Critican as sancións aos regantes da Limia e a falta de modernización dos regadíos

Publicidade
Critican as sancións aos regantes da Limia e a falta de modernización dos regadíos

A sementeira da pataca atrasouse moito este ano na LImia

A Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal) demanda o cumprimento dos compromisos para reestruturar e modernizar os regadíos da comarca da Limia. Neste sentido esixe que as administracións involucradas -Xunta e Ministerio de Agricultura- “deben involucrarse cumprindo os compromisos adquiridos sen máis dilacións no tempo”.

En concreto, Adegal lembra que as Comunidades de regantes Corno do Monte, Alta Limia, Lamas-Ganade e San Salvador de Sabucedo, “legalmente constituídas e coa concesión da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, están á espera da execución das infraestruturas de rega”.

Ademais, dende a asociación advirten de que Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia “está a trabar os regadíos pola obrigatoriedade do sometemento ó estudio de impacto ambiental, segundo a última reunión mantida pola Comisión de Traballo para o seguimento dos Regadíos da Limia”. “Isto xunto coa falta de empuxe e inversión da Consellería do Medio Rural, están imposibilitando o desenvolvemento e modernización das superficies cultivables na Limia”, engaden.

Esta situación obriga, segundo Adegal, a que “a derivación de auga dos ríos sexa a única posibilidade para rego, con concesións vixentes das antigas comunidades de regantes, que son válidas ata que se dispoña das novas obras”, xa que mentres as novas infraestruturas non están en funcionamento, non se dan por extinguidas as anteriores concesións.

Sancións da Confederación Hidrográfica aos agricultores

Ao mesmo tempo, a asociación critica que “as propias administracións que incumpren os seus compromisos, sancionen aos regantes con multas de elevados importes, que ano tras ano van en aumento”.

Así, Adegal advirte de que “faise imposible para as explotacións cargar coas sancións impostas pola Confederación Hidrográfica, abocando a non sementar ante a inseguridade creada e o temor a non poder facer fronte ás multas”.

E todo isto nun mal ano na Limia con perdas moi elevadas nos cultivos de cereal de inverno e cunhas previsións dunha escasa colleita de pataca e de cereal de primavera.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información