“É imprescindible unha Denominación de Orixe para o aceite galego”

Entrevista a José Antonio García, presidente da Asociación de Produtores de Aceite e Oliva de Galicia (APAG). Defende a necesidade de plantar oliveiras de variedades galegas, algo ata agora minoritario

Publicidade
“É imprescindible unha Denominación de Orixe para o aceite galego”

José Antonio García, presidente de APAG

O cultivo da oliveira volveu a Galicia e parece que o seu futuro é moi prometedor. Polo menos é o que destacan desde a recentemente creada Asociación de Produtores de Aceite e de Oliva de Galicia (APAG), que este pasado sábado celebrou en Valga (Pontevedra) a súa xunta xeral de socios.

Nos últimos 6 anos esta asociación calcula que se plantaron unhas 200 hectáreas de oliveiral en Galicia e unhas 300.000 oliveiras, unha cifra que se podería multiplicar este ano se van adiante varios proxectos de distintas comunidades de montes veciñais.

José Antonio García, o presidente de APAG, defende como estratéxico para o sector que se aprobe a Denominación de Orixe Protexida “Aceite e Aceituna de Galicia”, algo que acaban de solicitar á Xunta de Galicia, e que serviría para evitar fraudes e defender o produto galego.

Igualmente, considera imprescindible apostar polas variedades de oliveiras autóctonas de Galicia nas novas plantacións para diferenciar o aceite galego no mercado global.

Que é a Asociación de Produtores de Aceite e de Aceituna de Galicia?
A Asociación de Produtores de Aceite e de Aceituna de Galicia (APAG) naceu a comezos de 2015 co obxectivo de solicitar ao Denominación de Orixe Protexida Aceite e Aceituna de Galicia, cuxa solicitude acabamos de presentar fai dez días na Xunta de Galicia.

APAG suma 45 socios das 4 provincias e unhas 81.000 oliveiras, algunhas centenarias e a maioría de recente plantación.

Na asemblea que acabamos de celebrar informamos os socios da solicitude da DOP e adaptamos os estatutos para realizar unha serie de cambios. Estamos tamén preparando unha serie de cursos sobre cultivo da oliveira, pero adaptados á realidade de Galicia. Trátase dun novo cultivo na nosa comunidade e necesitamos aprender.

A que se debe o boom do cultivo da oliveira en Galicia?
Penso que se debe en parte ao aburrimento de xente que se dedicou a outros cultivos como eucalipto, viña, castiñeiros …etc que non lle estaban sacando o rendemento previsto. Doutra banda, hai propietarios que elixen a oliveira como un cultivo interesante para non ter as súas propiedades abandonadas.

Que rendibilidade teñen neste momento a oliva ?
Coa que experiencia que temos de plantacións en Galicia que xa están en produción, os custos de plantación dunha hectárea están nuns 6.000 euros. Ao terceiro ano xa dan as oliveiras unha primeira colleita que se pode aproveitar e as olivas pódense ou ben vender ou levalas para elaborar aceite para autoconsumo. Desde o cuarto ano xa a plantación cubre os gastos de mantemento e coidado. A previsión de recuperación do investimento e de entrada en beneficios prodúcese a partir do sexto ano.

 “Desde o cuarto ano a plantación cobre os gastos e o sexto éntrase en beneficios”

A canto está o prezo da oliva galega neste momento?
Agora mesmo hai tres industrias legalmente establecidas en Galicia: dúas en Ourense e unha en Quiroga, que compran oliva galega. Os prezos están entre 0,80 e 0,90 euros o quilo, excepto unha de Ourense que se encarga de recoller tamén as olivas na finca e páganas a 0,60 euros. Dúas destas empresas tamén traballan por porcentaxe: quedan co 10-12% do aceite obtido na almazara a modo de pago e o resto entréganllo ao produtor para autoconsumo.

Que potencialidades ten Galicia para a produción de aceite de oliva?
É certo que non estamos en Andalucía, pero o cultivo da oliveira en Galicia é rendible. Trátase dun complemento económico a finais de novembro ou no mes de decembro e cuxo importe depende do tamaño da plantación.

Nestes momentos hai varias comunidades de montes que están con proxectos para facer plantacións considerables. En concreto, hai unha en Loureza, no municipio pontevedrés de Oia, que ten previsto realizar unha plantación inicial de 45 hectáreas, sobre un total posible de 300 hectáreas. Hai outro proxecto nunha comunidade de montes de Poio de 60 hectáreas.

O tamaño medio das parcelas é de 1 ou 2 hectáreas paro xa hai plantacións de propietarios privados de 8 hectáreas que este ano chegarán á súa primeira colleita para venda.

Cales son as razóns que vos levaron a solicitar a Denominación de Orixe para o aceite e a oliva de Galicia?
É un proceso que lle vai levar tempo pero xa iniciamos os trámites. Gustaríanos que as variedades fosen exclusivamente autóctonas galegas pero a realidade é que o 90% das oliveiras que se plantaron en Galicia nos últimos anos son de variedades foráneas.

O que pretendemos é que a curto ou medio prazo, e así o incluímos na cláusula da Denominación de Orixe, é que cada membro da DO teña un mínimo dun 50% de oliveiras plantadas de variedades autóctonas galegas.

“Para entrar na DOP o produtor debe ter plantado un mínimo do 50% de variedades de oliveira galegas”

Con isto o que buscamos é que nas plantacións que se fagan nos próximos anos se potencien as variedades de oliveira galegas porque son autóctonas, únicas no mundo, e son o que vai diferenciar os aceites galegos e darlle un valor engadido e unha exclusividade.

É dicir, que a aposta por variedades de oliveira galegos é a gran materia pendente….
Desde logo. Hai que destacar que xa hai unha empresa en Ourense, Aceites José Galán, que xa está a multiplicar oliveiras das variedades galegas mansa e brava, aínda que hai máis, e seguramente a finais deste ano xa terá no mercado plantas de oliveiras galegas. Temos que apostar polas variedades propias.

Que características diferenciadoras ten o aceite galego?
A calidade do aceite galego está acreditada como de virxe extra. A nivel de características é un aceite doce, algo picante e amargo. Aínda que non en cantidade, si pode competir en calidade con aceites doutras zonas de España.

De feito, xa hai varias empresas en Galicia que veñen elaborando aceite desde hai anos con calidade virxe extra e valorados no mercado tanto en Galicia como no exterior. De momento son cantidades modestas: en 2015 estas empresas elaboraron uns 4.000 litros de aceite galego.

“Temos que regular o sector cunha DOP e denunciar as fraudes”

Que pasos se deberían dar para consolidar o cultivo da oliveira en Galicia?
Na miña opinión destacaría a importancia da creación da Asociación de Produtores de Aceite e Oliva de Galicia (APAG) e, a continuación, conseguir a Denominación de Orixe. Temos que ter algo, como a DOP, que diferencie a nosa oliva e o noso aceite e impida que se traia oliva ou aceite de fóra e se envase como galego.

Temos que regular o sector e denunciar as fraudes que se poidan producir. Por iso a DOP ou a IXP para o aceite e a oliva galega é necesaria e urxente.

Para máis información 692 700 034 ou aintiaoliveirasgalegas@gmail.com

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información