Aves aliadas no control de pragas: o caso das maceiras

Un estudo da Universidade de Oviedo e o Serida comproba que as aves silvestres nas pumaradas son moi eficientes no control do pulgón ou a carpocapsa, o que permite reducir o uso de tratamentos químicos

Aves aliadas no control de pragas: o caso das maceiras

Ferreiriño azul capturando pulgón cincento nunha maceira de sidra. Foto de Marcos Miñarro.

As aves insectívoras nos pomares de mazás de sidra reducen entre un 70 e un 80% a abundancia de pragas comúns como o pulgón cincento. Así o demostra un estudo realizado por investigadores da Universidade de Oviedo e do Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento Alimentario (Serida) de Asturias.

As aves insectívoras nos pomares de mazás poden reducir nun 70% a incidencia de pragas como o pulgón

Así, as aves poden converterse nun aliado fundamental para o control de determinadas pragas que condicionan a produción de mazá, como o pulgón, o gurgullo, que actúa directamente na flor e impide o callado do froito, e outros como a carpocapsa (abichado), moi presente nos pomares galegos e que tamén dana a mazá.

O estudo levouse a cabo nas plantacións de maceira de sidra de Asturias, se ben as súas conclusións semellan facilmente extrapolables ós pomares galegos, debido á similitude que gardan no tipo de paisaxe e de manexo.

Depredadores efectivos no control de pragas

Os datos obtidos na investigación, centrada en observacións de campo en pomares, demostran que os beneficios da presenza das aves son maiores aos danos que poidan causar na froita ou ao alimentarse doutros artrópodos, que tamén exercen como depredadores das pragas máis comúns.

Os beneficios debidos á presenza de aves demostráronse maiores ós danos que poden causar na froita

“As aves teñen un efecto global positivo sobre a maceira de sidra, xa que a súa capacidade para combater pragas importantes e diminuír os seus danos, compensa os picoteos esporádicos de mazá e o control biolóxico que exercen sobre artrópodos auxiliares”, concreta o biólogo Daniel García, da Universidade de Oviedo, responsable da coordinación da investigación.

De feito, no estudo, levaron a cabo varias probas para comprobar a incidencia das aves sobre as pragas. Un dos procedementos consistiu en illar algunhas das ramas das maceiras de maneira que as aves non puidesen acceder a elas. Nestes casos, a presenza de artrópodos como o pulgón chegou a triplicarse en comparación coas ramas non illadas.

Oruga-carpocapsa---senuelo-carpocapsa-de-plastilina-en-rama-manzano---senuelo-picoteado-Fotos-Carlos-Guardado-y-Daniel-Garcia-

Para estudar o ataque da carpocapsa instalaron reclamos de plastilina que semellan as eirugas e que os paxaros rematan picando. Fotos: Carlos Guardado e Daniel García.

Tamén comprobaron que, a pesar de que boa parte destas aves se alimentan doutros insectos auxiliares, como as forcadelas e as arañas, que son tamén potenciais depredadores de pragas como o pulgón cinzento, ambos se complementan.

Máis complexo resultou estudar a incidencia das aves en pragas como a carpocapsa (abichado), posto que os adultos son nocturnos e as eirugas introdúcense no interior da mazá. Aínda así, os investigadores colocaron na árbore eirugas de plastilina, similares ás larvas desta especie, para comprobar a incidencia que teñen sobre esta praga en concreto. Este método permitiu comprobar o papel das aves como depredadores de carpocapsa.

Colocaron réplicas de carpocapsa (abichado) nas árbores para comprobar a incidencia das aves sobre elas

Moitas das eirugas de plastilina que colocaron resultaron picoteadas polas aves, “aínda que é máis difícil avaliar a incidencia real das aves sobre a carpocapsa, dado que se trata dun reclamo e non da eiruga”, recoñece o investigador.

Por este motivo e para concretar máis a incidencia das aves, o estudo ten continuidade cunha nova investigación, financiada pola Fundación BBVA, que se centrará na análise do contido das feces das aves silvestres para concretar a súa dieta e saber sobre que especies están a actuar máis.

Biodiversidade de aves

“O estudo permitiunos constatar a gran diversidade de aves insectívoras que poden localizarse nun pomar”, comenta o biólogo. Nestes pomares de sidra identificáronse máis de 30 especies de aves insectívoras silvestres ao longo de todo o ano.

Nos pomares de sidra identificáronse máis de 30 especies de aves insectívoras silvestres ao longo do ano

“Son especies cun comportamento e trazos diferentes que se complementan unhas a outras á hora de atacar a distintos insectos que resultan nunha praga para a maceira”, explica García.

O ferreiriño común, o carboeiro común e a papuxa das amoras son algunhas das aves máis frecuentes e abundantes nos pomares asturianos e que maior incidencia demostraron sobre as pragas, ao basear a súa alimentación nestes insectos. “A vantaxe da biodiversidade é que distintas aves se complementan entre si”, indica o biólogo.

Así, mentres os picafollas e as estreliñas riscadas atacan aos pulgóns nas ramas máis finas, os tordos e os paporrubios céntranse nos gurgullos nas grosas. Pola súa banda, os páxaros carpinteiros aliméntanse de carpocapsas que localizan nos troncos.

Os paxaros compleméntanse: os picafollas céntranse nos pulgóns, os paporrubios nos gurgullos e os paxaros carpinteiros na carpocapsa

Contribuír a respectar os polinizadores

Máis aló da incidencia directa que as aves poidan ter no control efectivo das pragas, a súa presenza no pomar trae parello outros beneficios, tal e como apunta o investigador.

A actuación das aves leva unha redución importante das pesticidas. “No caso do pulgón cincento, as aves poden chegar a controlar a praga e non ser necesario recorrer a solucións químicas”, apunta o biólogo.

No caso doutras especies como a carpocapsa, a incidencia das aves acompañada de tratamentos con feromonas poden ser alternativas factibles, sen necesidade de fumigar as maceiras, como indica García.

A redución do emprego de pesticidas reduce o impacto ambiental e contribúe a unha maior presenza de polinizadores, fundamentais para o desenvolvemento da produción de mazás.

Herrerillo-comun-ceba-polluelos_-con-larvas-de-gorgojo-de-la-manzana.-Foto.-Marcos-Minarro-

Ferreiriño azul alimenta ás crías, con larvas de gurgullo da mazá, instaladas nunha caixa niño. Foto: Marcos Miñarro.

Medidas para favorecer a presenza de aves no pomar

Para favorecer a presenza das aves, os produtores poden adoptar distintas medidas que incrementen non só o número de exemplares senón tamén fomenten unha maior biodiversidade. Recollemos algunhas das accións que levar a cabo:

– Conservar as sebes naturais. Os peches naturais dos pumares, a base de árbores e arbustos, como a abeleira, o estripeiro, o acivro, a hedra ou a silva, serven como refuxio para as aves e permiten que nidifiquen nestas zonas.

Ao mesmo tempo, moitos destes arbustos proporcionan froitos carnosos, que son alimento para as aves en determinadas épocas, como ó final do verán, no outono ou no inverno, en que escasean os insectos. O merlo, o paporrubio ou os picafollas adoitan optar por resgardarse neste tipo de peches naturais.

– Favorecer os bosquetes naturais nas proximidades do pomar. Aínda que esta medida non incumbe directamente aos produtores de mazá, contar cun bosque biodiverso próximo incrementa a presenza de distintas aves que resulten efectivas para diferentes pragas.

“As ferramentas de ordenación do territorio, como as concentracións parcelarias, deberían respectar a conservación dos bosquetes autóctonos pola biodiversidade que atesouran, contribuíndo a xerar unha paisaxe en mosaico”, apunta o biólogo.

Fomentar a estrutura do dosel continúo e denso. “Cando os pomares están orientados á produción de mazá para sidra é preciso realizar podas, pero, na medida do posible, si se evita deixar grandes claros isto favorece a presenza de aves”, apunta o investigador.

De igual forma, García tamén recomenda realizar os recambios na plantación de forma gradual para que as aves non detecten grandes claros e opten por buscar outras localizacións.

Preservar a cuberta vexetal. Manter a cuberta herbácea natural nas rúas entre as maceiras tamén contribúe a fixar a poboación de aves nesa zona, máis aínda se se trata de praderías biodiversas. “A variedade de sementes é outra fonte de alimento para as aves”, explica. Esta medida ademais é moi beneficiosa para os insectos polinizadores.

Colocar 10 caixas niños por hectárea pode levar a que aniñen entre 3 ou 4 parellas de aves insectívoras

Instalar caixas niños na leira e nos lindes. As aves utilízanas na primavera para criar e recorren aos insectos que localizan nas propias maceiras para alimentar ás súas crías. “Ademais, a época de reprodución das aves coincide coa de maior incidencia dalgunhas pragas como o pulgón, polo que estas medidas resultan moi eficaces”, especifica García.

Colocar 10 caixas niños por hectárea pode levar a que aniñen entre 3 ou 4 parellas de aves insectívoras que serían suficientes para atallar as pragas máis comúns.

De feito, a administración asturiana comezou a incentivar a adopción destas medidas para fomentar a presenza de aves nos pomares. En concreto, hai unha liña de subvencións para adquirir caixas niños e sementeiros, para manter as sebes. A axuda obriga tamén a restricións no uso de pesticidas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información