contas deses primeiros pasos como profesional?
Deime de alta como autónoma no ano 1998 e comecei vendendo no Mercado Central da Coruña. Ía con toda a miña ilusión, cunha mesa de madeira, moi ben presentado todo, pero desencantoume porque vía que non se valoraba o meu produto e non lle vía futuro a esa forma de vender onde había unha relación extraña, non transparente, entre o produtor e o almacenista. Decateime que o meu futuro non estaba en vender a granel, senón en apostar pola calidade e por empresas comercializadoras que valorasen o meu produto.

Foi así, hai uns 20 anos, en 1999, como entrei en contacto con Gadis e dende o primeiro momento apostou polo meu proxecto porque os seus consumidores valoraban un produto local e de calidade. O meu compromiso con eles é tamén de garantirlles esa calidade e un volume de subministro.

 “Aposto pola trindade do galego: grelo, pataca e cebola, os cultivos que mellor se dan aquí e que mellor rotan”

Dende entón os beneficios da empresa fóronse reinvestindo en mercar maquinaria e en contratar persoal, que a día de hoxe suma unha plantilla fixa de 10 persoas, que soben ata 30 coas contratacións temporais para os meses de máis traballo. Nunca solicitei axudas para mercar maquinaria porque cría que tiña que ser un proxecto sostible económicamente por si mesmo.

¿Que produtos cultivas a día de hoxe?
Nun comezo empecei cultivando unhas 5 hectáreas de repolo e de couveflor, en rotación con pataca e cebola. Pero finalmente decantámonos polo tradicional, pola trindade do galego: a pataca, a cebola e o grelo, tres cultivos que se adaptan moi ben aos nosos solos ácidos e arxilosos. O clima das Mariñas é privilexiado para o cultivo de horta, xa que a nosa oscilación térmica vai dos 10 graos de temperatura mínima aos 30 de máxima.

Cultivamos cebola chata de Miño, un produto que é moi valorado polos consumidores, e pataca Kennebec, unha variedade moi apreciada polos galegos. É un orgullo para nós se capaces de comercializar as nosas patacas en envases de papel de 3 kilogramos baixo a nosa marca DATERRA. Non regamos a pataca, co que a súa conservación é moito mellor e o seu sabor é máis intenso, xa que ten maior contido de materia seca.

En canto ao nabo, cultivámolo en rotación coa pataca e coa cebola porque mellora a estructura da terra. Hai uns anos que tamén o empezamos a cultivar en fincas que alugamos no concello de Monfero, no Val de Xestoso, unha zona de temperaturas máis frías e xeadas frecuentes, que son as idóneas para darlle ao grelo un sabor exquisito.

A xente pide produtos galegos e temos unha gran oportunidade para ofrecerlle estes produtos de cercanía. Tamén nos demanda produtos ecolóxicos, producidos de maneira sustentable, e nese sentido creo que unha leituga eco producida en Almería ou a centos de quilómetros claramente non é eco.

Fostes dos primeiros certificados en agricultura integrada e agora estades apostando pola agricultura ecolóxica. ¿Como están a ser os resultados?
Dende os comezos cultivei en convencional pero co sistema de produción integrada, empregando exclusivamente produtos fitosanitarios, principalmente cobre, de maneira curativa, non de forma preventiva.

“Estamos a cultivar pataca en ecolóxico e con resultados moi positivos”

E hai tres anos empezamos a cultivar tamén en ecolóxico coa certificación do CRAEGA. Este ano cultivamos unhas 25 hectáreas en convencional, principalmente de cebola, e unhas 20 hectáreas en ecolóxico-16 de pataca e 4 de cebola-, 7 máis que o ano pasado. Os resultados, sobre todo na pataca, foron moi positivos.

Chama a atención que a maior parte da terra que cultivades é en aluguer. ¿Évos difícil acceder á terra?
Podería dicir que a terra ven a nós. Pagamos bos arrendamentos, de media uns 400 euros a hectárea ao ano, e coidamos as fincas, polo que isto corre de boca en boca e ao final os propietarios chámannos para ofrecernos as fincas.

¿Que lle recomendarías á xente nova que se quere iniciar no sector da horta?
Hai un potencial enorme na horta galega pero hai que ter sempre unha mentalidade empresarial, senón sempre será un complemento e manterase esa visión “indigna” de vivir do agro. Hai que apostar pola profesionalización do sector, pero dende abaixo, para vender os nosos produtos con orgullo e non ter unha actitude de sumisión cos clientes. É un luxo comer un grelo do Val de Xestoso, ou unha pataca de Miño, non podemos pedir por favor que nolo merquen.

En canto á Administración, valoro moito os incentivos que se dan, pero boto en falta que os funcionarios empaticen máis co sector e cos produtores, que se poñan máis na nosa pel e desta forma axilicen os trámites e nos teñan en conta.

¿En que outros proxectos estades traballando?
Temos en marcha o proxecto Horta Daterra, que busca recoller, compartir e transmitir a cultura hortícola que había en Miño e poñer en valor os nosos produtos. Para elo contamos coa inestimable colaboración da cociñeira Beatriz Sotelo.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información