Casa Ánxel, do queixo San Simón á horta ecolóxica

Esta explotación en ecolóxico situada na Pastoriza apostou primeiro por facer queixo e decidiu hai dous anos complementar a produción de leite co cultivo de horta. O seu propietario, Francisco López Valladares, vén de ser escollido presidente do Craega

Publicidade
Casa Ánxel, do queixo San Simón á horta ecolóxica

Francisco López, na súa explotación.

Casa Ánxel pode ser un exemplo de diversificación no rural e de adaptación ás circunstancias de cada momento. Situada no lugar de Abegas, na parroquia de Crecente, na Pastoriza, esta explotación de leite, con máis dun século de tradición gandeira familiar, foi das primeiras en pasarse a ecolóxico para evitar os efectos da cota láctea.

No 2000, e tras pagar dous anos a multa pola supertaxa, malia ter mercado cota, Francisco López Valladares e a súa muller, María Luísa Rodríguez Paz, decidiron “producir menos e con máis prezo”, así que reduciron o número de vacas e pasaron a súa granxa a ecolóxico para “aproveitar unha prima sobre o prezo base do leite de 8 pesetas en litro pola reconversión, que cobrabas durante os dous anos que duraba”, lembra Paco.

“Trouxemos o primeiro penso ecolóxico de Francia no ano 2000 a 100 pesetas o quilo”

Aqueles comezos non foron doados. “Hoxe facer a reconversión a ecolóxico é máis doado porque hai máis experiencia e coñecementos, pero daquela foi un pouco tirarse ao río sen saber nadar”, recoñece Paco, que conta que “no ano 2000 trouxemos o penso para as vacas de Francia, porque aquí non había penso ecolóxico, a 100 pesetas o quilo”. Comezaron a entregar súa produción a Leite Río pero cando esta empresa abandonou o leite ecolóxico pasáronse a Leche de Galicia (Lactalis), coa que seguen hoxe.

Pero a conversión a ecolóxico foi só o primeiro paso. A finais do 2009, con 83 cabezas na explotación e medio cento de vacas en muxidura, Paco decidiu dar outro salto máis e poñer en práctica aquilo que aprendera na miniqueixaría da Escola de Capacitación Agraria e Forestal Pedro Murias, de Ribadeo, durante o curso previo de incorporación agraria (até entón, a explotación estaba a nome de Luísa).

Durante dous meses, levaba o leite da casa e facía alí, na miniqueixaría de Pedro Murias, as probas, até que en nadal do ano 2009 saíron os primeiros queixos de Crecente. Paco e Luísa aproveitaron unha antiga corte do gando para facer a queixaría, unhas instalacións de 220 metros cadrados que lles custaron máis de 300.000 euros.

Transformaron unha antiga corte do gando nunha queixaría e un ano despois xa non tiñan suficiente leite para atender á demanda de queixo

Comezaron facendo queixo só dúas veces á semana, transformando 1.000 litros de leite da súa propia explotación en distintos produtos, como queixo San Simón, queixo tetilla, queixo do país cremoso (Patela), queixo fresco e requeixo (Requesán), ademais de vender leite pasteurizado.

De novo Casa Ánxel foi pioneiro, xa que nese momento só Arqueixal, de Palas de Rei, na denominación de orixe Arzúa-Ulloa, producía queixos en ecolóxico e a de Paco e Luísa foi a primeira, e a única polo momento, en facer San Simón con leite ecolóxico.

“Somos o único produtor mundial de queixo San Simón ecolóxico”, bromea Paco. Esta diferenciación (ademais de distinguirse por ser o único da denominación producido con leite cru e ecolóxico, o queixo de Casa Ánxel tamén se diferenciaba por contar con máis curación da habitual: 3 meses para o queixo reserva e 6 para o delicatesen) fixo que un ano despois de comezar a funcionar a queixaría as súas vacas non desen producido leite para atender a demanda existente para o seu produto, que case desde o primeiro día comezaron a exportar a mercados como Alemania ou Inglaterra.

Casa Ánxel foi tamén a primeira queixaría da denominación de orixe San Simón da Costa que se instalou fóra do concello de Vilalba, dentro da zona de ampliación da denominación. Cando se creou había 8 queixarías amparadas pola denominación de orixe, todas elas situadas nas parroquias vilalbesas de San Simón e Lanzós.

O produtor decidiu saír de San Simón da Costa por disconformidade coas razas de vacún estipuladas para a denominación

Pero Paco decidiu recentemente sair da denominación por inconformidade co Ingacal, que só admite para facer queixo San Simón as razas rubia galega, frisona e pardo alpina, e en Casa Ánxel hai tamén montbeliarde e fleckvieh. Considérao un criterio “inxusto”, así que deixou de facer San Simón e en substitución fai un queixo do país afumado (con leña de bidueiro, como manda a tradición) e curado, que só se diferencia do San Simón na forma, porque “o xeito de facelo é o mesmo que o San Simón”.

De feito, “non se notou nas vendas, que non baixaron malia non ter o selo da denominación de orixe”, explica Paco, que considera que “tería moito máis sentido un selo de calidade único para os produtos galegos, en vez de ter ducias de pequenas denominacións de orixe”.

Deixará de facer queixos a final de ano polo alto valor actual do leite ecolóxico en cru
Pero Casa Ánxel deixará de facer queixos a final de ano. O motivo: o alto prezo que ten neste momento o leite ecolóxico. A entrada de Leite Celta no mercado do leite ecolóxico provocou de golpe unha alza no prezo da materia prima en orixe, que no caso desta explotación da Pastoriza foi de 11 céntimos. “Cando abrimos a queixaría foi para aportar valor a unha materia prima, o leite ecolóxico, que nese momento tiña pouco prezo en cru, pero hoxe a situación cambiou e sería absurdo que eu mesmo lle restara valor ao leite por transformalo coa miña marca”, argumenta.

A Casa Ánxel páganlle o litro de leite a 58 céntimos e para facer un queixo fan falla entre 10 e 11 litros, polo que o custo de produción dun queixo sobe neste momento considerablemente e é imposible repercutir esa suba ao prezo de venda do queixo, polo que lle interesa máis vender en cru o leite.

Cando comezou coa queixaría Paco muxía 45 vacas e neste momento ten en ordeño 60 (o total de cabezas da explotación é de 98, contando a recría). Pero non ten posibilidade de medrar máis para aproveitar o bo momento do prezo do leite ecolóxico, porque non ten base territorial suficiente para facelo e nesta zona hai moitas explotacións de leite en intensivo de gran tamaño que compiten pola superficie existente. “Hai que parar aquí, porque nesta zona é imposible facerse con máis terrras”, admite.

A cabeza non para: agora horta

“Que estaba tolo”. Iso foi o que máis escoitou Paco en cada paso que daba desde que se aventurou a facer os primeiros cambios na súa granxa. “Comprei un home con moitas ideas, a cabeza non lle para”, bromea Luísa. Casa Ánxel diversificou nos últimos anos cara a horta ecolóxica como complemento á produción de leite.

“Comezamos hai tres anos un pouco de broma coa pataca e o ano pasado botamos 6 hectáreas e mercamos todo o necesario para envasar coa nosa propia marca”, explica Paco. Ao lado da queixaría contan cunha liña completa para pataca, que entra a granel por un lado e sae envasada polo outro. O ano pasado, Casa Ánxel surtiu de pataca ecolóxica á cadea Carrefour e mandou tamén tubérculo para Madrid e Barcelona.

A couza da pataca obrigou á explotación a paralizar a plantación de tubérculo e a súa liña de envasado, na que investiu 82.000 euros

Pero chegou a couza da pataca e as medidas “drásticas” da Xunta para combatela e acabou con esta liña de negocio. A Pastoriza está na zona fronteiriza coa Mariña, onde se detectou afectación o ano pasado, e o concello enteiro está sometido ás mesmas restriccións. “A Xunta quixo facer un cortalumes radical para que a praga non se extendera e chegara á Limia”, di Paco. Así que “outro investimento parado, 82.000 euros”, quéixase.

Casa Ánxel soubo aproveitar no seu momento cos queixos o auxe da demanda de produtos ecolóxicos nos mercados europeos e agora está disposto a facer o mesmo coa horta. Fai 2 anos instalaron un primeiro invernadoiro de 600 metros cadrados “para probar” e este ano colocaron outro invernadoiro multitúnel de 1.400 metros cadrados, do que xa obtiveron este verán a primeira colleita.

En total, 2.000 metros cadrados cubertos que tiveron primeiro a tomate e que agora están a leituga. Aos invernadoiros hai que sumar outras terras nas que cultivaron ao aire libre calabacín e berenxena. Sumando todo, tres hectáreas a horta nas que puxeron 10.000 prantas de calabacín en primavera e outras 5.000 ao final do verán.

Un “complemento perfecto” para as explotacións leiteiras
Paco afirma que “a horta é un complemento ideal para unha granxa de leite”. “Coas patacas iamos renovando as pradeiras. Esa era unha rotación de cultivos habitual en Galicia. Pero como agora non se poden botar patacas, imos facer un ensaio con centeo e guisante para facer forraxe para ensilado e ao mesmo tempo fixar nitróxeno no chan e renovar a pradeira”, avanza.

A horta comercialízase a través de distribuidoras. Apostaron por producir volume de tomate e calabacín para trascender os mercados locais

Casa Ánxel conta como clientes principais a dúas distribuidoras (Eurobanan, do Porriño, e Legufrut, de San Cibrao das Viñas), ás que lles vende toda a produción. “Boto o que eles me mandan para ter saída asegurada e os prezos son razonables”, explica Paco, que pensa que “é mellor especializarse” porque “non se poden botar 10 variedades, un pouco de cada, porque con pouco volume non podes chegar ás distribuidoras e só che queda a opción de vender directamente nos mercados locais, que só son capaces de dar saída a cantidades limitadas de produto”. E coa produción que ten Casa Ánxel (25.000 quilos de calabacín e 14.000 de tomate), “tes que ir a unha distribuidora grande que cho coloque todo, non podes ir a vendelo a un mercado local”, di.

Ademais de Paco e Luísa, tamén traballa na explotación familiar o seu fillo Diego. Contan ademais con 2 ou 3 persoas habituais contratadas ás que se engaden outros 4 ou 5 empregados temporais contratados por días nas épocas de máis traballo de recolleita. Son persoas de Senegal e Marrocos, que contan con experiencia previa nos invernadoiros de Almería e que traballan por peonadas.

casa anxel apaisada

“A xente en Galicia confunde produto de cercanía con produto ecolóxico”

Francisco López Valladares formaba parte desde hai 10 anos do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia como vogal e desde agosto é o seu presidente, sucedendo no cargo a Antonio Fernández. “Non é nada novo para min porque xa formaba parte da directiva anterior, pero é distinto. É un reto que me gusta, pero hai que dedicarlle moito tempo”, asegura.

Entre os múltiples proxectos en marcha, Paco destaca o futuro Plan Estratéxico da agricultura ecolóxica de Galicia, que marcará as liñas do sector até o ano 2021. “Neste momento estanse a facer reunións sectoriais e enquisas a produtores, comercializadores e demais axentes para ter unha radiografía pormenorizada da situación na que se atopan as distintas produccións de cara a planificar as diferentes accións de apoio, fomento, ordenación e promoción da agricultura ecolóxica nos vindeiros anos. O obxectivo é aprobar o Plan Estratéxico antes de que acabe o ano”, avanza o presidente do Craega.

Tamén se está a elaborar a nova normativa de cunicultura ecolóxica, “que estará lista a mediados de 2018, co obxectivo de poder certificarlles o produto aos criadores de coello”, indica.

A percepción e o consumo de alimentos ecolóxicos está a aumentar en Europa, pero Paco admite que “en Galicia, por desgraza, consúmese moi pouco produto ecolóxico” porque aínda que case o 92% dos galegos escoitou falar dos produtos ecolóxicos, “a xente aquí confunde produto de cercanía con produto ecolóxico e non é o mesmo, porque pode estar producido igual ao pé da casa a base de fertilizantes químicos ou insecticidas”, di.

Para cambiar esa mentalidade, o presidente do Craega aposta por “incidir nos futuros consumidores”, por exemplo, con charlas nos colexios coma as que teñen en marcha dentro do Plan Proxecta xunto coa Consellería do Mar.

A feira Biocultura, a máis importante de produtos ecolóxicos a nivel do Estado, celebrarase no 2018 na Coruña

Galicia participou este ano como comunidade invitada en Biocultura, a feira máis importante do sector a nivel de todo o Estado, que se celebrou en Madrid na segunda fin de semana de novembro. O sector ecolóxico galego estivo representado por 32 produtores e industrias. Pero o presidente do Craega avanza unha nova importante: “Biocultura celebrarase o vindeiro ano por primeira vez en Galicia, en concreto na Coruña”. Paco considérao un recoñecimento ao peso de Galicia dentro do sector ecolóxico do Estado.

Aumento de máis do 25% na facturación no 2017
O Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia celebra este ano o seu 20 aniversario. Moito cambiaron as cousas no sector nestas dúas décadas, admite o seu presidente actual, que destaca que desde 1999 os operadores autorizados pasaron na nosa comunidade de 11 a case 1.000 e os ingresos no sector multiplicáronse por 140. Na actualidade hai 27.000 hectáreas destinadas a cultivos ecolóxicos e provincia de Lugo aglutina ao 50% dos produtores ecolóxicos de Galicia.

Esta evolución positiva estase a consolidar nos últimos anos. Só no último exercicio, a superficie total certificada polo Craega aumentou case un 36,5% e o volume de negocio medrou por riba do 25%, chegando ata os 41,7 millóns de euros. Entre as razóns deste importante incremento está o feito de que moitos gandeiros de leite decidiran pasar a ecolóxico nos últimos meses polo aumento no prezo do leite ecolóxico. “Neste momento, hai máis de 30 explotacións en toda Galicia en periodo de adaptación, veremos os que cumpren dentro de dous anos”, explica Paco. A outra pata que tamén está a sufrir un repunte considerable é o sector conserveiro, sobre todo de produtos do mar.

Francisco López aposta por aplicar criterios de escala sobre a produción ecolóxica, “igual que se fixo no seu día coa flor”

Galicia é aínda un mercado minoritario, o que obriga aos produtores galegos a pensar na exportación como a súa principal saída. Por iso, o presidente do Craega aposta por aplicar criterios de “economía de escala” á produción ecolóxica e di que “os produtores de vexetal, por exemplo, teñen que agruparse, especializarse e complementar as súas producións para poder vender máis aló dos mercados locais”. Algo semellante ao que fixo no seu momento o sector da flor en Galicia, compara.

Paco tamén é crítico co sobrecusto que algunhas tendas e puntos de venda aplican aos produtos ecolóxicos con respecto aos convencionais, alegando un menor nivel de venda e rotación destes produtos na tenda. “Ese sobrecusto non repercute no produtor e vai na súa contra, porque fai que a demanda de produtos ecolóxicos non aumente. Estou convencido de que se a marxe de beneficio que aplican algunhas tendas aos produtos ecolóxicos fose a mesma que a que aplican ao resto, o nivel de venda tamén sería similiar”, considera.

Os produtos ecolóxicos que con máis frecuencia se adquiren son as froitas, seguidas das verduras frescas e os lácteos. Este último é un sector onde “a competencia é fortísima”, asegura. “Están vindo iogures ecolóxicos de Alemania que case chegan aquí a prezo de iogures convencionais”, explica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información