PATACA_COUZA_apañando patacas Riotorto 2016-2

Establecidas indemnizacións pola couza da pataca e outras tres pragas vexetais

Medio Rural fixa as compensacións a pagar por pataca de semente ou consumo, así como por plantacións levantadas nas áreas afectadas pola praga

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de indemnizacións para os afectados por catro pragas de corentena: a couza guatemalteca da pataca, o ‘Fusarium’, que afecta a piñeirais; a ‘Tryoza Eritreae’, que é un insecto vector da enfermidade dos cítricos coñecida como HLB; e a ‘Thekopsora minima’, un fungo que afecta a plantacións de morangos e arandos.

Medio Rural destina un total de 100.000 euros ás indennizacións e marca un prazo de solicitude que remata o 1 de outubro do 2018.

Couza guatemalteca
En pataca, as compensacións establecidas para as explotacións afectadas polas medidas de control da couza guatemalteca son as seguintes:

– Pataca de semente. Pola non utilización de pataca de semente certificada establécese un pago máximo de 0,70 euros por quilo.

– Pataca de consumo producida na explotación: 0,30 euros por quilo.

– Plantacións establecidas en zonas infestadas: 0,40 euros por metro cadrado de superficie plantada.

Para almacéns comercializadores, as indemnizacións son as seguintes:

– Pataca de semente: o baremo a ter en conta é a factura de venda do proveedor da pataca.

– Pataca de consumo, como consecuencia da detección de lotes contaminados. Establécese como baremo o prezo de adquisición por parte dos almacenistas, que o acreditarán mediante a factura de compra.

‘Fusarium circinatum’

A detección dun foco do fungo ‘Fusarium circinatum’ pode dar lugar á destrucción de planta de piñeiro destinada a reforestacións. Esa eliminación de plantas en viveiro farase cunha compensación económica, que se establece en función do custo medio de produción da planta -calculado en 0,16 euros- e do número de plantas destruídas.

Medio Rural estableceu unhas indennizacións que oscilan entre 0,108 e 0,144 euros por planta, ao que se lle engade o pago dun 10% dos custos de destrucción da planta.

‘Tryoza erytreae’
En caso de viveiros ubicados en zona demarcada pola presenza do psílido africano dos cítricos, ‘Tryoza erytreae’, establécense compensacións para a eliminación das plantas de cítricos, xa que a ‘Tryoza erytreae’ é potencial transmisora da enfermidade coñecida como HLB ou Huanglonbing, para a que non hai cura coñecida.

As indemnizacións son moi variables, en función da especie e tamaño da planta, establecéndose pagos entre 2 e 50 euros por planta.

‘Thekopsora minima’
A detección dun foco do fungo ‘Thekopsora minima’ dará lugar á destrucción de planta destinada á venda das especies sensibles (morango, arando, etc.), establecéndose unha compensación por esa eliminación en función dos baremos xa fixados con anterioridade. Por plantón de arando en testo pagaranse 3,5 euros.