Aumenta a colleita de lúpulo galego

Este ano a campaña concluíu cun incremento dun 5% respecto da anterior, alcanzando xa o 5.428 kg de flor seca das variedades Nugget, Magnum, Perle, Sladek, Merkur, Cascade, Admiral e, por primeira vez, Centennial. 

Aumenta a colleita de lúpulo galego

Recollendo o lúpulo

Un ano máis medra a produción en Galicia de lúpulo, unha planta rubideira de longa tradición na zona de Betanzos e moi coñecida por ser un dos principais ingredientes da cervexa, responsable do seu sabor e recendo.

De feito, foi Estrella Galicia quen recuperou no seu día o cultivo do lúpulo como homenaxe ao seu fundador polo ano do seu centenario (2006). Desde entón esta iniciativa foi consolidándose e crecendo.

Esta campaña 2018 concluíu coa colleita de 5.428 kg de flor seca de lúpulo, o que supón un incremento de en torno un 5% respecto ao ano anterior. Colleitáronse as variedades Nugget, Magnum, Perle, Sladek, Merkur, Cascade e Admiral.

Novidades desta campaña

Ademais, déronse unha serie de novidades froito da investigación levada a cabo nos últimos anos sobre esta planta por parte do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), en colaboración con Corporación Hijos de Rivera e a cooperativa LUTEGA.

Así, por primeira vez cultivouse lúpulo da variedade americana Centennial, que ofreceu resultados interesantes na súa evolución. Ademais, comeza agora un estudo sobre control de ataque de oídio, un fungo moi nocivo para o cultivo da man do Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (LAFIGA).

Por outra banda, por sexto ano, cultivouse lúpulo ecolóxico, cultivado seguindo os procedementos marcados polo CRAEGA (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia), un proxecto que foi pioneiro en España. A parcela de lúpulo ecolóxico atópase nas instalacións do CIAM e é resultado dun proceso de investigación e probas que levou á transición desde o cultivo convencional ao ecolóxico. Este ano o resultado foi excepcionalmente bo cun alto  valor de alfa acedos, dun 12,4%, próximo ao récord de 2013 con 12,6%.

Outro ámbito de mellora na que se vai traballar na próxima campaña será na aplicación de fertilizantes a través do sistema de rega (fertirrigación) , neste caso en colaboración coa Escola de Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria da USC.

O proxecto conta cunha previsión total de máis de 15 hectáreas de cultivo, das que Corporación Hijos de Rivera, a través de Cosecha de Galicia, achega ao redor de 9 hectáreas propias.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información