Areeiro detecta un incremento dos ataques de Mildeu á uva e á pataca

Os técnicos advirten da necesidade de protexer de forma continua os cultivos renovando os tratamentos. Pídese colaboración para conter a dispersión da avespa do castiñeiro evitando movementos da planta non controlados

Publicidade
Publicidade
Areeiro detecta un incremento dos ataques de Mildeu  á uva e á pataca

Mildeu en viñedo. Foto: Estación do Areeiro

Os técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, veñen de detectar incremento significativo na frecuencia e na intensidade dos síntomas de Mildeu nas viñas da provincia, segundo consta no seu último aviso fitosanitario.

Así mesmo, tamén se rexistraron ataques importantes de Mildeu ás plantacións de patacas nalgunhas zonas. Así, debido ás condicións meteorolóxicas favorables a infeccións secundarias é preciso renovar os tratamentos garantindo unha protección continua das plantas. Por outra banda, dende Areeiro pídese colaboración para conter a praga da avespa do castiñeiro, cuxa presencia xa é notoria en todas as provincias galegas, pero sobre todo en Lugo e Ourense.

Viña
Os técnicos veñen de detectar un incremento dos síntomas de Mildeu nas plantas sen tratamento das parcelas de seguimento debido ás precipitacións e condicións meteorolóxicas favorables ás infeccións secundarias. Tendo en conta as previsións, aconséllase renovar os tratamentos a menos que se fixera xa e se constatara a súa eficacia.

No caso de fincas nas que se observen gromos ‘chupóns’ nacendo a diferentes alturas das cepas, é preciso eliminalos, xa que poden ser unha fonte importante de inóculo. En canto a outras afeccións das viñas, é preciso estar alerta ante a posibilidade de ter que aplicar un tratamento postfloración contra a botrite, así como eliminar as zonas afectadas por alteracións da madeira. No caso do Oidio, o Black Rot, as couces do acio e os ácaros, a situación segue igual que nas semanas anteriores.

Pataca
Estanse a detectar ataques importantes de Mildeu en algunhas zonas pese ás intervencións realizadas, xa que os períodos de chuvia aos que segue unha subida das temperaturas provoca condicións favorables ao fungo. Por este motivo a protección debe ser continua.

Castiñeiro
A presenza de agallas de avespas do castiñeiro é notoria nalgunhas zonas das provincias de Lugo e Ourense, aínda que a plaga vén de alcanzar municipios de todas as provincias galegas. A loita biolóxica co seu parasitoide é o único medio de control existente na actualidade, e nestas datas están a concluír as soltas desta campaña. Sen embargo, e para axudar a conter esta perigosa plaga é precisa a colaboración de todos, sendo fundamental non realizar movementos de planta non controlados, pois poden contribuír á dispersión do insecto.

Maceiras e pereiras
Esta semana percibíronse os primeiros síntomas de moteado na parcela de seguimento de Areeiro tanto en maceiras como en pereiras, ao igual que sucede noutras fincas, polo que é preciso renovar as aplicacións do tratamento. Hai que lembrar que a mestura de funxicidas de cobre e azufre da bos resultados, pero é preciso aplicala despois das precipitacións. En canto aos pulgóns, as colonias estanse a detectar de xeito xeneralizado, e é probable que se incremente a presenza de pulgóns cinsentos e laníxeros. Cabe sinalar que é preciso escoller fitosanitarios respectuosos coa fauna auxiliar para outros potenciais tratamentos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información