A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Abono orgánico na horta, vantaxes e boas prácticas

Ensaios desenvoltos en Galicia en cultivos de leituga e pemento baixo invernadoiro demostran que un abono orgánico elaborado con esterco de polo logra rendementos equivalentes ou superiores ós fertilizantes minerais

Abono orgánico na horta, vantaxes e boas prácticas

O abono orgánico amosouse eficaz en ensaios en pemento.

Que beneficios ten un abono orgánico na agricultura? Resulta complicado comparar a súa eficacia coa dun fertilizante mineral, pois o abono orgánico, ademais da aportación de nutrientes, ten uns efectos positivos sobre as propiedades do solo. A comparación de rendementos preséntase, sen embargo, como a mellor vía para coñecer o valor dun abono orgánico. Vexamos como se comporta un abono elaborado con esterco de polo en cultivos de leituga e pemento.

Unha investigación feita en Galicia por Francisco Antonio Cabaleiro (Escola Politécnica de Lugo, Universidade de Santiago) comparou o resultado do abono Biof (Aviporto), feito con esterco de polo deshidratado e granulado, con distintos abonados minerais. A súa conclusión é que o fertilizante orgánico demostrou resultados equivalentes ou superiores ós abonos minerais no cultivo do pemento e en dous ciclos sucesivos de leituga.

Unha vantaxe do abono orgánico é que os seus nutrientes se mineralizan progresivamente, de xeito que a planta dispón deles segundo os vai necesitando

Unha das vantaxes que amosou nos ensaios o abono de Aviporto (Portomarín, Lugo) é que a súa materia orgánica e os nutrientes que contén (N, P, K, calcio, magnesio, etc.) mineralízanse progresivamente, é dicir, libéranse gradualmente, de xeito que a planta disporá dos nutrientes segundo os vaia necesitando.

Ese efecto é de especial interese en cultivos de ciclo longo, coma o pemento, que se alonga ata 9 meses. En ciclos curtos, como o da leituga, o abono orgánico xera un efecto residual que pode ser aproveitado nun segundo ciclo de cultivo, comportándose ó xeito dun fertilizante químico de liberación lenta.

Outro beneficio claro radica na aportación de materia orgánica ao solo, o que mellora a súa estrutura, propiedades físicas e biolóxicas e capacidade de retención de auga.

Cultivo de leituga. / Arquivo.

Cultivo de leituga. / Arquivo.

Abonado en leituga

A leituga é un cultivo cunhas necesidades por ciclo que oscilan entre 80 e 160 Kg. de nitróxeno por hectárea. O ensaio de aplicación de abonos en leituga, realizado en invernadoiro en Lugo no marco da tese de Francisco Antonio Cabaleiro (Escola Politécnica de Lugo, 2013), fíxose comparando cinco doses distintas do abono orgánico Biof (60, 80, 120, 240 e 360 Kg. de nitróxeno por hectárea) con dous fertilizantes minerais, un nitrato amónico (120 kg. N. / hectárea) e un fertilizante de liberación lenta (120 kg. N. / hectárea).

Tanto co abono mineral como co abono orgánico realizouse unha labor pouco profunda para incorporalo ó solo e despois os bancais cubríronse con plástico negro de polietileno para evitar a aparición de malas herbas. A investigación desenvolveu dous ensaiois, un primeiro iniciado en outubro, con dous ciclos de cultivo sucesivos de leituga, mantendo un descanso dun mes entre ambos, e outro en primavera, tamén con dous ciclos consecutivos.

Ensaios de outono-inverno
Os ensaios de outono inverno compararon catro doses de abono orgánico (60-80-120-240 kg. N/hectárea) co nitrato amónico (120 kg. N./hectárea). No primeiro ciclo de outono, o abono orgánico á dose máis baixa e o abono mineral obtiveron leitugas de peso semellante (230-240 gramos unidade), en tanto as tres doses con maior aportación de abono orgánico obtiveron os rendementos superiores.

No segundo ciclo de cultivo de outono-inverno, froito do efecto residual do abono orgánico, as tres doses máis altas de abono orgánico deron lugar a altas porcentaxes de leitugas con peso comercial, superior a 100 gramos, en tanto o abono mineral quedouse en leitugas do entorno de 50 gramos. O efecto do abono orgánico no segundo ciclo foi entre un 69 e un 200% superior ó abono mineral.

Ensaios en primavera
Os ensaios de primavera compararon tres doses de abono orgánico (120-240-360 kg. N/hectárea) co nitrato amónico (120 kg. N./hectárea) e cun fertilizante de liberación lenta (Nitrofoska Stabil, 120 kg. N. / hectárea). No primeiro ciclo, os maiores rendementos corresponderon ó fertilizante de liberación lenta, seguido dos abonados coas dúas doses máis altas do abono orgánico Biof.

No segundo ciclo, evidenciouse o efecto residual de todos os fertilizantes, en comparación cunha parcela control sen abonado, pero o resultado do abono orgánico foi superior ó fertilizante de liberación lenta entre un 18 e un 34%, segundo a dose. Tamén mellorou en máis dun 97% ó nitrato amónico.

O autor da tese sinala que no primeiro ciclo de primavera, as tres doses de abono orgánico obtiveron resultados semellantes, probablemente porque precisábase de máis tempo antes do cultivo para que os nutrientes do abono se fosen mineralizando, quedando a disposición das plantas. No segundo ciclo, sen embargo, evidenciouse de xeito claro que o peso da leituga aumentaba co incremento do abonado orgánico.

Conclusións
Tanto en cultivos en condicións climáticas desfavorables (outono-inverno) como en mellores condicións (primavera), o abono orgánico garantizou a produción de leituga en calquera das doses aplicadas do mesmo xeito que o abono mineral. Resulta, por tanto, competitivo cos abonos minerais nun primeiro ciclo e claramente superior nun segundo ciclo do cultivo, nos que mantén un efecto maior.

En cultivo de leituga, unha dose de abono orgánico de 120 kg. N / hectárea foi suficiente para obter producións superiores ós fertilizantes minerais

En canto ás recomendacións de abonado, a tese conclúe que unha dose de 120 kg. N. / hectárea do abono orgánico Biof é suficiente para obter producións superiores ás que se logran co abono mineral convencional (nitrato amónico) e, en conxunto, similares ás obtidas con fertilizantes de liberación lenta.

A tese doutoral analizou tamén posibles efectos secundarios dos abonados, como a acumulación de metais no chan, concluíndo que no periodo analizado, de 8 meses, non se detectou ningún risco coa aplicación do abono orgánico Biof.

Abonado en pemento

Outro dos ensaios realizados no marco da tese doutoral foi con pemento tipo Lamuyo, un cultivo de ciclo longo que se estableceu de abril a xaneiro do ano seguinte, comparándose distintas doses do abono orgánico Biof (60-120 kg. N. / hectárea) cun fertilizante de liberación lenta, Nitrofoska Stábil, aplicado a 100 kg. N. / hectárea.

En rendemento do cultivo, usando o abono orgánico á dose máis baixa (60 kg. N./hectárea), obtivéronse rendementos de igual calidade e categoría que os obtidos co fertilizante de liberación lenta. As maiores doses de abono orgánico aumentaron o rendemento produtivo, impoñéndose ós abonados minerais.

A investigación avaliou tamén a calidade nutritiva do pemento, onde non houbo diferenzas significativas no contido de vitamina C, un dos elementos que máis destaca no pemento, pero o abonado con esterco de polo si aumentou os niveis en pemento de nutrientes como fósforo e zinc.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información