Existe comunicación entre as plantas de pataca dunha parcela?

Un proxecto do CSIC busca comprobar como é a comunicación química que se dá entre plantas de pataca cando son atacadas por insectos herbívoros. O estudo pode aportar solucións coas que reducir o uso de insecticidas fronte ás pragas actuais

Existe comunicación entre as plantas de pataca dunha parcela?

Planta da patacas.

Estudos recentes teñen demostrado que existe unha comunicación química entre plantas, é dicir, mediante compostos orgánicos que as plantas emiten á atmosfera. É un fenómeno que se produce cando as plantas están a ser atacadas por insectos herbívoros e que funciona a modo de alerta para outras plantas veciñas.

Nesta liña de investigación, un proxecto da Misión Biolóxica de Galicia, do Consello Superior de Investigacións científicas (CSIC), busca coñecer mellor esta comunicación nas plantas de pataca posto que, como se amosou xa noutros cultivos, pode permitir reducir o uso de insecticidas.

As plantas atacadas emiten uns sinais químicos para alertar ás plantas veciñas, que comezan a preparar as súas defensas

“Cando a planta é atacada por insectos herbívoros emite uns sinais químicos volátiles que son recoñecidos polas plantas veciñas non atacadas, que comezan a preparar as súas defensas para que, no caso de sufrir un ataque no futuro, a súa resposta defensiva sexa máis rápida e eficaz. É case o efecto dunha vacina”, explica o investigador Xoaquín Moreira Tomé, do grupo de Ecoloxía Evolutiva das Interaccións Planta-Herbívoro da Misión Biolóxica de Galicia, e que ten traballado nesta materia en investigacións que foron publicados en recoñecidas revistas internacionais. “As plantas que aínda non foron atacadas prepáranse, pero non activan os mecanismos de defensa”, concreta o investigador.

Captura de compostos volátiles de plantas para comprender a comunicación que establecen.

Captura de compostos volátiles de plantas para comprender a comunicación que establecen.

Descifrar a linguaxe

Un dos aspectos claves nestas investigacións sobre a comunicación química das plantas é descifrar a linguaxe que empregan posto que, como confirmou o investigador en traballos previos, os compostos volátiles que emiten son moi específicos e varían en función da identidade dos herbívoros que estean atacando as plantas.

Esta foi unha das confirmacións que Moreira logrou logo dunha investigación que fixo en California (EE.UU) sobre o arbusto ‘Baccharis Salicifolia’, unha especie emblemática do sur deste estado, tanto polos seus usos medicinais como por formar parte do hábitat de aves protexidas. Tratouse dunha investigación que o experto liderou xunto con outros investigadores da Universidade de California e da Universidade de Neuchâtel (Suiza) e que publicou na revista científica New Phytologist.

As plantas emiten distintos compostos volátiles en función do herbívoro que as estea atacando

“Tense observado que as plantas son capaces de identificar ós herbívoros que están atacando ás plantas veciñas a través dos compostos volátiles que estas emitiron, o que lles permite prepararse para ese ataque en concreto”, explica Moreira.

Unha alternativa para reducir o uso de insecticidas

O que persigue esta investigación centrada na pataca é “tratar de atopar esas substancias químicas que producen as plantas ante o ataque”, detalla o investigador. Unha vez identificadas, o obxectivo é que poidan aplicarse de forma esóxena estes compostos volátiles á planta, para que detecte que se está producindo un ataque e se prepare para el.

Esta loita biolóxica podería permitir reducir o emprego de insecticidas, a solución máis recorrente a día de hoxe na agricultura tradicional. Esta é a liña que xa están propoñendo investigadores en Norteamérica para substituír o emprego de insecticidas en cultivos como o millo ou a xudía. “A comunicación química entre plantas constitúe unha liña de investigación moi incipiente a nivel internacional”, recoñece o investigador.

“Non hai un composto universal que serva para todo tipo de especies, nin de herbívoros”

A dificultade radica en que “non hai un composto universal que serva para todo tipo de especies de plantas nin de herbívoros. Cada planta reacciona emitindo compostos diferentes en función de moitos factores”, comenta o experto. Por iso, no proxecto proposto sobre a pataca, que se atopa pendente de lograr financiamento, tamén se contempla estudar se outros factores como a dispoñibilidade de recursos (nutrientes, auga ou luz) tamén provocan que se produza esta comunicación.

Actuar nun cultivo clave e ameazado

Este proxecto centrado na pataca pretende ofrecer solucións a un cultivo que é clave na economía agrícola e que nos últimos anos está a verse ameazado por pragas de herbívoros coma a da couza guatemalteca, que mesmo provocou as restricións de cultivos en determinadas áreas de Galicia. “Decidimos centrarnos na pataca pola importancia que ten no sector agrícola e por como se está vendo afectada pola couza guatemalteca, que pode resultar moi prexudicial para este cultivo”, concreta Moreira.

Descifrar a comunicación química da pataca podería ser clave para actuar fronte a pragas como a da couza guatemalteca

Como apunta Moreira, ó igual que coa pataca, tamén podería contemplarse o estudo sobre outros cultivos como o tomate, o millo ou as xudías, entre outros, co obxectivo de reducir o uso de insecticidas.
A comunicación química entre plantas aínda que nun primeiro momento mesmo xerou unha gran controversia, especialmente debido a problemas metodolóxicos, xa foi identificada, mediante estudos de campo e de laboratorio, en máis de 30 especies vexetais, moitas delas de interese agrícola e forestal. De feito, na Misión Biolóxica de Galicia levan catro anos prestando atención a este tema.

Comunicación só entre as plantas da mesma especie

Outro dos aspectos destacados da comunicación química das plantas é que esta só parece darse entre aquelas plantas que están emparentadas xeneticamente. “Existen varias teorías ecolóxicas para explicar isto pero a máis aceptada é que a comunicación entre plantas non emparentadas xeneticamente suponlle un custo moi elevado para as plantas emisoras. Estas plantas estarían proporcionando de forma altruísta un beneficio a outras plantas coas que compiten polos mesmos recursos”, explica Moreira.

A comunicación supón un custo elevado para as plantas, polo que céntranse só en emitila para as da súa especie

Este foi un dos aspectos nos que o experto tamén profundizou nas súas investigacións en Norteamérica, co ‘Baccharis Salicifolia’, xa que é unha especie dióica, é dicir, con estruturas sexuais separadas en distintas plantas e o sexo é un carácter determinado xeneticamente. Nesta investigación, que foi publicada na revista Ecology, Moreira comprobou que as plantas machos son capaces de comunicarse con femias e machos pero as femias só o fan coas femias.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información