A colleita de mazá de sidra baixará este ano até un 70% en Galicia

Publicidade
A colleita de mazá de sidra baixará este ano até un 70% en Galicia

Mazá galega para sidra. Foto: Custom Drinks

A colleita de mazá de sidra está previsto que baixe este ano en Galicia até un 70% con respecto ao ano pasado, fundamentalmente debido á vecería, un proceso natural nas árbores froiteiras que alterna os anos de moito froito, como o pasado, con outro de recuperación, coma este.

Francisco Otero, presidente de AFRUGAL, unha organización que agrupa a uns 30 produtores profesionais das provincias da Coruña e Lugo, calcula que “este ano produciremos en Galicia entre o 30 e o 35% da mazá de sidra do ano pasado”. “Debido á vecería todos os anos impares en Galicia resultan abundantes en froita e nos pares baixa. É un proceso natural pero que se pode regular mediante poda ou produtos químicos, e niso debemos avanzar para lograr producións máis regulares”, explica.

A vecería e as malas condicións para o callado da flor explican o descenso

Na principal comarca produtora de Galicia, na Estrada, con máis de 100 hectáreas plantadas, empezarase a recoller a mazá de sidra a partir do 1 de outubro. Miguel Soto é técnico de ULLAMA, a principal cooperativa da Estrada, e que vende toda a súa produción en ecolóxico a Custom Drinks, para elaborar a coñecida sidra Maeloc.

“Se o ano pasado recollemos os socios de ULLAMA uns 700.000 quilos este ano baixaremos a uns 300.000 e en toda a comarca da Estrada pasarase duns 1,5 millóns de quilos a 500.000”, avanza.

Ademais da vecería, Miguel Soto tamén atribúe esta forte baixada ás malas condicións climatolóxicas. “Este ano o inverno alargouse demasiado, co que a floración das maceiras atrasouse case un mes, até finais de abril ou comezos de maio, e posteriormente callou mal o froito debido ao frío e ás choivas que se rexistraron entre maio e xuño”, explica.

Custom Drinks está preparada para esta baixada de produción

A maior parte da produción de mazá da Estrada e doutras partes de Galicia será adquirida un ano máis por Custom Drinks, a sidrería situada en Chantada.

A empresa, propiedade de Hijos de Rivera, mantén contratos a varios anos cos seus provedores, de forma que lles garante un prezo estable de entre 0,22 e 0,23 euros o quilo para a mazá de sidra convencional e de entre 0,29 e 0,30 para a ecolóxica.

O importante descenso da produción non lles preocupa, tal e como recoñece José Luís Olmedo, xestor de proxectos de I+D+i de Hijos de Rivera Investimentos Corporativos SL.

Así, explica que “en Custom Drinks planificamos a varios anos e xa previamos a vecería, polo que o ano pasado fixemos provisión e chegamos a comprar 4,1 millóns de quilos de mazá galega. Isto permítenos garantir o subministro aos nosos clientes que cada vez valoran e demandan máis a nosa sidra Maeloc, garantindo sempre que está elaborada con mazá 100% de Galicia”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información