Couza Guatemalteca: Ata polo menos o 2020 non se poderá plantar pataca nas zonas afectadas

A praga da couza guatemalteca permanece activa en Galicia, con capturas puntuais, polo que ata o 2020 como mínimo continuarán as restricións. A Xunta advirte que intensificará os controis contra as plantacións ilegais que implican multas de 3.000 euros

Publicidade
Couza Guatemalteca: Ata polo menos o 2020 non se poderá plantar pataca nas zonas afectadas

Pataca coa couza guatemalteca

A piques de comezar a época forte da sementeira, nesta campaña mantéñense as prohibicións de plantar pataca naquelas zonas de Galicia infestadas pola couza guatemalteca, segundo confirman a Campo Galego dende a Consellería de Medio Rural. En concreto, manterase a prohibición nos máis de 30 concellos que se estipulara nun principio, no Real Decreto aprobado en marzo de 2017, e ó que se sumou no 2018 Muxía, logo de detectarse tamén neste punto a presenza do insecto.

E é que a normativa comunitaria establece que para as pragas de corentena, como a couza guatemalteca, deben pasar un mínimo de dous anos sen que se rexistren capturas, para declarar a zona libre desa enfermidade. O ano pasado, e previsiblemente este ano seguiranse a rexistrar capturas, polo que a prohibición vai para varios anos.

Deste xeito, actualmente a prohibición afecta ós municipios de A Capela, Ares, As Pontes, Cabanas, Cariño, Fene, Ferrol, Mañón, Mugardos, Muxía, Narón, Neda, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño na provincia da Coruña e Abadín, Alfoz, A Pontenova, A Pastoriza, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, O Valadouro, O Vicedo, Ribadeo, Riotorto, Trabada, Viveiro e Xove na provincia de Lugo.

As capturas puntuais de couza na zona infestada fan que se manteña a prohibición de plantar pataca nesta campaña 2019

O Real Decreto, aprobado en marzo de 2017, prohibía plantar patacas nestas zonas, alomenos durante dous anos, polo que a restrición inicial abarcaría como mínimo ata marzo deste mesmo ano e, como concretaron dende a consellería, “ó longo desta campaña prolongarase a prohibición nestas zonas xa demarcadas ó continuar a detectarse a presenza do insecto nalgúns puntos”.

Control das zonas tampón

Xunto á prohibición de plantar nestas áreas infestadas, tamén se está a levar a cabo un control das plantacións nas zonas lindantes denominadas zona tampón, nas que non se detectou a presenza do insecto pero se atopan moi próximas a área afectada.

As zonas tampón son na provincia da Coruña a totalidade da superficie dos concellos de As Somozas, Cedeira , Cerdido e Moeche, ademais dunha franxa de 5 km limítrofe cos concellos das zonas infestadas que afecta a parcelas dos concellos de Pontedeume, Monfero, Vilarmaior, Miño, Cee, Corcubión, Camariñas , Carnota, Dumbría, Fisterra e Vimianzo. Na provincia de Lugo a zona tampón está formada por unha franxa de 5 km limítrofe cos concellos das zonas infestadas que afecta a parcelas dos concellos de Xermade, Muras,Vilalba, Cospeito, Castro de Rei, Pol, Meira, Ribeira de Piquín e Fonsagrada.

Nestas zonas tampón tamén continuarán as medidas de supervisión nesta campaña, aínda que nestes espazos permítese a plantación de pataca. Os agricultores deberán rexistrar nas oficinas agrarias comarcais as súas plantacións. Mediante o formulario habilitado pola Administración, terán que proporcionar a localización da parcela onde se sementarán as patacas e o nome do titular da finca.

Nas zonas tampón poderá plantarse pataca pero deben rexistrarse as plantacións

“Para controlar a praga é preciso ter un rexistro de onde se está a plantar pataca nestas zonas próximas ás infestadas e tamén un control de movementos”, explica o xefe do servizo de Sanidade e Produción Vexetal da Consellería de Medio Rural, Víctor Novo. Deste xeito, os agricultores en zonas tampón poderán realizar plantacións pero deberán rexistralas. “As patacas producidas nas zonas tampón poderán entrar na zona infestada pero nunca saír dela”, detalla Novo. Ademais, estes traslados de pataca deberan facerse sempre coa pataca tapada ou ensacada, como recorda o experto. Para non ter problemas no caso dun control de estrada deberán levar esa declaración oficial que lles acredita para poder plantar nas zonas tampón.

Evolución e control da praga

“A praga estase a controlar, pero iso non significa que sexamos xa unha comunidade libre da praga, xa que seguen aparecendo trampas con couza nalgúns concellos”, apunta Víctor Novo. Nestes momentos a presenza da praga concéntrase sobre todo nos almacéns, con apenas capturas en campo, segundo explica. Pero, dende a consellería tamén valoran que, en canto mellore o tempo, estes insectos poden saír ó campo e rexistrarse capturas nas trampas de exterior.

Aínda que a súa presenza sexa sobre todo en almacén, o insecto pode seguir a reproducirse nestas condicións, mentres haxa pataca, por iso é fundamental evitar que nestas zonas haxa plantacións que permitan que a poboación continúe a proliferar, de aí a corentena estipulada.

Este ano manterán activas as 1.170 trampas que teñen en campo en toda Galicia e as 655 colocadas en almacéns

Este ano a Consellería de Mededio Rural manterá activas as 1.170 trampas que teñen en campo en toda Galicia e as 655 colocadas en almacéns. No momento en que nalgunha destas trampas de campo se capturan exemplares da couza guatemalteca colócanse novos dispositivos nas proximidades. Estas trampas están deseñadas para atraer ós machos pero “abonda que quede un macho sen capturar para que poida fecundar femias que poñen uns 200 ovos fértiles, podendo haber ata 4 xeracións ao ano, por iso estas pragas de corentena son tan difíciles de erradicar”, apunta Novo.

Sancións para as plantacións ilegais

O xefe do servizo de Sanidade e Produción Vexetal  tamén recorda que dende a Consellería se continúa a vixiar a presenza de plantacións ilegais nestes concellos, que poidan favorecer que a praga continúe a ter presenza. “Segue habendo plantacións ilegais, só así se entende que haxa capturas puntuais en campo ou en almacén”, apunta.

“Segue habendo plantacións ilegais, só así se entende que haxa capturas en campo ou en almacén”

A consellería tamén anuncia que nesta campaña volverán intensificar os controis contra estas plantacións ilegais. “Hai persoal da administración rastrexando o campo na procura destas plantacións ocultas e vai seguir habendo sancións para esas plantacións ilegais”, ratifica Novo. As sancións para estas plantacións ascenden a 3.000 euros que poden incrementarse en caso de reincidencia.

Levantamento das restricións

“A Xunta non só pretende cumprir esta normativa de corentena durante dous anos, senón que tamén quere ser prudente á hora de levantar a prohibición”, concreta Novo. Deste xeito, o levantamento das restricións de plantar pataca nas zonas demarcadas estudarase a partir do próximo ano en base á evolución da praga. “Non serve de nada levantar a prohibición e que en marzo ou en abril volvan detectarse capturas en campo e haxa que volver iniciar o proceso e non deixar plantar pataca de novo”, matiza Novo.

A prohibición nunca se levantará por concellos senón por grupos de concellos ou por comarcas que estean totalmente libres da couza

Dende a consellería tamén concretan que o levantamento da prohibición nunca se fará por concellos, de xeito independente e puntual. A supresión das restricións deberá tramitarse por medio dunha resolución administrativa da Dirección Xeral en resposta ó Real Decreto que a impulsou e “tentará facerse por grupos de concellos ou por comarcas onde se poida asegurar que non hai couza, porque xa non haxa ningunha captura”, puntualiza Novo.

“Todo o mundo quere volver plantar canto antes, pero hai que agardar para asegurar que as poboacións de couza non sobreviven. Polo de agora, están afectadas zonas onde este cultivo é para autoconsumo polo que debemos ser o máis cautos posibles para evitar, por tódolos xeitos, que a praga chegue a zonas produtoras de pataca como a Limia ou Bergantiños onde unha corentena deste tipo pode supor un verdadeiro problema para as familias centradas na produción da pataca”, reflexiona Novo.

Muxía, o último concello afectado

Muxía foi o último concello onde se decretou a prohibición de plantar patacas logo de constatarse a presenza deste insecto. Neste municipio as restricións comezaron o pasado mes de marzo de 2018 polo que a prohibición se manterá xa de xeito inicial incluíndo tamén a campaña do 2020. “Neste momento, aínda se están a detectar algunhas capturas en almacén pero foi un municipio no que a poboación foi moi consciente da importancia da corentena”, apunta Novo.

O responsable recorda que só en Muxía se retirou a metade da pataca que se decomisou en toda a zona infestada en Galicia. “A xente entendeu moi ben que era necesario facelo e que a couza era difícil de detectar polo que era preciso incluso entregar aquelas patacas que aparentemente non estaban afectadas e non volver plantar neste tempo”, detalla Novo. As capturas de couza guatemalteca tamén están a diminuír neste concello coruñés.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información