Brión inaugura este mes un centro de transformación de produtos da horta

A instalación contará cun obradoiro para zumes, conservas e deshidratados, así como cunha área de cociña para produtos elaborados a partir de cereais. Sesenta pequenos produtores están formándose para empregar o centro

Publicidade
Brión inaugura este mes un centro de transformación de produtos da horta

Vista dunha das zonas de traballo do centro.

O Concello de Brión inaugura o próximo venres 13 de decembro o centro Transformando en Brión, que estará ubicado na terceira planta do centro comercial Monte Balado. A instalación conta con tódolos equipos precisos para o procesado de cereais e produtos de horta. Nos arredor de 200 metros cadrados do centro definíronse dúas zonas de traballo, unha orientada á elaboración de zumes, deshidratados e conservas, e outra zona que se habilitou como obradoiro de masas e de transformación de cereais, onde se poderán elaborar empanadas, pans, galletas ou doces.

A posta en marcha do Centro, que contou co apoio da Deputación da Coruña e de fondos europeos, arrancará cun grupo de 60 pequenos produtores de horta que xa se está formando para a súa utilización. O obxectivo do proxecto é facilitar que os produtores poidan transformar as súas producións en caso de excedentes, de cara a súa posterior comercialización ao longo de todo o ano.

detalle centro brion estandar

“O Centro conta con dous rexistros sanitarios, un para froitas e hortalizas, e outro para cereais, o que lles permitirá ós produtores etiquetar os seus produtos e cumprir coa lexislación sanitaria. Tamén será obrigatorio para traballar no Centro que os usuarios teñan superado un curso de manipulación de alimentos”, explica Dora Vieiro, axente de emprego e desenvolvemento local do Concello de Brión.

Outro dos requisitos de funcionamento que se acordou é que só se poderán procesar nas instalacións producións tradicionais que estean cultivadas sen pesticidas. Poderán usar a intalación tanto produtores a título individual como asociacións e mesmo persoas que só queiran transformar producións para o seu autoconsumo.

Entre o grupo de 60 produtores que xa se está formando para o uso do centro, figuran sobre todo pequenas explotacións que venden en feiras, tendas e grupos de consumo. Son tanto de Brión como doutras zonas do entorno, como Padrón, Rois, Noia, o Barbanza ou a comarca do Ulla. Para o uso do centro, o Concello definirá en breve unhas tarifas.

Matadoiro móbil
De cara ó próximo ano, o Concello tamén ten previsto poñer en marcha un matadoiro móbil de aves e coellos para darlle servizo ás granxas artesanais. O camión matadoiro funcionará previsiblemente a nivel de toda a provincia da Coruña, pois contará con apoios da Deputación da Coruña.

Feira labrega o día 14
Ao día seguinte da inauguración do centro de transformación, celebrarase alí unha feira labrega, con actividades e produtos de pequenas explotacións da comarca.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información