A couza da pataca entra en Bergantiños, unha das principais comarcas pataqueiras

A Xunta demarcará como zona afectada pola praga dúas parroquias da Laracha e outra de Carballo

Publicidade
A couza da pataca entra en Bergantiños, unha das principais comarcas pataqueiras

Patacas colleitadas. / Arquivo.

A couza da pataca chegou finalmente a unha das principais comarcas produtoras de Galicia, Bergantiños, onde a Xunta detectou a praga en almacéns de autoconsumo das parroquias de Lendo e Caión (Laracha) e de Noicela (Carballo). Medio Rural anuncia que reforzará o trampeo en torno ás tres parroquias afectadas, nas que queda prohibida a plantación e o movemento de pataca. Espéranse reunións cos veciños nos próximos días para explicar a situación.

De acordo coa normativa vixente, nestas tres parroquias afectadas só se poderá comercializar tubérculo embolsado e etiquetado preparado para o consumidor final, precisamente porque o movemento de pataca a granel estará prohibido, igual que no resto de concellos demarcados na comunidade.

Restriccións na zona tampón
Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural, co fin de que o insecto non se estenda pola contorna, establece tamén zonas tampón nas parroquias limítrofes ás afectadas, nas que se tomarán medidas específicas, como que os agricultores deberán comunicar, inmediatamente despois da sementeira, todas as parcelas cultivadas con pataca, segundo o modelo establecido para ese fin.

Para a produción de pataca nestas zonas cualificadas como tampón, será preciso aplicar as medidas establecidas no Real decreto 197/2017 publicado polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, tales como un tratamento fitosanitario durante a fase de tuberculinización e antes da colleita. As patacas recollidas non se poderán dedicar a semente mentres a praga non se dea por erradicada. Así mesmo, o seu movemento realizarase sempre en vehículos pechados ou cubertos cunha malla.

No caso dos comercializadores, para a súa produción aplicaranse outras medidas a maiores, recollidas tamén na mesma normativa entre as que se atopan a instalación de mallas tupidas e de trampas de captura de tecia nos almacéns.

Plan de acción
A Consellería do Medio Rural anuncia tamén que establecerá as medidas necesarias para evitar a propagación deste organismo a outras zonas produtoras, reforzando a  rede sistemática de puntos de trampeo existente.

Dende a Xunta de Galicia apélase á compresión dos veciños e dos produtores para evitar que o insecto chegue a outras zonas e agradécese a súa colaboración á hora de desenvolver as medidas de control e erradicación da couza para procurar a súa contención.

Cabe trasladar que esta nova situación non impide que se poidan levantar as prohibicións noutras áreas que estaban afectadas ata o momento. Isto é, a Xunta poderá realizar levantamentos da prohibición nas zonas nas que transcorran dous anos sen que se detecten positivos de couza.

Actualmente, a parte de a Bergantiños, a praga afecta ás comarcas da Mariña Lucense e Terra Cha en Lugo e de Ferrolterra, Eume e Ortegal na Coruña, así coma ó municipio de Muxía, na Costa da Morte. Os concellos demarcados son os seguintes: A Capela, Ares, As Pontes, Cabanas, Cariño, Fene, Ferrol, Mañón, Mugardos, Muxía, Narón, Neda, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño na provincia da Coruña, e Abadín, Alfoz, A Pontenova, A Pastoriza, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, O Valadouro, O Vicedo, Ribadeo, Riotorto, Trabada, Viveiro e Xove na provincia de Lugo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información