“É imprescindible que os agricultores ecolóxicos se organicen para comercializar os seus produtos”

Entrevista a Mirene Begiristain Zubillaga, investigadora especializada en comercialización agraria e que este fin de semana participou en Galicia no II Foro Labrego de Agroecoloxía organizado polo Sindicato Labrego Galego.

Publicidade
“É imprescindible que os agricultores ecolóxicos se organicen para comercializar os seus produtos”

Mirene Begiristain Zubillaga durante a súa participación no II Foro Labrego de Agroecoloxía

A comercialización é un dos principais obstáculos para as producións agrarias e gandeiras en xeral, e aínda máis para as producións agroecolóxicas, limitadas moitas veces ao ámbito familiar e con canles de venda pouco estables e que esixen elevados custos.

Neste sentido, para avanzar na comercialización das producións agroecolóxicas, o Sindicato Labrego Galego celebrou o pasado fin de semana na illa de San Simón, en Redondela, o II Foro Labrego de Agroecoloxía.

Unha das invitadas foi Mirene Begiristain Zubillaga, profesora na Facultade de Economía e Empresa de San Sebastián onde exerce a súa actividade docente desde o ano 1999 en materias vinculadas ao márketing e ás decisións relacionadas coa comercialización. O seu traballo de investigación céntrase no ámbito da comercialización agraria e os sistemas alimentarios e é autora do ensaio “Viabilidade económica e viabilidade social: Unha proposta agroecolóxica para a comercialización das produción ecolóxica familiar”.

Cal foi a túa impresión deste II Foro Labrego de Agroecoloxía?
A miña impresión foi moi positiva, xa que permitiu xerar un espazo de encontro moi necesario para reforzar ás persoas labregas e a todas aquelas que estamos na loita agraria.

En canto a Galicia, notei nos últimos anos un proceso de maduración das perspectivas agroecolóxicas de forma que, ademais de identificarnos cunha agricultura sustentable non só desde o punto de vista ambiental, senón tamén social e economicamente, dáse un paso máis aló e necesítanse respostas para necesidades concretas.

Es autora do ensaio “Viabilidade económica e viabilidade social: Unha proposta agroecolóxica para a comercialización das produción ecolóxica familiar”. ¿En que aspectos adoita fallar a comercialización deste tipo de produción?
A comercialización é unha inquietude en todos os territorios do Estado español, aínda que é certo que en cada zona hai unhas circunstancias particulares. En todo caso, e a partir das experiencias que coñezo e que se levaron a cabo, a saída que ten a agricultura ecolóxica familiar neste contexto socioeconómico para pasa pola organización entre as persoas produtoras entre elas e coa comunidade en xeral.

Así, organizarse os produtores é a maneira de superar tres dificultades principais que se dan na comercialización. Por unha banda a escala da produción, que é familiar, e que xera moitas limitacións para ter flexibilidade na oferta e impide tamén chegar a novas canles.

A segunda dificultade é a limitación en canto a capacidade financeira para poder chegar a novos núcleos de consumo e unha maior diversidade de consumidores. A escasa capacidade financeira tamén impide comunicar de maneira efectiva mensaxes sólidas que atraian a novos clientes. E do mesmo xeito que a anterior, esta dificultade creo que se supera mediante a articulación entre os produtores e entre os consumidores, e contando tamén co apoio das administracións públicas.

 “Hai que planificar moi ben a comercialización antes de empezar a producir”

O terceiro obstáculo á comercialización das producións agroecolóxicas creo que é a cuestión loxística, que supón un custo moi importante para pequenas producións familiares. De novo a organización dos agricultores e dos consumidores pode permitir superar esta limitación, mediante a creación de espazos comúns de acopio ou unidades de subministración.

A solución a estes problemas de comercialización pasa por organizarse as persoas produtoras e articularse cos consumidores. Non hai outras solucións máxicas. As producións agroecolóxicas familiares viven nunha precariedade económica e é necesario crear redes sólidas que apoien a súa viabilidade.

Que formulas de organización recomendarías: cooperativas, asociacións….?
Depende de cada experiencia. Non creo que haxa formulas concretas de si é mellor constituír unha cooperativa ou crear unha asociación. Hai que responder a necesidades. Creo que hai que buscar as fórmulas que nunha determinada comarca dean solucións ás persoas que se articulen nos proxectos.

Tamén considero que hai que quitarse o medo, tanto como produtores como como consumidores, de que articularse a través dunha cooperativa ou outro tipo de sociedade, supón excesivos compromisos. Temos que ser máis flexibles e adaptarnos á contorna.

¿Ao agricultor ou gandeiro cústalle asumir e compatibilizar a produción coa comercialización? ¿Non estamos a pedir demasiado?
É algo natural que se queiran centrar soamente na produción. Neste sentido, se damos o paso á comercialización cada proxecto debe decidir previamente en que medida se queira involucrar na o venda, e o custo económico e de tempo que supón. Debe facerse antes, non despois.

É dicir, debemos planificar en que canles queremos comercializar, a que prezos para as distintas canles, con táboas de prezos coherentes, e como comunicar o noso proxecto e contar cun argumentario para defender o noso prezo e o noso produto ante o público. Tamén debemos ter en conta a fiscalidade, para evitarnos problemas a posteriori. As decisións de comercialización xorden co proxecto, non despois de producir.

Para a planificación da comercialización existen distintas ferramentas que poden ser de axuda. Neste sentido, o Consello de Agricultura e Alimentación Ecolóxica de Euskadi (ENEEK) publicou unha guía práctica que, desde a óptica da agroecoloxía e a soberanía alimentaria, orienta aos pequenos produtores para definir as súas estratexias de comercialización.

Contar co selo do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica debería ser obrigatorio?
Creo que o selo de ecolóxico foi unha loita de moitas producións ecolóxicas familiares e que lles permitiu chegar a determinadas canles de comercialización. Nese sentido, foi unha primeira barricada para defender a súa produción.

“Para chegar a comedores públicos os agricultores téñense que organizar”

Estes selos son un mínimo, pero hai que seguir avanzando e agora estamos nun momento no que temos que xerar outros mecanismos, como os sistemas de garantía participativa ou outros, e que permiten achegar produción e consumo. Neste sentido, creo que os proxectos de comercialización de produtos ecolóxicos, como cooperativas de consumidores ou tendas deberían implicar tamén ás persoas produtoras de forma máis clara. Creo que, a longo prazo, estes modelos participativos son máis enriquecedores.

No Estado español a compra pública de alimentos move cada ano ao redor de 2.000 millóns de euros , e só dúas empresas de cátering -Serunion e Eurestcompass- copan o 25% dos comedores escolares. ¿Como poden os agricultores ecolóxicos entrar nese mercado?
No Foro Labrego de Agroecoloxía expuxéronse experiencias moi interesantes que se están realizando en Galicia de produtores que se organizan para entrar na canle de compra pública, como comedores escolares. Neste sentido, o que debería haber unha maior conexión entre esas experiencias e facelas máis visibles á sociedade e que as administracións vexan que é posible abastecerse de produtos próximos e de producións agroecolóxicas.

 “Para chegar a comedores públicos os agricultores téñense que organizar”

Pero un paso previo imprescindible é a organización dos produtores para poder abastecer estas novas canles e centrarse en obxectivos concretos. Por exemplo, en Euskadi estamos a traballar en proxectos a nivel comarcal para abastecer a colexios, hospitais ou restaurantes. Ata agora a administración pública vasca apostou polo modelo agroindustrial, pero neste momento a produción agroecolóxica está a gañar o seu espazo.

¿Que países poden ser referencia en Europa para a comercialización de producións agroecolóxicas familiares?
Creo que Francia é un referente no recoñecemento social da propia actividade agraria e gandeira, e iso trasládase tamén ás compras públicas de alimentos ou ao éxito da venda a través de mercados tradicionais. Italia é un modelo en canto a loxística, Alemaña e os países nórdicos en compra pública, e o Reino Unido ou Holanda na compra directa a través de cestas.

En todo caso, é interesante coñecer outras experiencias para coller ideas pero cada contexto é moi particular e temos que ver en cada lugar que é o que nos dificulta para dar resposta ás necesidades de comercialización.

¿Ir a porcentaxes dun mínimo de compra de produtores locais nos centros públicos podería ser a solución?
En Italia ou en Francia están a exporse porcentaxes dun mínimo do 50% da comida nos centros escolares que proveña de agricultores e gandeiros locais.

“O problema é que non hai suficiente produto local para abastecer aos centros públicos”

Pero creo que máis que porcentaxes hai que exporse un proceso e ver como se pode ir incrementando esa porcentaxe. Porque se nos fixamos, por exemplo, un 50% de produtos locais, e non o logramos porque non temos produto xera unha gran frustración.

E é que a falta de oferta é neste momento un gran problema, porque non temos produto local para abastecer a comedores públicos. Creo que é mellor empezar con proxectos piloto e ir progresivamente incrementando a porcentaxe, máis que fixar unha cota por lei.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información