As novas variedades de cereais de inverno, a exame

Mabegondo xestiona campos de ensaio na Pobra do Brollón (Lugo) no marco da rede GENVCE (Grupo para la Evaluación de Nuevas Variedades de Cultivos Extensivos en España)

Publicidade
As novas variedades de cereais de inverno, a exame

Xornada técnica nas parcelas de ensaio de trigo da Finca Robles, en Pobra de Brollón (Lugo).

Cada ano saen novas variedades comerciais de cereais ó mercado, das que o agricultor descoñece parámetros de crecemento, rendementos ou resistencia a enfermidades. Co fin de facer unha evaluación independente das variedades en distintas rexións e zonas agroclimáticas, fanse ensaios en toda España coordinados pola rede GENVCE (Grupo para la Evaluación de Nuevas Variedades de Cultivos Extensivos en España). En Galicia, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo coordina a actividade da GENVCE. Estes días presentáronse os ensaios de inverno 2014-2015, que se desenvolven na Finca Robles – Veiga, na Pobra do Brollón (Lugo).

As variedades a evaluar esta campaña, unha vintena de trigos brandos de inverno e dez centeos, sementáronse nas parcelas de ensaio con catro repeticións e con presencia tamén de variedades testigo, xa contrastadas no mercado, que serven de referencia na comparación de resultados. O responsable técnico das probas, Luis Urquijo, presentou o traballo que se está facendo nunha xornada técnica celebrada o pasado venres na Pobra do Brollón.

A sementeira dos trigos e dos centeos, así como de cebadas de demostración, realizouse a finais de outubro, en doses de 400 sementes / metro cadrado nos trigos e de 150 nos centeos híbridos. Nas parcelas aplicouse un abonado de fondo de 450 kilos / hectárea dun NPK 8 – 24 – 16 (por hectárea, 36 quilos de nitróxeno – 108 de fósforo e 72 de potasio). Fíxose tamén un pase de herbicida, tras a sementeira, e un abonado de cobertera con nitrato amónico cálcico (NAC).

As probas da última década demostran que os cereais de inverno ofrecen un rendemento superior ós de primavera

Os ensaios desenvólvense por agora con normalidade, con pouca presenza de enfermidades. Nos trigos, o principal problema foi a septoria e tamén se rexitrou roia amarela e roia parda, se ben en gran parte dos casos en porcentaxes pequenos que provocarán escasa afección na colleita; en tanto que no centeo as principais incidencias deriváronse da roia parda, tamén en porcentaxes que rondan o 10-30 % na maioría dos casos.

Rendementos
Cando se faga a colleita, no verán, coñeceranse os rendementos de cada variedade. Os datos dos ensaios GENVCE realizados en Mabegondo no periodo 2004-2013 ofrecen unhas medias de 7.290 quilos para o trigo brando de inverno e de 6.300 para as cebadas de inverno, en tanto nos trigos de primavera a media é de 5.480 quilos e nas cebadas de ciclo curto de 5.180 quilos. “Con estes resultados na man, os cereais de inverno semellan máis interesantes para o agricultor”, explica Urquijo, que precisa que eses rendementos poderían ter mellorado un mínimo dun 20% de terse empregado funxicidas, que nos ensaios non se usan precisamente para valorar o impacto das enfermidades sobre os cultivos.

No caso dos cereais de primavera, a data de sementeira resulta tamén decisiva no rendemento da colleita. Nun ensaio do 2014 con cinco cebadas comerciais, na Pobra do Brollón, comprobouse que a sementeira da cebada o 19 de marzo propiciaba rendementos de arredor de 3.100 quilos por hectárea, en tanto que con sementeiras en abril e maio, a colleita baixaba ata os 1.700 quilos de media. “As sementeiras tardías son pouco viables, salvo se se fan con regadíos”, valora Luis Urquijo. “Tamén hai que ter en conta que unha sementeira de cedo pode ser complicada de levar a cabo en anos chuviosos, xa que non se poderá meter a maquinaria no terreo”.

Na primavera, sementar cedo resulta fundamental para unha maior colleita

Centeos
En centeo, as medias de produción da rede Genvce fóra de Galicia, entre 2010 e 2012, foron de 4.000 quilos por hectárea, uns datos similares ós comprobados na Limia o ano pasado, con colleitas que se moveron entre os 3.200 e os 4.100 quilos por hectárea. “O centeo é moi adaptable a todo tipo de chans e a distintas zonas agroclimáticas, coa única excepción de que acepta mal o encharcamento do chan”, explica Urquijo.

Mabegondo aproveitou tamén os ensaios de centeo para valorar o seu posible uso como forraxe para ensilar, obtendo no 2015 entre 9 e 14 toneladas de materia seca por hectárea, cun corte feito no momento da floración do centeo, un rendemento que fai que sexa de interese para o uso forraxeiro.

En Galicia, cultívanse na actualidade non máis de 2.000 hectáreas de centeo, a maioría na zona da Limia, que tamén concentra as principales superficies de trigo. A produción de trigo na comunidade ronda as 20.000 hectáreas, pero as variedades de carácter comercial trabállanse principalmente na Limia, en tanto no resto de Galicia predominan variedades autóctonas ou de uso tradicional que se reutilizan de ano en ano.

A comarca de Lemos, onde se desenvolven este ano os ensaios de cereais de inverno da Genvce, conta tamén con gran potencial cerealista segundo a valoración dos técnicos, se ben non se trata na actualidade dun cultivo de carácter comercial.

Variedades de trigo a proba nos ensaios 2014-2015
Alhambra, Arabella, Calabro, Candelo, Ciprés, Lázaro, Sofru, Sy Alteo, Sy Moissons, Amadeus, FD 10065, Madiva, MBI-313, Nudel, Oregrain, Rgt Bambú, Rgt Castelno, Rgt Somontano, Soberbio, Sobred, Solehio, Toskani. De testigo úsanse Ingenio, Nogal e Paledor.

Variedades de centeo a ensaio
Bono, Brandie, Kws Daniello, Kws Gatano, Kws Livado, Mephisto, Nikko, Sandie, Su Performer, Tur, Daniello. De testigo empregouse o Petkus.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información