Ecogalia exporá este fin de semana na Coruña o último en produtos bio e ecolóxicos

Publicidade
Ecogalia exporá este fin de semana na Coruña o último en produtos bio e ecolóxicos

O salón II Salón Ecolóxico de Galicia-Ecogalia abrirá desde este venres e ata o domingo as súas portas en EXPOCoruña para potenciar a produción ecolóxica e local.

Xunto aos máis de 100 expositores sobre sectores como a agroalimentación e a gastronomía, a cosmética e a moda, a automoción e as enerxías renovables, a bio construción, o benestar e a vida sa, o salón acollerá actividades e charlas tanto para os visitantes profesionais como moi especialmente para o gran público.

Así, quen visite Ecogalia poderán participar en degustacións de produtos e en sesións de showcooking de comida vegana, así como de snacks e merendas saudables, ou ben unirse a demostracións de ioga, coñecer as aplicacións das algas na pel ou os beneficios do pan ecolóxico e de beber auga alcalina. Ademais, poderán descubrir os proxectos de xeración de valor do rural apoiados polo Mercado da Colleita, unha iniciativa promovida pola Corporación Fillos de Rivera, Gadis e R.

En canto á automoción, ECOGALIA expoñerá vehículos eléctricos das marcas Kia, Renault, Toyota e Hyundai, mentres que no apartado de charlas técnicas abordaranse cuestións como a xestión forestal, o control das malezas na agricultura ecolóxica ou, a arquitectura e a bio construción.

Así mesmo, haberá unha mesa redonda sobre ecoturismo e sesións sobre o consumo enerxético nas vivendas, a moda sustentable, o smart commerce, a participación cidadá no estudo e divulgación do patrimonio natural, ou como abordar o reto de levar un estilo de vida sustentable.

Entre os conferenciantes destacan expertos como Gonzalo Anguita, director para España da organización sen ánimo de lucro Forest Stewardship Council, que promove a adecuada xestión ambiental, social e económica dos bosques do mundo, así como Antonio Álvarez, responsable ambiental de Inditex, quen falará sobre moda sustentable no modelo de economía circular da empresa con sede en Arteixo. Tamén estará presente o mundo académico e da investigación, con expertos como Anxo Guerra, do CSIC, e os profesores da Universidade de Vigo, María Pardo-Muras e Alberto Garabatos.

Obradoiros infantís

Os máis pequenos tamén teñen o seu espazo propio en ECOGALIA, cunha programación infantil que inclúe talleres sobre mini hortos, xogos sensoriais relacionados coa horticultura, así como creacións de diversos obxectos feitos con materiais de reciclaxe e da natureza. A moda sustentable será outro tema estrela do Salón, con dúas pasarelas ás 18:00 e 20:00 horas da tarde do sábado, unha xornada que se alongará na noite, con copas ecolóxicas e o concerto do grupo Trilitrate, boa música con proxección 3D simultánea.

Ademais, durante os tres días haberá diversos food trucks con comida eco, como o que levará O Fogar do Santiso -con restaurante en Santiago de Compostela-, ou os especializados en crêpes e en hamburguesas ecolóxicas.

Doutra banda, entre as marcas que ofrecerán degustacións dos seus produtos figuran insignias da Corporación Fillos de Rivera, Regina Viarum, Bioselección e Cafés Sabora.

A entrada ao II Salón Ecolóxico de Galicia ECOGALIA é de 5 euros para os adultos e gratuíta para os nenos menores de 3 anos, mentres que o prezo para os comprendidos entre 3 e 12 anos é de 2 euros. Existen bonos para os tres días, así como descontos para grupos de 10 ou máis persoas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información