Galicia prevé lograr unha colleita histórica de mazá de sidra, cuns 9 millóns de quilos

Os produtores de mazá de sidra galegos estiman que se logrará unha colleita abundante e de calidade. Agardan comezar esta semana os labores de recollida das variedades máis temperás, nunha campaña que se prolongará ata finais de outubro. A produción en ecolóxico aséntase cada vez máis nos pomares galegos

Galicia prevé lograr unha colleita histórica de mazá de sidra, cuns 9 millóns de quilos

Mazás de sidra recollidas na zona da Estrada nunha campaña pasada.

A colleita de mazá de sidra en Galicia está a piques de comezar e as previsións apuntan a que este 2019 será un bo ano tanto en calidade como en produción, despois dunha campaña moi frouxa o pasado ano. Dende o sector estímase que se poidan chegar a recoller entre 8 e 9 millóns de quilos e que nalgunhas zonas se acade o 90 ou 100% das cifras de produción que se manexaron nos mellores anos.

Boa parte desta produción destinarase á sidrería Custom Drinks, situada en Chantada, propiedade de Hijos de Rivera, e que é  a maior produtora de sidra na comunidade, mentres que unha reducida parte da produción xestionarase directamente en pequenos lagares de sidrerías artesanais. Tamén se enviará mazá galega para as sidrerías asturianas que, durante anos foron o principal mercado para os produtores galegos.

Un ano de moito froito

As estimacións iniciais indican que se tratará dun ano con moita froita, non só polas condicións meteorolóxicas favorables senón tamén pola alternancia que experimentan as árbores froiteiras, con anos de moita produción con outros de recuperación. Así, despois de que o ano pasado a produción fora máis reducida, esta campaña agárdase boa.

“Ata que esteamos metidos en outubro, en plena recollida, non se pode asegurar con certeza, pero todo apunta que será unha moi boa campaña e que se pode mesmo chegar ós 9 millóns de quilos”, indica Francisco Otero, presidente de Afrugal, unha organización que agrupa a máis de 30 produtores profesionais sobre todo das provincias de Lugo e A Coruña.

Os pomares gozan dun bo estado sanitario, logo da escaseza de choiva que reduciu a incidencia de pragas

Tamén contribuíron as estas boas perspectivas as axeitadas condicións meteorolóxicas que se levan producindo nos últimos meses que permitiron que os pomares apenas rexistraran incidencia de pragas que minguaran a produción. “Levamos sen chover case dende mediados de agosto e iso propiciou que o estado sanitario sexa moi bo”, concreta Miguel Soto, técnico de Ullama, a principal cooperativa da Estrada, unha das comarcas destacadas na produción de mazá de sidra de Galicia.

Na cooperativa estradense agardan chegar ó millón de quilos -o ano pasado recolleron uns 300.000 kilos-, toda ela producida en ecolóxico e que se destinará a Custom Drinks para elaborar a sidra comercializada baixo o selo Maeloc. Na zona, que suma máis de 100 hectáreas plantadas, tamén se producirá preto doutro millón de quilos por parte dos produtores particulares e algunha destas mazás destinaranse á produción de sidra en pequenos lagares da zona que tamén están a comercializar a súas sidras.

Na Estrada agardan recoller arredor de 2 millóns de quilos de mazás

Ademais da cantidade de mazá prevista, as primeiros análises realizadas na fábrica de Chantada amosan que é unha mazá de calidade, cunha importante proporción de azucre. “Estamos vendo que é unha mazá pequena pero cunha cantidade de azucres moi interesante para elaborar a sidra”, concreta José Luis Olmedo, xestor de proxectos de I+D+i de Hijos de Rivera Investimentos Corporativos SL.

Mazá procesada en Galicia

A colleita arrancará xa esta semana nas fincas que conten con variedades máis temperás e prolongarase ó longo de todo o mes de outubro e mesmo pode que chegue a novembro, debido á cantidade de mazá, como apuntan dende o sector. “O bo tempo fixo que xa se estea a recoller mazá de mesa e iso danos tamén unha idea de que coa de sidra tamén se comezará xa esta semana”, concreta Francisco Otero. Na Estrada as previsións son similares, e nestes días contan comezar coa recollida xa nos pomares coas variedades de cedo.

A maior parte das mazás de sidra destinaranse á fábrica de Custom Drinks. “Aquí chégannos mazás de toda Galicia, dende o eixo central coa Estrada e Chantada como principais zonas produtoras, ata doutros puntos. Así, temos mazá procedente de Ortigueira ou chegada do sur de Galicia, da zona de Verín; así como do este, de zonas como Láncara ou Becerreá; ou do oeste, de concellos como Boiro”, apunta José Luis Olmedo.

En canto ós prezos, Hijos de Rivera mantén contratos a varios anos cos seus provedores, o que garante que permaneza entre os 0,22 e os 0,24 para a mazá de sidra convencional e sobre os 0,30 para a ecolóxica. Porén, a mazá que se destine a Asturias estará máis suxeita a variacións. “Ó ser un ano abundante de froita pode que dende Asturias queiran baixar os prezos”, apuntan dende Afrugal.

Auxe da produción en ecolóxico

Nos últimos anos estase a comprobar unha clara evolución cara a produción de mazá en ecolóxico. Arredor dun 30% da produción atópase nesta categoría que tamén está a ter unha gran demanda. “Dende Custom Drinks aspiramos a ser a primeira sidrería cunha produción 100% ecolóxica porque creemos na importancia de prácticas sostibles, por iso tamén primamos os prezos da produción con certificado en ecolóxico”, concreta Olmedo.

“É unha tendencia cada vez máis estendida. A xente comeza con convencional ou integrado e logo dos primeiros anos pásase á produción en ecolóxico”, indica Francisco Otero. A tendencia é similar tamén na zona da Estrada, onde a cooperativa Ullama vende toda a súa produción en ecolóxico.

Están a realizar un estudo para optimizar a produción de variedades galegas de mazá, mellor adaptadas ó clima

Por outra banda, tamén se está levando a cabo un ensaio por parte de Custom Drinks xunto con produtores como Afrugal sobre as variedades galegas que mellor se adaptan para a sidra. “Antes recomendabamos plantar variedades asturianas porque o mercado estaba alí e pedían ese tipo de mazás pero agora que hai unha boa produción en Galicia estamos vendo as posibilidades que ofrece a mazá galega para a sidra e cales son as que mellor se adaptan”, concreta Otero. Trátase dun estudo do que agardan ter resultados nos próximos anos.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información