Control de custos e dimensión suficiente, claves para a rendibilidade da produción ecolóxica

Ponentes do curso de verán da USC sobre “Calidade agroalimentaria e desenvolvemento rural: un enfoque agroecolóxico” salientan o potencial de crecemento da produción en ecolóxico de carne de porcino, avicultura e carne de coello, para a exportación, e de horta, para abastecer o mercado galego.

Publicidade
Control de custos e dimensión suficiente, claves para a rendibilidade da produción ecolóxica

Explotación de vacún de carne inscrita no CRAEGA

Explotacións agrogandeiras en ecolóxico si, pero ante todo rendibles. Esta foi unha das conclusións que se pode extraer do curso de verán da USC “Calidade agroalimentaria e desenvolvemento rural: un enfoque agroecolóxico”, que ao longo desta semana se celebrou na Fundación Juana de Vega.

Diversos ponentes incidiron no gran potencial de Galicia para a produción de alimentos en ecolóxico, un mercado que nos últimos anos medrou con cifras de dous díxitos anuais e que, segundo o secretario do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), Javier García Lozano, “prevese que siga medrando a ese ritmo nos próximos dous ou tres anos”.

O principal punto de venda dos produtos ecolóxicos en Europa son os supermercados

Sen embargo, o control dos custos de produción e a busca da rendibilidade segue sendo unha materia pendente para unha parte das explotacións galegas de agricultura ecolóxica.

Unha situación que para Xan Pouliquen, de Xestión Agrogandeira e Natureza, explícase en parte debido a que “a ecoloxía arrinca dunha postura extremadamente ética (venda directa e a nivel local), pero implica a que os custos de produción en demasiados casos non sexan rendibles, o que leva que moitas explotacións pequenas de horta acaben por pechar”.

Neste sentido, subliñou que “nos principais países consumidores de produtos ecolóxicos, onde está subindo a venda, tanto en fresco como en elaborados, é nos supermercados, e isto é compatible coa venda directa e cos mercados locais”.

Pouliquen recoñece que “os prezos de venda á distribución son máis baixos, o que obriga a ter máis superficie e máis control sobre os custos de produción, algo que na agricultura ecolóxica, polo menos en Galicia, se descoida, con porcentaxes de perdas nas producións moi elevados”.

Neste sentido, Javier García, secretario do CRAEGA, asegura que “para que unha explotación de horta sexa rendible e poder vivir dela a título principal fai falta un mínimo de entre 1 e 1,5 hectáreas de superficie ao aire libre e 1.000 metros de invernadoiro”.

Producións en ecolóxico con máis demanda

En canto ás producións máis demandadas, Javier García asegurou que “os produtos ecolóxicos que vemos que teñen máis potencial e que nos demandan os consumidores son embutidos de porco, avicultura de carne e coello”. “Son tamén os que teñen mellores condicións para ser exportados aos grandes centros de consumo deste tipo de produtos, que son as grandes cidades españolas europeas, e sobre todo Berlín e Londres”, afirma.

En canto á horta, o secretario do CRAEGA lembrou que “en Galicia apenas temos 99 hectáreas de horta certificadas en ecolóxico, o que nos obriga a importar produtos de horta de fóra”.

Neste sentido, explicou que “os custos de transporte dos produtos de horta frescos son elevados, e o seu deterioro é rápido, polo que o seu destino comercial preferente debería ser para abastecer ao mercado galego que, malia o produto caseiro, segue sendo deficitario en horta ecolóxica”.

Unha análise na que tamén coincide Xan Pouliquen, para quen “hai oportunidades grandes na horta ecolóxica, pero hai que facelo de xeito rendible: ben asesorados, cunha superficie mínima, calculando os custos de produción e, a ser posible, organizándose entre varios tanto para a produción como para a distribución”.

En canto a outras producións, Pouliquen engadiu que “en leite, en ecolóxico, non hai problemas de rendibilidade e en carne tamén é rendible, pero con axudas”.

En canto á avicultura en ecolóxico, matizou que “tamén é rendible, pero véxoa máis como un complemento para a explotación agrícola que como a principal fonte de ingresos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información