Consenso no Parlamento sobre a necesidade de paliar as perdas do cereal na Limia

Os grupos parlamentarios aproban pedirlle ó Ministerio de Agricultura unha liña de axudas específicas e a reducción da presión fiscal

Publicidade
Consenso no Parlamento sobre a necesidade de paliar as perdas do cereal na Limia

O cereal é o segundo cultivo en importancia da Limia, tras a pataca.

O conxunto de grupos do Parlamento Galego apoiou a busca de medidas de apoio para os agricultores da Limia afectados polas chuvias. A auga caída as últimas semanas anegou cultivos de cereal na Limia e provocará a perda de boa parte da colleita, así como unha baixada da produción do cereal que chegue ó final de ciclo.

A comisión de Agricultura do Parlamento galego abordou a situación a raíz dunha iniciativa do Bng. Todos os grupos estiveron de acordo en xestionar ante o Ministerio de Agricultura unha petición de apoios específicos para os agricultores da Limia afectados polas perdas.

Desde o grupo popular advertiuse de que haberá que ter en conta os regulamentos europeos sobre axudas agrícolas de cara a garantir a legalidade de posibles apoios. A deputada popular Isabel García lembrou que hai seguros agrícolas subvencionados para cubrir este tipo de cuestións, polo que será necesario estudar a compatibilidade das axudas. O grupo popular defende tamén unha reducción da presión fiscal.

Por parte de Alternativa Galega de Esquerda (Age), Antón Sánchez cuestionou que existan suficientes apoios para a suscripción de seguros agrícolas e avogou por un plan integral para a comarca que inclúa axudas e medidas contra a contaminación da conca do Limia, un problema que atribúe en boa medida ás granxas intensivas de porcino e polos.

Banco de Terras
A última comisión de Agricultura do Parlamento, celebrada o pasado venres, foi escenario tamén de preguntas á Consellería de Medio Rural sobre o funcionamento do Banco de Terras. En concreto, o deputado socialista Pablo García interesouse polo procedemento de venda de madeira das parcelas que se inscriben no Banco de Terras.

A ese respecto, o novo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois, sinalou que a sociedade Seaga encárgase da preparación dos predios para o seu arrendamento e que as vendas de madeira fanse por concorrencia competitiva.

O grupo socialista cuestionou que o proceso se realice da forma descrita por Pérez Dubois e apuntou a casos concretos en Agolada (Pontevedra) e no Pino (A Coruña) onde a madeira das parcelas rematara en serradoiros propiedade de concelleiros do PP ou de familiares dos concelleiros, “sen que se coñeza ningún tipo de concorrencia pública sobre esa madeira”.

Pérez Dubois pediu que se lle remitira a documentación sobre eses casos e asegurou que habería explicacións ó respecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información