Agrocebola: Un exemplo de diversificación na comarca da Limia

Con 21 anos Daniel Joga Calvo tomou o relevo na súa explotación agrícola familiar. Nunhas 70 hectáreas de terreo, recolleu a pasada campaña uns 600.000 kilos de cebola e 2,5 millóns de quilos de pataca, apañadas a man

Publicidade
Agrocebola: Un exemplo de diversificación na comarca da Limia

Daniel Joga Calvo cos produtos que cultiva: pataca e cebola

Daniel Joga Calvo é un mozo que con apenas 21 anos tomou o relevo en Agrocebola, unha explotación agrícola familiar situada en San Pedro de Laroá, no concello ourensán de Xinzo de Limia. Empregan a 5 persoas de forma directa durante todo o ano, pero na época de colleita chegan a contratar a ata 40 traballadores agrícolas.

El é xa a terceira xeración de agricultores da familia: “Os meus avós xa botaban unhas 2 hectáreas de pataca. O meu pai, Camilo Joga, tomou o relevo e foi quen deu o gran salto adiante, ampliando a superficie de cultivo e apostado hai 15 anos pola diversificación co cultivo da cebola”, explica.

O seu foi un relevo imprevisto tras o repentino falecemento do seu pai, un dos grandes produtores agrícolas da Limia e un dos labradores máis innovadores e respectados da comarca. “Incorporeime hai un ano tras o falecemento do meu pai. Sempre me gustou a agricultura e traballar cos tractores polo que tiven claro que me quería dedicar a isto”, asegura.

“O prezo da cebola ten menos oscilacións que o da pataca e dános unha seguridade”

En Agrocebola cultivan unhas 70 hectáreas nos lugares de San Pedro de Laroá, Moreiras e Abavides, no concello de Xinzo. Delas entre 50 e 60 hectáreas levan pataca e plantan outras 15 cada ano de cebola, un cultivo con demanda e que na Limia atopa unhas condicións óptimas para o seu cultivo a gran escala.

A razón desta aposta por diversificar explícaa Daniel: “O meu pai empezou a cultivar cebola primeiro nunha cooperativa e logo de forma independente hai uns 15 anos porque vía que o seu prezo sufría menos oscilacións que o da pataca e proporciona unha seguridade”.

Finca de cebolas de Agrocebola

Finca de cebolas de Agrocebola

Así, e malia que os gastos de cultivo son superiores, os prezos da cebola en orixe andan entre 45 e 50 céntimos o quilo. A variedade que cultivan é a Paja Virtudes, e aínda que o seu rendemento, uns 40.000 kilos por hectárea nun ano normal, é inferior á variedade Valenciana, Daniel Joga destaca que “a calidade e o sabor son superiores”.

Polo demais, o proceso de cultivo non é moi complexo: “Encargamos a planta a un viveiro de Toledo co que traballamos dende hai anos e cara finais de marzo ou comezos de abril plantámola en cepellón cunha máquina, e regámola para que enraíce ben. Despois, o proceso de cultivo é parecido ao da pataca: damos un herbicida residual, e imos regando por aspersión, para manter a terra húmida. Cara o mes de setembro é a colleita: recolectámola a man en grupos de entre 30 e 40 xornaleiros e almacenámola en caixóns de madeira de entre 700 e 800 quilos durante varios meses”, explica este agricultor.

“Agrocebola é o segundo produtor de cebola de Galicia”

Outra clave para o éxito deste cultivo, xunto a un bo abonado e o regadío no momento preciso, é a rotación no terreo, neste caso non volven plantar cebola no mesmo terreo ata dentro de 6 anos.

Polo demais, o clima frío e máis seco da comarca da Limia, favorece a conservación no almacén. “Se a cebola está sá e ben ventilada e a temperaturas baixas, consérvase ben”, destaca.

Nun ano normal recollen uns 600.000 kilos, o que converte a Agrocebola no segundo produtor de cebola de Galicia despois da cooperativa Postoiro, situada tamén na Limia.

En canto á comercialización, o seu destino principal é Galicia, un mercado deficitario neste cultivo, o que obriga a importala doutras comunidades. “Coa nosa marca Agrocebola vendémola a maioristas que distribúen en supermercados, hostalaría…etc. Tamén a vendemos directamente na nosa tenda, A Casa da Pataca, situada no barrio do Couto, en Ourense”, explica Daniel Joga.

Colleitan a pataca a man porque mellora a presentación e a calidade do produto

Neste establecemento tamén venden directamente o que segue sendo o seu cultivo principal, a pataca. As variedades que cultivan son fundamentalmente a Agraria, que ocupa arredor do 50% da superficie plantada, seguida pola Kennebec e pola Dayfla.

Nesta pasada campaña recolleron uns 2,5 millóns de quilos, unha cantidade inferior aos 3 millóns dun ano normal, debido á seca e ás elevadas temperaturas. En canto á comercialización, Daniel Joga explica que “envasamos nós a pataca e vendémola tanto en tendas como a grandes cadeas de distribución, e tamén exportamos sobre o 14% a Portugal”. Tamén reparten directamente cunha furgoneta a restaurantes e particulares da cidade de Ourense.

Unha das técnicas que mantén Daniel Joga do seu pai é a recollida da pataca a man, hoxe minoritaria na Limia trala chegada das máquinas. “Creo que é o futuro, porque as colleitas recollidas a man valóranse máis. No noso caso, a pataca pasa directamente da terra ao caixón. Desta forma evítanse os golpes que lle dá a máquina e consérvase mellor. Ademais, á hora de comercializala, o cliente busca que teña un bo aspecto e isto conséguese máis facilmente tratándoa con coidado”, destaca.

E incluso a eficiencia chega a ser igual á da máquina. Así, a cuadrilla de ata 40 traballadores rumanos que contratan durante os dous meses da campaña de colleita chegan a recoller ao día ata 130.000 quilos, “o que se equipara ao que podería conseguirse cunha máquina convencional, e cunha mellor calidade”.

Daniel Joga cun dos traballadores que recollen a pataca a man. Foto: Daniel Portela, La Voz de Galicia

Daniel Joga cun dos traballadores que recollen a pataca a man. Foto: Daniel Portela, La Voz de Galicia

Futuro: Seguir diversificando e chegar ao consumidor final

En canto ao futuro da súa explotación agrícola, Daniel Joga aposta por “seguir ampliando superficie e continuar na mesma liña do meu pai: diversificar e chegar cada vez máis ao consumidor final, para evitar intermediarios e que tanto agricultores como consumidores teñamos mellores prezos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información