Consellos para a plantación de maceiras

Publican unha guía técnica para o cultivo da maceira, elaborada por Javier Ascasíbar Errasti, do INGACAL, e por Francisco Otero, da Consellería do Medio Rural, dentro do Proxecto de cooperación Novos Horizontes

Publicidade
Consellos para a plantación de maceiras

Poda de maceiras en Finca Fandiño (Teo_A Coruña)

A guía aborda todas as fases do cultivo da maceira, desde a plantación ata o tratamento das principais enfermidades. A modo de resumo, estas son algunhas das principais fases do cultivo para esta época do ano:

Elección do emprazamento:

É fundamental emprazar a plantación nun lugar apropiado. Para iso deben considerarse factores como o clima, a topografía, profundidade e fertilidade do solo ou cultivos anteriores na mesma parcela, entre outros factores. Preferiranse solos profundos (máis de 60cm) francos, fértiles e con boa drenaxe.

En localizacións ben ventiladas, pero protexidas de ventos fortes, sen pendentes pronunciadas e con altitude inferior a 600m.

Replanteo e preparación do terreo:

Recoméndase unha análise da fertilidade, tanto do solo como do subsolo, que permitirá determinar as cantidades de cal e fertilizantes que deben ser incorporados ao terreo antes do establecemento do horto. A preparación do terreo iniciarase antes de que finalice o verán, iniciada cun pase cruzado de subsolador, realizar un arado profundo, distribuír o abono fosfopotásico e as emendas calizo-magnésica e orgánica, en base á análise do solo.

Portaenxertos ou patróns:

O emprego de patróns enanizantes acelera a entrada en produción da plantación, pero esixe un investimento elevado en material vexetal, sistema de rego e infraestructura de soporte das árbores.

Os patróns máis vigorosos só recomendaranse para os terreos máis desfavorables e plantacións extensivas. Para plantacións semiintensivas recoméndase a utilización de portaenxertos clonais de vigor medio. Mostran rusticidade e certo nivel de vigor conferindo as seguintes vantaxes: menor repercusión da competencia da herba, menores esixencias de fertilización e rego e mellor ancoraxe e teñen unha entrada en produción relativamente rápida.

Sen embargo, aínda que non é imprescindible contar cun sistema de rego, a súa presenza acelera e incrementa a produción e tamén é interesante contar cunha estrutura de soporte, aínda que máis simple.

Entre os patróns de vigor medio aconséllanse os seguintes: 

MM. 106. Aconsellable en terreos equilibrados e pola súa resistencia ao pulgón laníxero (Eriosoma lanigerum). Vigor medio. 

MM.7. Bo comportamento en terreos húmidos, é parcialmente tolerante á podremia do pescozo, aínda que presenta o inconveniente da emisión de serpes. Vigor medio. 

MM.111. É unha boa opción en terreos secos de ladeira, xa que o seu maior desenvolvemento radicular parece conferirlle unha mellor adaptación á seca. Vigor elevado.

Variedades: 

Cos datos dispoñibles, as variedades recomendadas son:

Variedades_maza

Deseño e plantación: 

Se é posible, as filas de plantación deben dispoñerse de forma que estean orientadas de norte a sur para maximizar a exposición á luz do sol, aínda que haberá que considerar outros factores como a pendente, e facilitar o traballo seguro da maquinaria.

As variedades deben plantarse por liñas a fin de facilitar un manexo específico por variedades e para asegurar unha correcta polinización convén que as variedades se distribúan en función da secuencia de floración e non se plantarán máis de 3 ou 4 liñas da mesma variedade.

O marco de plantación aconsellable para os portaenxertos MM106 e MM 7 e as variedades seleccionadas para o sistema de cultivo en eixe é de 5,25×2.25 m. ata 6x3m, en función do vigor das variedades.

Se se prevé unha venda de froita directamente ao consumidor, haberá que para elixir cinco-seis cultivares para estender a súa colleita durante un período de tempo máis prolongado de mazá. En caso de mazá de sidra pódense plantar dúas ou tres variedades diferentes.

Trala aplicación de enmendas e fertilizantes e logo de ter o terreo completamente preparado, procédese á plantación. Na medida do posible, efectuarase antes de finais de xaneiro, en condicións adecuadas de humidade para lograr unha implantación e un correcto desenvolvemento o primeiro ano.

O sistema de formación máis adecuado para conseguir unha rápida entrada en produción, unha maior facilidade de manexo e unha produción máis regular, é o sistema de formación en eixe, realizando poda en verde e arqueamentos desde o primeiro ano. O cumprimento destas recomendacións, unido a unha correcta fertilización e protección fitosanitaria é fundamental para alcanzar os adecuados niveis de desenvolvemento vexetativo e evolución produtiva das maceiras. Recoméndase a utilización de titores.

Descarga aquí a guía completa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información