Advirten de que a maioría dos produtos fitosanitarios sen carné ou non se comercializan ou non son efectivos

Os establecementos de venda critican que a lista de 165 produtos para uso doméstico do Ministerio non é fiable, polo que lle restan credibilidade aos folletos informativos repartidos pola Consellería do Medio Rural e recomendan sacar o carné de fitosanitarios de nivel básico.

Publicidade
Publicidade
Advirten de que a maioría dos produtos fitosanitarios sen carné ou non se comercializan ou non son efectivos

Establecemento de venda de fitosanitarios

A maioría dos 165 produtos fitosanitarios para uso doméstico, é dicir, que se poden mercar sen necesidade de carné, que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medioambiente ten no seu rexistro ou ben non se comercializan por parte das empresas titulares ou non son efectivos para combater as enfermidades fúnxicas máis comúns en Galicia como o Mildeu ou a Botrite, máxime nun ano chuvioso coma este.

Esta é percepción unánime que trasladan os diversos establecementos de venda consultados por Campo Galego, a maior parte dos cales prefire manter o anonimato. Neste sentido, consideran que a campaña informativa posta en marcha pola Consellería do Medio Rural, a través do reparto duns 100.000 folletos informativos sobre os produtos fitosanitarios de uso doméstico para os principais cultivos de autoconsumo en Galicia (pataca, viñedo, tomate, leituga ou pemento), “crea máis confusión entre a cidadanía, xa que nos veñen pedindo uns produtos que non se fabrican; e nos que se comercializan moitos deles non son efectivos para un clima como o de Galicia”, segundo recoñece o propietario dun establecemento de Santiago de Compostela.

Gran parte dos produtos caerán do rexistro do Ministerio nuns meses

“Moitos destes produtos foron rexistrados hai anos polos fabricantes para telos no seu portafolio, pero nunca tiveron a intención de comercializados por diversos motivos, pero sobre todo porque non lle vían rendibilidade económica”, apunta o representante dunha empresa fabricante de fitosanitarios.

“A única maneira de depurar ese censo sería ir chamando ás casas comerciais para comprobar se o comercializan ou non”, engade, algo que non fixeron nin o Ministerio nin a Consellería do Medio Rural antes de publicar os folletos informativos. “Estou seguro de que polo menos a metade deses produtos de uso doméstico non están disponibles para o agricultor, e os que queden presentan bastantes deficiencias”, engade. Entre elas, advirte de que “hai produtos na lista que non están realmente recomendados para os cultivos que se indican”. E é que as 165 denominacións comerciais parten todas elas duns 30 principios activos, que son os que actúan contra as pragas dos cultivos.

“A Consellería fixo un corta e pega dunha lista do Ministerio que é pouco profesional”

A intención da Consellería do Medio Rural ao difundir esta listaxe de produtos de uso non profesional era reducir o número de demandantes do carné básico de fitosanitarios e a altísima demanda de cursos rexistrada nos últimos meses. Así se explican as declaracións realizadas en febreiro pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, no pleno do Parlamento de Galicia: “Para uso doméstico hai principios activos necesarios para atacar as principais enfermidades da pataca e do viñedo (……) Non hai que enganar á xente: con catro vides e catro patacas non se debe ter ese carné”.

Sen embargo, para un representante para a zona Noroeste dunha empresa de fitosanitarios que prefire manter o anonimato “o que hai é que tras a mala xestión dos cursos de fitosanitarios, a Consellería fai esta campaña informativa para mellorar a súa imaxe cun corta e pega do Rexistro do Ministerio de Produtos Fitosanitarios para uso doméstico, unha lista que é pouco profesional, con datos sen contrastar e que non está adaptada á realidade de Galicia”.

Ante esta situación os representantes de puntos de venda consultados coinciden en que “aínda que sexa para autoconsumo é necesario que o agricultor quite o carné básico de fitosanitarios, para poder dar un tratamento eficaz e non perder as colleitas”.

Exemplos de fitosanitarios contra a pataca ou a vide que non están disponibles

Dende Agrícola Neira Varela, en Boqueixón, fan unha revisión dos folletos informativos divulgados pola Consellería do Medio Rural a partir da lista do Ministerio.

Pataca e tomate:

Insecticidas para escaravello da pataca e pulgóns: dos 12 produtos que aparece na lista só 7 deles están autorizados para uso en pataca. Unha parte dos clorpirifos 48%, como o Chas 25 e outros, quedan prohibida a súa venda a partir do mes de setembro.

En funxicidas (contra mildeu e oídio), dos 25 produtos anunciados todos son cobres, cun máximo de 2 formulacións distintas (oxicloruro de cobre e óxido cuproso), e un difenoconazol para a alternaria. Sen embargo, os produtos máis eficaces contra o mildeu en pataca nun ano húmido e chuvioso coma este son as formulacións con mancozeb, folpet, cimoxanilo ou clortalonil, que non se poden comprar sen o carné básico de fitosanitarios. Isto é válido tamén para o cultivo do tomate.

Viñedo:

Co que temos no mercado de horta e xardín para este cultivo teriamos como en pataca un cobre e un xofre. Estariamos a expensas do tempo, ano bo teriamos algo (como o ano pasado) pero nun ano coma este non teriamos nada.

Dende Agrícola Neira consideran que a lista de produtos fitosanitarios de uso doméstico do Ministerio e difundida pola Consellería non se adapta á realidade galega. “Unha familia no rural galego -explica- sempre planta como mínimo un saco de patacas, ten unhas 100 cepas para viño e planta un pouco millo para as súas galiñas, á parte da súa horta; polo que queda moi limitado cos produtos que se poden ofrecer sen carné profesional e sempre falando do uso sustentable dos produto fitosanitarios”.

Máis información:

Folletos informativos da Consellería do Medio Rural sobre os produtos de uso non profesional para:

-Pataca e vide.

-Cebola e tomate.

-Leituga e pemento.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información