Comeza a recollerse pataca na Costa da Morte para frear a couza guatemalteca

Comeza a recollerse pataca na Costa da Morte para frear a couza guatemalteca

Reunión de Belén do Campo con alcaldes da Costa da Morte

A Consellería do Medio Rural está a coordinar cos alcaldes da nova área afectada pola praga da couza da pataca as medidas de control que se están a levar a cabo no contorno da Costa da Morte. En concreto, a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, recibiu este mércores pola mañá aos rexedores de Muxía, como municipio afectado pola couza, e de Fisterra, Dumbría, e Vimianzo e un edil de Camariñas, como concellos da zona tampón. Así mesmo, tamén quixo acudir ao encontro informativo o alcalde de Zas, aínda que non é un concello limítrofe da zona demarcada.

A directora xeral apelou durante a reunión á colaboración e pediulle aos responsables municipais a boa disposición que se tivo no resto de zonas demarcadas da Coruña e Lugo, e tamén por parte dos representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) coa que tamén tivo contacto a consellería.

Belén do Campo sinalou que as medidas, que xa se empezaron a aplicar, son exactamente as mesmas que no resto de municipios declarados como demarcados. “Actuamos coa mesma rigorosidade en todos os casos sen facer discriminacións”, declarou Do Campo, destacando que a normativa ten carácter estatal e que tamén municipios de Asturias seguen a mesma regulación.

“De feito, o protocolo de Galicia é incluso máis rigoroso do que esixe o real decreto, demarcando municipios completos cando se detecta a presencia da couza, como foi o caso de Muxía, para evitar a expansión do insecto e dado o peso das explotacións de autoconsumo na nosa comunidade. Co mesmo obxectivo, en lugar de establecer como zona tampón un radio dun quilómetro, en Galicia amplíase a cinco quilómetros”, destacan desde a Consellería.

Xa se recolleron en Muxía máis de 3.700 quilos de patacas de consumo e de semente

Así mesmo, a directora indicou que tanto os particulares como os comerciais “terán dereito as mesmas indemnizacións que o resto de damnificados de Galicia, segundo o volume de pataca entregada aos técnicos da consellería”. Xa se teñen retirado os tubérculos das tres vivendas de Muxía onde se detectou a couza, así como dos primeiros almacéns comerciais. En total, nesta primeira xornada de onte, recolléronse máis de 3.700 quilos de patacas de consumo e de semente.

Tras a xornada informativa celebrada no concello, o seguinte paso será que os veciños que teñan patacas ou plantacións na casa o comuniquen á Consellería do Medio Rural para proceder á súa destrución e poder optar á correspondente indemnización. Para iso, terán que recoller os sacos específicos que facilita a Xunta no punto de recollida que habilitará o Concello para tal fin, tal e como se comprometeu o alcalde na reunión de hoxe.

A Consellería do Medio Rural fai un chamamento aos residentes na zona infestada para que colaboren neste proceso de recollida, así como aos da contorna, xa que a normativa establece restricións no movemento de pataca a granel. O incumprimento desta prohibición pode dar lugar a sancións que oscilan entre os 300 e os 3.000 euros.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información