A Deputación de Pontevedra distribuirá 1.500 composteiros individuais entre veciños do rural

O organismo provincial asignará os equipos, que terán entre 300 e 900 litros de capacidade, a familias que dispoñan de horta e que queiran tratar mediante compostaxe os seus residuos orgánicos domésticos e tamén restos vexetais da horta ou xardín

Publicidade
A Deputación de Pontevedra distribuirá 1.500 composteiros individuais entre veciños do rural

Composteiros individuais.

O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, que está a extender a compostaxe de residuos orgánicos en 36 concellos da provincia, distribuirá un total de 1.500 composteiros individuais entre veciños do rural que dispoñan de horta. O obxectivo é facilitarlle ás familias a produción de compost, rico en materia orgánica e minerais, para a súa posterior reutilización na propia horta.

O organismo provincial xestiona na actualidade o proceso de compra dos composteiros, para o que conta con ofertas de cinco empresas. A Deputación prevé que eses 1.500 composteiros, que terán entre 300 e 900 litros de capacidade, se lle entreguen ós 36 concellos adheridos ó Plan Revitaliza. Os destinatarios finais serán familias que vivan en zonas rurais e que dispoñan de horta na que instalalos e tratar por medio da compostaxe os seus residuos, tanto os orgánicos procedentes de restos da cociña como os vexetais da propia horta ou xardín.

Proceso
Os composteiros facilitan a obtención de compost entre seis e oito meses despois de comezar a compostar. Dispoñen dunhas características técnicas concretas: ocos para permitir a entrada de osíxeno dende o exterior, unha tapa superior para evitar a entrada de auga de choiva, e unha apertura lateral para retirar o produto final.

composteiro individual estandar

Para obter un bo compost a penas se require un esforzo dos usuarios de apenas dez minutos por semana, segundo sinala a Deputación. O importante é mesturar variedade de materiais orgánicos: frescos e húmidos -restos de comida ou céspede verde- con materiais secos -pólas trituradas ou partidas, follas secas-, que funcionan como estruturante.

Para comezar a compostar, cando o composteiro está baleiro, en primeiro lugar é preciso poñer unha base ou cama de material leñoso e seco (estruturante) duns 10 centímetros de alto no fondo, para facilitar a aireación e a entrada de microorganismos. A continuación, o material húmido apórtase segundo necesidade, tendo en conta que é necesario engadir a mesma cantidade de material estruturante. É fundamental remexer e mesturar coa capa inmediatamente inferior cada vez que se aporta material, e aconséllanse remexidos profundos como mínimo cada dúas ou tres semanas.

Uso

Unha vez transcorridos seis ou oito meses obtense o compost maduro, que ten unha textura terrosa, cor escura e cheiro a bosque. O seu uso principal é como fertilizante para plantas, xa que achega elementos minerais (nitróxeno, fósforo, potasio..) e favorece a capacidade de retención de auga. Debe utilizarse un 20% de compost misturado con terra para plantas en maceta, e entre 0,5 e 4 quilos por metro cadrado en horta.

A Deputación lembra que é importante compostar no fogar por unha cuestión tanto de concienciación medioambiental como económica. Calcúlase que cada cidadán que composta os seus orgánicos -en lugar de introducilos no ciclo do lixo- aforra uns 155 quilos de emisións de CO2 á atmosfera ao ano. Por outra parte, a compostaxe evítalles aos concellos os gastos de recollida e transporte do lixo orgánico, xa que eses residuos trátanse onde se producen, e tamén reduce o custe do seu tratamento con respecto á incineración.

5 ideas sobre “A Deputación de Pontevedra distribuirá 1.500 composteiros individuais entre veciños do rural

    • Gonzalo1977 Autor da publicación

      Polo de agora a Deputación está no proceso de compra dos composteiros. Aínda non hai convocatoria nin prazos para solicitalos. Iremos informando do proceso.

      Contestar
    • Gonzalo1977 Autor da publicación

      Polo de agora a Deputación está no proceso de compra dos composteiros. Aínda non hai convocatoria nin prazos para solicitalos. Iremos informando do proceso.

      Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información