¿Cales foron as enfermidades que afectaron ás maceiras en Galicia en 2017?

¿Cales foron as enfermidades que afectaron ás maceiras en Galicia en 2017?

Mazá con moteado.

A Consellería do Medio Rural ven de publicar no boletín agrometerolóxico desta semana unhas notas sobre a fenoloxía e sanidade en maceira en Galicia no ano 2017.

As entradas son para mazás tanto de sidra como de mesa e corresponden aos datos de seguimento en diferentes zonas de Galicia.

Pragas:

-Pulgón cincento (Disaphys plantaginea): Obsérvanse os primeiros brotes afectados o 11 de abril, aparecendo as primeiras femias aladas sobre o 30 de maio, que marcan xa o final do ciclo.

-Pulgón verde (Aphis pomi): Os primeiros brotes cunha forte afección aparecen o 9 de xuño e mantéñense ao longo do verán con insistencia, incrementándose algo aínda durante a primeira quincena de Xullo, para decaer a final deste mes e terminar de afectar aos brotes entre mediados e final de Agosto.

-Pulgón laníxero (Eriosoma lanigerum): Como cada campaña, comezan a aparecer as primeiras colonias moi cedo, en concreto este ano 2017 no monitoreo do 31 de marzo. Ao longo de toda a campaña van aparecendo outras novas, observándose os primeiros adultos parasitados por Aphelinus mali ao redor do 18/08. Desde ese momento apréciase xa unha redución importante, que se vai incrementando a medida que se achega o mes de setembro, ata case desaparecer.

-Broca (Zeuzera pyrina): Os danos non adoitan ser importantes, salvo en ocasións en novas plantacións e preto de terreos forestais, algo frecuente en Galicia. Por tal motivo faise un seguimento específico con trampas desde final de xuño. Durante a presente campaña as cazas foron mínimas, aparecendo danos esporádicos.

Verme da mazá ou Carpocapsa (Cydia pomonella): Polos danos frecuentes que produce, faise sobre esta praga un seguimento tamén específico, colocándose varias trampas en distintas zonas de Galicia, a partir do 10 de abril, para determinar os momentos oportunos para aplicar os tratamentos adecuados, segundo as materias activas utilizadas.

Ademais, aplicando a fórmula bioclimática (a partir dos 400 graos/día), o primeiro voo de adultos fixouse o 11 de abril (en 2015 e 2016 tal data foi o 23 de abril e o 4 de maio, respectivamente), día en que se considera que empezou a 1ª xeración. A 2ª xeración iniciouse o 28 de xullo.

Non causou danos polo bo funcionamento dos mecanismos de control. Con respecto aos últimos 5 anos, apréciase unha diminución na caza de machos nas trampas de seguimento, reducíndose entre un 35% e 45%, maior na 1 ª xeración, así como un adianto con respecto ao comezo da 2ª xeración.

Para ter unha idea máis precisa da meteoroloxía que se tivo durante esta campaña e o seu efecto sobre a evolución da carpocapsa, danse os graos/día alcanzados entre o día 1/xaneiro e o 29/marzo dos últimos 6 anos. A diferenza que se aprecia é debida ás temperaturas anormalmente elevadas que marcaron os termómetros na primeira quincena de marzo.

-Orugueta do almendro (Aglaope infausta): É unha praga nova nas nosas maceiras que foi parecendo nos últimos anos de forma esporádica e moi localizada, sen chegar a causar grandes danos. Tampouco durante esta
campaña.

-Gurgullo da flor (Anthonomus pomorum): Faise vixilancia aínda que, como no caso da “ Orugueta do almendro”, non chegou a causar danos, aparecendo de xeito esporádico.

Enfermidades:

-Moteado (Venturia inaequalis): Este fungo é un clásico entre os causantes de maiores perdas de colleita para comercialización, polo que o seguimento e control que se ten sobre el é moi intenso.

Na presente campaña, debido ás condicións nada propicias para o seu desenvolvemento, así como a efectividade dos tratamentos aplicados, non houbo apenas ataques nin danos que mencionar, aínda que si incidencias leves.

-Oídio (Podosphaera leucotricha): É outro dos fungos clásicos en canto a posibles danos sobre a mazá comercializable, pero moi controlado hai anos. Non causou danos.

FENOLOXIA_MAZA_GALICIA_17

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información