Galicia, á cola na reciclaxe de envases fitosanitarios

A comunidade recolleu 44 toneladas no último exercicio, pouco máis do 1% do total de garrafas de pesticidas recuperadas en España

Publicidade
Galicia, á cola na reciclaxe de envases fitosanitarios

Ó rematar un envase, Sigfito recomenda facerlle un triple enxoague.

O peso que ten Galicia na agricultura estatal non se corresponde coa súa posición á cola na reciclaxe de envases de produtos fitosanitarios. Pouco máis do 1% dos envases que se retornan no Estado son recollidos en Galicia, segundo Sigfito, a firma xestora da reciclaxe dos recipientes de pesticidas en toda España. Con todo, o dato positivo é a progresiva mellora experimentada en Galicia. No 2010, recollíanse pouco máis de 21 toneladas de envases baleiros e no 2014 foron máis de 44 toneladas as retiradas. O total estatal supera as 3.800 toneladas.

Os envases baleiros de produtos fitosanitarios deben reciclarse a través dun sistema específico, xestionado por Sigfito, xa que os residuos de produtos químicos que acompañan ás garrafas de plaguicidas esixen dun protocolo distinto. Non serve botalas no contedor amarelo de plásticos nin no verde. En Galicia, Sigfito dispón de multitude de puntos de recollida nas catro provincias, principalmente en cooperativas e nas comerciais agrícolas de fitosanitarios. Na web de Sigfito, pódese facer unha busca dos puntos de recollida das distintas provincias, en torno a 1.000 na comunidade. A entrega dos envases é gratuita.

Desde Sigfito valoran a dispersión poboacional característica de Galicia como un dos factores que dificulta o retorno dos envases fitosanitarios, un aspecto ó que Sigfito considera que hai que engadir nalgúns casos outro elemento, como é a adicación agrícola a tempo parcial en sectores como o da horta ou o de viñedo, cun manexo menos profesional que leva a que os agricultores eludan a obriga da reciclaxe dos envases fitosanitarios.

No conxunto de España, Sigfito calcula que o 63% dos envases están retornándose para a reciclaxe, con grandes diferenzas entre comunidades e con Galicia nos postos de cola.

Por provincias, Pontevedra, con case 18.000 toneladas, lidera as entregas en Galicia, seguida da Coruña, con 15.000, Lugo, con 5.600 e Ourense, con 4.600. Os cambios máis significativos nos últimos anos experimentáronse na Coruña, Pontevedra e Ourense, que en 5 anos duplicaron con creces as súas entregas, en tanto en Lugo no mesmo periodo aumentou a recollida nalgo máis de 1.000 toneladas.

Envases de fertilizantes
Desde o pasado exercicio, Sigfito ten autorización de todas as comunidades autónomas para operar tamén no campo da recollida dos envases de fertilizantes. “Era unha demanda que nos chegou dos agricultores, que tiñan a necesidade de xestionar tamén a reciclaxe doutros envases para os que non había vías de entrega”, explican desde Sigfito.

A entidade logrou nos últimos anos as correspondentes autorizacións administrativas e, unha vez logradas, iniciou conversas cos fabricantes de fertilizantes para valorar a posibilidade de facerse cargo da retirada dos seus envases. Polo de agora, chegouse a acordo cunha vintena de fabricantes, que xa colocaron o logo de Sigfito nas súas etiquetaxes. A entidade espera seguir sumando apoios, xa que só se fará cargo dos envases das empresas que se adhiran ó sistema, recoñecibles por incluir o logo de Sigfito nos seus empaquetados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información