Comeza a recollida de pataca na Limia con incerteza nos prezos

Comeza a recollida de pataca na Limia con incerteza nos prezos

Este venres iniciouse a recollida de pataca na Limia, a principal comarca produtora de Galicia, cunhas 3.500 hectáreas sementadas este ano, entre un 10 e un 15% máis que en 2018.

A colleita empezou polas parcelas da variedade Kennebec, gran parte dela amparada pola Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, que se recolle a man. Porén, para as variedades destinadas á industria de frito, principalmente a Agraria, a recoleción comezará a partir da próxima semana, cando finalicen as choivas.

En canto ás previsións, Servando Álvarez, director do Centro Agrogandeiro de Xinzo, destaca que “o estado sanitario do tubérculo é óptimo, pois tivemos un ano no que practicamente non houbo enfermidades fúnxicas, sobre todo mildiu, grazas ás temperaturas anormalmente baixas, e en canto á cantidade creo que vai haber unha produción moderada en pataca de ciclo curto e medio, como a Kennebec, e nas variedades para a industria a produción probablemente sexa algo menor”.

Pendentes de cara a onde exporte Francia os seus excedentes de pataca

No que respecta aos prezos, se na pasada campaña foron moi positivos, arrincando a campaña con 25 céntimos o quilo e finalizando con até 40 céntimos, para esta colleita hai moita maior incerteza. Esperábase que a campaña arrincase con prezos altos, como o ano pasado, pero non está a ser así e dependerá basicamente do que faga Francia, o gran produtor europeo de pataca.

“Nos países do leste de Europa a produción caeu bastante debido á seca. Agora o prezo na Limia dependerá bastante de se Francia decide exportar a eses mercados porque lle interesa máis o prezo ou seguirá asolagar o mercado español”, explica Servando Álvarez

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información