A seca reduce ata un 60% as previsións de colleita de mazá de sidra

A Estrada, a principal comarca produtora de Galicia, prevé recoller uns 1,3 millóns de quilos durante estas semanas. Malia ser un ano de moito froito, a intensa seca do verán fixo que os froitos sexan máis pequenos.

A seca reduce ata un 60% as previsións de colleita de mazá de sidra

Recollendo mazás de sidra en Callobre, A Estrada

Galicia vive dende hai uns anos unha recuperación do cultivo da mazá sidreira e da elaboración de sidra, unha bebida tradicional en Galicia dende moi antigo, pero cuxa fama a levou a veciña comunidade de Asturias. O concello da Estrada é o epicentro deste rexurdimento dos pomares galegos, concentrando a maior parte da produción de mazá ecolóxica para sidra de Galicia.

O pasado fin de semana iniciouse a colleita da mazá, unha actividade que se prevé se alongue ata a terceira semana de outubro, a medida que vaian madurando as distintas variedades de mazás.

Ullama é unha cooperativa que agrupa a uns 30 produtores da Estrada e a unhas 70 hectáreas de maceiras, a maior parte das 100 hectáreas que se dedican a este cultivo no concello. O técnico da cooperativa, Miguel Soto, explica que “aínda que haxa moito froito por ser ano non veceiro, este é pequeno e con menos peso debido á intensa seca de xuño, xullo e agosto”. “As choivas de finais de agosto foron as que permitiron salvar a colleita”, subliña.

 “Nos próximos 5 anos pasaremos de longo dos 2 millóns de quilos”

A falta de precipitacións provocou que as previsións de colleita “sexan de arredor de 1,3 millóns de quilos, cando o normal é que chegáramos aos 2 millóns”. Aínda así, a colleita é un 30% superior á do ano pasado.

A clave deste aumento, está nas novas plantacións que se estiveron facendo e que, segundo o técnico de Ullama, “permitirán que nos próximos 5 anos pasaremos de longo dos 2 millóns de kilos de mazá de sidra producida na Estrada”. E é que, segundo explica Miguel Soto “a maceira empeza a producir ao 4-5 ano de plantala e a partir de aí o aumento da produción é exponencial”.

A maior parte da produción destínase á elaboración da Sidra Maeloc

En canto á venda, a práctica totalidade dos preto de 900.000 kilos de mazá de sidra en ecolóxico que prevé comercializar Ullama venderanlla a Custom Drinks, a planta de Hijos de Rivera en Chantada, para elaborar a sidra Maeloc. Deste xeito, a cooperativa estradense subministra arredor do 40% da mazá que merca a sidrería de Chantada.

En canto aos prezos, este ano na Estrada están nos 0,28 €/kilo para a mazá ecolóxica. Para a mazá cultivada en convencional son menores: entre 0,22 e 0,23 o kilo, e son mercadas sobre todo por sidreiros de Asturias. A man de obra para a colleita da mazá lévase arredor dun 30% do prezo e os portes representan arredor de 2 céntimos por quilo.

Aposta polas variedades autóctonas de Galicia

As variedades de maceiras de sidra que están plantadas na Estrada son, sobre todo, asturianas: limonera, sangre de toro, regona, durona ou collaos. Sen embargo os agricultores están apostando cada vez máis por variedades autóctonas galegas, como a Rabiosa de Callobre, unha variedade propia desta parroquia estradense, que pola súa acidez e maior resistencia a enfermidades, resulta idónea para a elaboración de sidra.

No norte de Galicia tamén as maceiras de sidra tamén sentiron a seca

Outra zona na que están a despegar as plantacións de maceiras de sidra é no norte da Coruña. José Juan Rico é o secretario de AFRUGAL, unha asociación que agrupa a produtores de Aranga, Narón, Xermade, Monforte, Sarria, Portomarín, Xermade…etc. En total, roldan as 30 hectáreas, pero sobre todo son plantacións novas que entrarán en produción nos próximos anos.

Juan José Rico asegura que “este ano, malia a seca, está a ser un bo ano de mazá, por non ser de vecería para a árbore”. “Houbo cero problemas de fungos e só algún problema de verme da mazá, como todos os anos”, engade.

En canto á comercialización, o secretario de AFRUGAL recoñece que “o pouco que vendemos, ao ser plantacións novas, está indo para Asturias, onde nola están pagando no entorno dos 0,24 €/kg, pero a nosa intención para este ano é empezar a subministrar á sidrería de Estrella Galicia en Chantada”.

Claves de futuro: Plantacións modernas, variedades autóctonas e cultivo en ecolóxico

E é que a sidrería de Custom Drinks está a actuar como motor da recuperación do cultivo da maceira de sidra en Galicia, ao asegurarlle aos produtores cos que mantén acordos tanto a recollida da mazá como uns prezos estables.

Por último, uns e outros insisten na necesidade de diminuír os custos de produción, con plantacións modernas e mecanización tanto da poda como da recollida da mazá. E tamén por diferenciarse no mercado mediante a aposta por variedades autóctonas galegas e polo cultivo en ecolóxico.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información