A zona demarcada para controlar a pulguiña da pataca exténdese xa a case toda Galicia

O avance da praga provoca que, en só dous anos, toda a provincia de Lugo e o noreste da de Ourense se inclúan nesta demarcación. Fernando Alonso Arce, director do Centro de Control de Variedades Vegetales Agrícolas de Castilla y León ofrece algunhas claves da propagación deste coleóptero

Publicidade
A zona demarcada para controlar a pulguiña da pataca exténdese xa a case toda Galicia

Zonas afectadas a principios deste ano en España pola expansión desta praga.

A pulguiña da pataca, Epitrix, é un coleóptero orixinario de Norte América que foi detectada en Galicia en 2010. Esta praga chegou á comunidade galega procedente de Portugal, onde os seus síntomas foran constatados xa no ano 2004. As provincias da Coruña e Pontevedra e algunhas zonas de Lugo e Ourense pasan a considerarse en 2015 como áreas demarcadas nas que se aplican determinadas medidas preventivas para evitar a expansión da praga. En só dous anos, o avance da pulguiña obriga a que case toda Galicia permaneza baixo esta demarcación. En xaneiro de 2018 toda a provincia de Lugo e o noroeste de Ourense súmanse ao resto de territorios galegos con esta identificación.

Desde a detección da pulguiña en 2004 na Península Ibérica e ata 2015 fóronse identificando casos en distintos puntos como Asturias ou Andalucía pero non se aplicaron medidas oficiais, tal e como explica o director do Centro de Control de Variedades Vegetales Agrícolas de Castilla y León, Fernando Alonso Arce. Para combatela os agricultores aplicaban insecticidas adicionais pero non existía ningún plan estatal para frear o seu avance.

Que é a pulguiña?

Existen catro especies de Epitrix que producen danos nos tubérculos. Todas elas son case idénticas e orixinarias de Norte América. A Epitrix tuberis é a especie máis daniña pero a primeira detectada en Galicia foi a Epitrix similaris. Actualmente, acéptase que a maioría dos insectos capturados en España pertencen a unha quinta especie Epitrix papa.

Epitrix-

Exemplares das distintas especies de Epitrix.

É unha pulguiña de 1,5-2 milímetros de cor negra que se alimenta das ramas da pataca aínda que xunto á pataca, tamén os tomates e a berenxena exercen como hospedantes para estes coleópteros. As larvas son brancas, e atópanse nos tubérculos onde producen pequenas mordeduras que deixan sucos superficiais de aspecto característico e fácil de detectar.

A pulguiña centra a súa actividade na primavera e o verán, desde os meses de abril cando realiza a posta ata o mes de outubro. Coa chegada do outono os adultos invernan. Os ovos eclosionan en apenas unha semana para converterse en larvas que darán lugar ás pupas e logo aos adultos. Este ciclo de vida dura apenas 6 semanas.

Que implicacións conlevan as zonas demarcadas?

As zonas demarcadas inclúen as áreas afectadas e aquelas franxas denominadas tampón que son lindeiras e que implican unha anchura de polo menos 500 metros desde o bordo da zona infestada. Nestes espazos aplícanse as medidas oficiais de erradicación ou contención.

En Galicia publicáronse as zonas demarcadas mediante a Resolución de 15/1/2014 modificada pola Resolución de 11/2/2016. Aínda que, fundamentalmente a restrición atópase na zona litoral de Pontevedra e A Coruña (ámbalas provincias foron declaradas integramente zonas demarcadas), localizáronse tamén focos nalgunhas localidades de Ourense (Piñor de Cea, Arrabaldo, Cenlle) e de Lugo (en parcelas de Mondoñedo, Valadouro, Barreiros e Viveiro). En 2018 pasan a considerarse como Zonas Demarcadas a totalidade da provincia de Lugo e esténdese a superficie baixo esta restrición tamén nalgunhas localidades de Ourense.

Como se propaga a praga

As principais vías de introdución da pulguiña en distintos territorios están ligadas ao movemento de patacas desde áreas infestadas. Os tubérculos poden ser o vehículo de transporte tanto de adultos como de pupas ou larvas.
Os maiores riscos residen na utilización de patacas para a sementeira que teña terra adherida na que poden habitar as larvas da pulguiña. Xunto á pataca de sementeira, tamén a pataca destinada ao consumo pode ser un método de propagación da praga se ten terra adherida.

Medidas de control

Baixo esta denominación de medidas de control inclúense a erradicación ou contención, tratamentos, desinsectacións e a prohibición de plantación de plantas hóspede. Como apunta o experto, Fernando Alonso, tamén é preciso levar a cabo un control intensivo da presenza do organismo. Débese realizar un lavado ou cepillado dos tubérculos para que non conteñan máis dun 0,1% de terra. Este proceso é ademais imprescindible para o traslado de tubérculos procedentes de zonas demarcadas.

Requisitos no traslado

As patacas procedentes de zonas demarcadas deben cumprir unha serie de requisitos para evitar a propagación da praga. No traslado debe especificarse o lugar de produción, agricultor e o centro de expedición. Ademais de ser lavados ou cepillados, os tubérculos deben contar con pasaporte fitosanitario e utilizar embalaxes limpas.

No traslado á instalación de embalaxe, as patacas destas zonas deben cumprir unha serie de condicións:

-Os tubérculos deben ser cultivados en campos con tratamentos insecticidas

-Debe realizarse unha inspección oficial en campo antes da colleita

-É preciso comunicar á Xunta a data do traslado

-O vehículo utilizado para o traslado debe ser cuberto ou as patacas deberán ir en embalaxes pechadas e limpas.

-No transporte debe levar o documento que acredite a orixe e destino das patacas

-Unha vez que cheguen ao almacén, debe procederse ao lavado ou cepillado das patacas

-É preciso a desinfección de vehículos, embalaxes, maquinaria e terra, residuos e restos

-Son tamén necesarios uns requisitos de control nas instalacións de embalaxe. Estes espazos deben estar rexistrados para o empaquetado de tubérculos de pataca orixinarios de zonas demarcadas e será preciso que leven rexistro durante un ano desde a data de chegada dos tubérculos procedentes desas áreas.

-Outras medidas de control para a praga implican unha rotación ampla de cultivos e limpar a terra despois da recolección. É necesaria tamén a destrución de restos de vexetación e eliminar as malas herbas. En presenza da pulguiña aconséllase realizar unha recolección temperá e labrar profundamente a terra antes da sementeira.

plan-contingencia-Epitrix-

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información