Consellos de cultivo da horta en novembro

Publicidade
Consellos de cultivo da horta en novembro

Coas choivas e baixada das temperaturas que se prevén para este mes decae o crecemento das plantas, pero os traballos de mantemento na horta continúan. Velaquí algúns consellos:

Sementeiras directas:

-Pódense empezar a plantar allos en sementeira directa desde finais de novembro ata xaneiro, aínda que decembro segue sendo o mes máis recomendado, e xa nolo lembran os ditos tradicionais: “Se queres ter bo allal, planta en Nadal/ Se queres bo alleiro, plántao en xaneiro”. Lembrar que a profundidade de plantación non debe ser superior a 3 centímetros. Tamén podemos empezar a plantar fabas (vicia faba) e chícharos (guisantes), sobre todo no sur de Galicia, nas zonas máis cálidas, unhas legumes que poderemos recoller nos meses de maio e xuño.

-Tamén nesta época podemos empezar a plantar coles, seguindo o refrán de “A horta de san Martiño mantén ao dono a mais ao veciño”.

Colleitas:

Novembro é un mes no que empezan a estar en plena produción as brásicas: repolo, bróccoli, coles de Bruxelas, col forraxeira (berza branca), así como un dos vexetais galegos por excelencia: a nabiza. Tanto uns como outros son excelentes alimentos polos seus valores nutricionais, pero se agardamos a que veña un pouco de frío, mellorará o seu sabor e tenrura, ao concentrarse os azúcares na planta.

Polo demais, neste mes acabaremos de recoller as cabazas e gardarémolas nun sitio seco e ventilado para a súa conservación, xa que as xeadas e a humidade acabarían por apodrecelas. Recoméndase gardar a semente das mellores cabazas e cabaciñas para o próximo ano.

Tamén seguiremos recollendo remolacha de mesa, porros, cenorias, escarolas ou leitugas inverno, a medida que as necesitemos para o consumo, xa que todos estes cultivos resisten ben o frío e as xeadas.

Coidados do solo:

-Recoméndase non deixar o chan da horta exposto durante o inverno xa que as xeadas reducirían a súa fertilidade. Neste sentido, se non imos plantar nada ata a primavera aconséllase cubrilo cunha cuberta vexetal (herba, follaxe, toxos…etc) que aumentará a actividade biolóxica do solo, reducirá a aparición de malas herbas á vez que esa materia orgánica irase descompoñendo para incorporala ao solo na primavera.

-Polo demais, recoméndase, do mesmo xeito que nos demais meses, seguir elaborando compost orgánico con restos de peladuras, herba cortada, follaxe…etc. Esta materia orgánica é a mellor garantía dunha horta viva e produtiva .

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información