Alertan de que o novo Real Decreto sobre produtos fitosanitarios pode provocar o abandono dos pequenos agricultores

Dende o sector reclaman á Xunta de Galicia que facilite a obtención do carnet de manipulador de produtos fitosanitarios. En función das dubidas sobre a nova normativa, SOAGA está a organizar para os seus clientes charlas informativas sobre os cambios que haberá que aplicar a partir do 26 de novembro.

Publicidade
Alertan de que o novo Real Decreto sobre produtos fitosanitarios pode provocar o abandono dos pequenos agricultores

Aviso da aplicación do Real Decreto en Agroulla (Valga)

A aplicación a partir do vindeiro 26 de novembro do Real Decreto 1311/2012 de uso sustentable de produtos fitosanitarios,  que limitará a venda dos de uso profesional soamente a aqueles agricultores e gandeiros que conten co carné de manipulador, poderá provocará o abandono da actividade agraria de gran parte dos agricultores e viticultores a tempo parcial. Este é a opinión estendida entre boa parte do sector que coincide en advertir de que o Decreto non está adaptado a unha realidade galega onde segue imperando o minifundio e a agricultura e a viticultura como unha actividade complementaria.

Así o percibe tamén a principal distribuidora maiorista de produtos fitosanitarios de Galicia, SOAGA, que ante a gran demanda de cuestións relacionadas con este novo marco legal, estes días está celebrando charlas informativas para os seus distribuidores de produtos fitosanitarios. Tratan sobre todo os cambios que suporá a aplicación do decreto Real Decreto 1311/2012. Se a semana pasada celebraron actos informativos en Betanzos, Santiago e Pontevedra, con gran asistencia de público, hoxe tocaralle a Ourense e o mércores da próxima semana en Lugo.

Pídenlle á Xunta que facilite a obtención do carné básico

Precisamente, un dos aspectos máis problemáticos da aplicación do Decreto en Galicia segundo o sector é a falta de oferta suficiente de cursos de manipulador de produtos fitosanitarios e o excesivo número de horas presenciais que se esixen.

Así, Manuel Crespo, técnico de SOAGA, explica que “pedímoslle aos distribuidores e agricultores que fagan un gran esforzo cos cursos para cumprir coa lexislación vixente e recrimínanos que noutras comunidades veciñas o esforzo non é tan grande”.

Dende as academias de formación tamén recoñecen que a obtención do curso básico de manipulación e aplicación de produtos fitosanitarios require un esforzo por parte dos agricultores. Un dos centros privados que imparte este curso, previo pago, é o Centro de Ensino Pondal, en Monforte de Lemos, onde informan de que “o perfil do alumno destes cursos é un pequeno agricultor e xente maior”. “Os cursos básicos teñen unha duración de 25 horas de clase presenciais, repartido en dúas semanas”, engaden.

La mayoría de los viticultores en Galicia son a tempo parcial

La mayoría de los viticultores en Galicia son a tempo parcial

Manuel Crespo prevé que un dos sectores máis afectados será o da viticultura, onde hai moitos pequenos viticultores que teñen esta actividade como un complemento, e en menor medida o sector da horta. “Será un problema, en caso de querer cumprir coa lexislación vixente, pois non todo o mundo se pode permitir desprazarse e asistir ao curso”, asegura.

A problemática creada levou aos maioristas de produtos fitosanitarios a manter unha reunión coa conselleira de Medio Rural. Neste sentido, dende SOAGA aseguran que “a administración mostrou toda a súa colaboración na medida do posible, e de feito mantivéronse varias reunións nas que o persoal da administración aclarou todas a dubidas plantexadas”.

“Vai provocar que moita xente abandone a viticultura”

Os pequenos distribuidores locais son os que mellor coñecen se o sector está adaptado ou non para a nova normativa. Antonio Meiriño, propietario de Agromeiriño, en Ribadavia (Ourense) asegura que “hai moitísima xente que non ten aínda o carné e á que xa non lle estamos vendendo os produtos que nos piden”.

“Hai clientes que nos din que levan meses apuntados para realizar o curso básico pero que non os chaman”, engade. E nunha comarca eminentemente vitícola como O Ribeiro, Antonio Meiriño pronostica que “o decreto vai provocar que moita xente maior que ten a viticultura como unha actividade complementaria e que non ten o carné de fitosanitarios abandone o viñedo”.

“O Decreto está pensado para grandes agricultores, non para a realidade de Galicia”

O motivo é que os produtos fitosanitarios que se ofrecen para uso non profesional -os que non requiren o carné- “son moi poucos, e sobre todo en funxicidas, que é o principal problema sanitario do viñedo en Galicia”.

“En insecticidas de uso non profesional aínda hai oferta, pero en funxicidas o Decreto só ofrece o uso do cobre e en pequenos sobres, o cal resulta moi caro e é moito menos efectivo fronte ao mildeu”, advirte Antonio Meiriño.

“Estou de acordo en que a lei hai que cumprila, pero non está adaptada ao minifundio de Galicia e vai provocar o abandono de moitos viticultores”, conclúe.

“Moitos cultivos en Galicia van quedar sen produtos fitosanitarios para pragas”

Manuel Crespo, técnico de SOAGA incide tamén neste problema de adaptación, xa que coa oferta de produtos de uso non profesional “moitos dos cultivos van quedar sen produtos fitosanitarios para combater as pragas”.

“A oferta, de momento, é moi limitada, polo que non vai cubrir as necesidades dos agricultores que non teñan carné”. “Así, -explica- non vai haber herbicida de uso non profesional para o millo, como tampouco un funxicida sistémico para o control do mildeu en viña ou un herbicida para a pataca”.

“A norma está feita para os grandes agricultores, non para Galicia”

Na mesma opinión coincide Jesús Campañó Casal, xerente de Agroulla, un establecemento de venda de produtos para o campo en Valga (Pontevedra).

“Son normativas que saen de Bruxelas para grandes agricultores, grandes profesionais con grandes volumes e esa vara é a que queren aplicar en Galicia, onde a realidade é diferente: temos minifundio e o 80% dos agricultores son pequenos e a tempo parcial”, asegura.

Neste sentido, tamén prevé que “vai haber moitísima xente que non vai estar disposta a sacalo, sobre todo pequenos agricultores aos que se lles empezas a poñer máis trabas van abandonar a actividade”. Por iso, Jesús reclama “unha vara de medir adaptada á realidade galega, cun carné intermedio entre o aficionado e o profesional”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información