Couza da pataca: A Xunta pide colaboración cidadá para identificar aos que plantan nas zonas afectadas

A oposición critica a tardanza en actuar da Consellería de Medio Rural. “A única forma de erradicar á praga é non plantando pataca nas zonas infestadas”, lembran dende a Xunta

Publicidade
Couza da pataca: A Xunta pide colaboración cidadá para identificar aos que plantan nas zonas afectadas

A Consellería do Medio Rural pide a colaboración cidadá para identificar a aquelas persoas que incumpran a prohibición e planten patacas nalgún dos 33 concellos de Galicia declarados como zona infestada pola praga da couza guatemalteca da pataca.

Así, o subliñou este venres a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, durante a súa comparecencia voluntaria na Comisión de Agricultura do Parlamento de Galicia para informar sobre as actuacións da Consellería ante a praga da couza guatemalteca da pataca.

“A única forma de erradicar esta praga é non plantando pataca nas fozas afectadas porque desta forma non se reproduce o insecto, polo que mentres teñamos pataca sobre o terreo ou almacenada a praga pódese desenvolver”, subliñou Belén do Campo.

Neste sentido, apelou “á responsabilidade de todos para non plantar nesas zonas e non mover patacas desas zonas”, un total de 33 concellos do norte das provincias da Coruña e Lugo, aos que se uniu no mes de abril o de Muxía, na Costa da Morte.

Belén do Campo pediu a colaboración cidadá “para que nos diga quen planta de forma ilegal nesas zonas” e lembrou que as sancións por incumprir as medidas desta praga de corentena son de ata 3.000 euros, que se incrementan se son reiteradas.

A este respecto lembrou que en 2017 a Consellería de Medio Rural impuxo 15 sancións por incumprir as medidas de prevención -fundamentalmente por plantar patacas- , das que 7 corresponderon á provincia de Lugo e 8 á da Coruña. “E no que vai de ano abríronse outros sete expedientes sancionadores, seis na provincia de Lugo e un na da Coruña”, advertiu

Evolución positiva na loita contra a praga

Polo demais, Belén do Campo, fixo balance das actuacións levadas a cabo en relación coa couza da pataca e a súa evolución en Galicia dende que se declarou praga de corentena pola Xunta o día 16 de outubro 2015 nos concellos de Ferrol, Narón e Neda.

Neste sentido, destacou “a boa evolución da couza na nosa comunidade xa que se ten reducido considerablemente a súa presenza”. Segundo a directora, no 2016 había 441 trampas de campo para capturar exemplares da Tecia Solanivora Polvony distribuídas por toda Galicia nas que se detectaron 14.158 couzas. Ao ano seguinte, no 2017, a raíz da demarcación de ata 31 concellos, ampliouse esta rede e chegaron a instalarse ata 1.026 trampas de campo nas que os individuos detectados reducíronse ata os 4.553. A evolución máis destacada foi na provincia da Coruña, que pasou de 615 a 119 couzas, pero tamén Lugo mellorou os resultados ao pasar de 13.543 insectos a 2.706 no 2017.

En canto ás actuacións en Muxía, o último concello no que se detectou a praga da couza guatemalteca, Belén do Campo informou de que hai 99 trampas instaladas tanto neste concello como na zona tampón que abrangue a Cee, Fisterra, Camariñas, Zas e Vimianzo. Tamén sinalou que dende que se iniciou o proceso de recollida o día 25 de abril lévanse destruído 52.700 quilos de pataca. A esta cifra habería que sumar aqueles tubérculos que xa foran eliminados no momento en que se detectou a presenza do insecto no municipio, ata 3.885 quilos de patacas sospeitosas de estar afectadas.

No conxunto de Galicia no ano 2017 recolléronse 315 toneladas de pataca nas zonas infestadas, tanto de semente, almacenada es, sobre todo pataca plantada, unhas 188 toneladas.

Na zona infestada declaráronse ante a Consellería de Medio Rural un total de 8.140 parcelas cultivadas con este tubérculo, que supuñan 357 hectáreas, unha obriga para os propietarios e que lles dá dereito a percibir indemnizacións.

Estas ascenderon a un total de algo máis de 186.000 euros a repartir entre 1.255 solicitudes. “En total, dende o 2016 a praga da couza guatemalteca da pataca supuxo un gasto para as arcas públicas de Galicia de máis de 1,6 millóns de euros”, subliñou Belén do Campo.

Críticas da oposición

Por parte dos grupos da oposición houbo coincidencia en criticar a tardanza en actuar por parte da Consellería de Medio Rural. “Creo que non se lle deu dende un principio a relevancia pública que se debería, por eso se expandiu dende os 3 concellos a 35”, lamentou Xosé Luis Rivas, deputado do BNG.

Ademais, vinculou esta “falta de efectividade” co que considerou “abandono do sector agrario por parte do goberno da Xunta”. “As solucións ante estas pragas foráneas que nos están afectando teñen que vir de aquí, dos nosos centros de investigación que non están apoiando, ou das Oficinas Agrarias Comarcais que están en proceso de desmantelamento”, criticou.

Por parte do PsdeG-PSOE, José Manuel Pérez Seco coincidiu en que “por parte do Goberno da Xunta tardaron en reaccionar á presenza desta praga e as medidas non foron eficaces pois a praga estendeuse a outros concellos da Coruña e tamén de Lugo”.

“A praga non se está a controlar como debera, non está a ser controlada e xera preocupación nas zonas limítrofes”, incidiu.

Por parte de En Marea, a deputada Paula Quinteiro coincidiu en que “empezouse a actuar moi tarde porque non se asumiu a gravidade desta situación”. “E con declaracións temerarias por parte da conselleira, como cando en maio do ano pasado dixo que a praga estaba controlada na provincia da Coruña”. “É tamén un erro deixar as organizacións agrarias fóra da Comisión de Seguemento da praga”, subliñou Paula Quinteiro.

 

Apoio á horticultura

Noutro orde de cousas, e en resposta a unha pregunta do deputado de En Marea, Davide Rodríguez, a directora fixo balance das axudas de Medio Rural á que teñen acceso o sector da horticultura, fruticultura e da agricultura ecolóxica en Galicia.

Nesta liña, Belén do Campo salientou o compromiso adquirido pola propia conselleira de crear unha orde de subvencións específica de investimentos en explotacións agrícolas para os sectores da horta, fruticultura, flor, invernadoiros, cereais, etc. “Para que teñan máis posibilidades de acceder ás axudas sen competir con outros sectores coma o lácteo”, declarou Belén do Campo.

Pola súa parte, o deputado de En Marea denunciou que “en Galicia temos unha balanza comercial negativa no sector alimentario, cun déficit duns 1.000 millóns de euros ao ano, en gran parte debido á soia e ao millo que importamos para alimentación animal, pero tamén importamos grandes cantidades de froitas e hortalizas, que poderían ser producidas no noso país”.

Como mostra lembrou que “a comarca do Salnés pasou de producir nos anos 80 o 30% da horta galega a menos do 5% neste momento”. “O obxectivo debería ser equilibrar esa balanza e crear milleiros de empregos no rural. Debemos implantar medidas urxentes para intentar reverter esta situación”, subliñou Davide Rodríguez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información